As eleccións ao Parlamento galego previstas para o ano 2024 pecharán un ciclo que contará con dúas citas anteriores: a celebración dos comicios locais en 2023 e a convocatoria -en data indeterminada- para elixir as Cortes Xerais do Estado.
A pesar da grande distancia temporal que aínda existe para acometer a renovación da Cámara do Hórreo, o PPdG -a través do seu voceiro Tellado- ven de exhibir unha forte belixerancia descualificadora dos máximos dirixentes do BNG e do PSdG. No caso de Ana Pontón, utilizando algunhas formulacións realizadas dende a tribuna do Congreso polo voceiro nacionalista. No de Valentín G. Formoso, establecendo unhas hipotéticas complicidades da nova presidenta socialista, Carmela Silva, cun funcionario do concello vigués condenado nun xuízo por corrupción.
Non se entende esta agresividade verbal -que non semella ser unha arroutada espontánea senón algo deliberadamente calculado- de non mediar unha preocupación de maior fondura de cara ao futuro. Se repasamos o sucedido a partir do momento no que Feijóo se presentou á reelección como presidente da Xunta, comprobaremos que, en todas as ocasións, aconteceu algunha fractura previa no seo das formacións políticas competidoras.
Non se entende esa agresividade verbal do PPdeG a través do seu voceiro Tellado -que non semella ser unha arroutada espontánea senón algo deliberadamente calculado- de non mediar unha preocupación de maior fondura de cara ao futuro
No ano 2012, o BNG perdeu a exclusiva da oferta nacionalista -por mor da división rexistrada na Asemblea de Amio- e apareceu AGE obtendo un resultado electoral apreciábel. Na convocatoria de 2016, AGE foi substituída por En Marea e o PSdG padeceu os efectos desmobilizadores dunha imputación xudicial -que o paso do tempo demostrou absolutamente infundada- do seu candidato Gómez Besteiro. Na mais recente cita, en Xullo de 2020, En Marea perdeu toda a fortaleza política adquirida anteriormente despois dun espectacular proceso de autodestrución interna. Por unhas razóns ou por outras, durante a última década, Alberto Núñez beneficiouse dos erros e das feblezas dos seus contrincantes e conseguiu acadar a maximización dos seus rexistros electorais.
No momento actual, despois da Asemblea do BNG e do Congreso do PSdG, cabe pensar na apertura dunha nova dinámica no ámbito da oposición galega, cunha máxima redución dos riscos de división interna e, xa que logo, cunha maior expectativa de conseguir resultados mais favorábeis na disputa da hexemonía política que posúe o PP nas institucións de autogoberno. Certamente, a organización socialista é a que ofrece mais dúbidas sobre o seu comportamento futuro: ademais dos precedentes cainitas dos últimos anos, deberá xestionar a complicación derivada da non presenza do seu futuro candidato á presidencia da Xunta nos escanos parlamentarios. Aínda que existe algún precedente histórico que convida a relativizar a transcendencia da condición de voceiro no pazo do Hórreo de cara á consecución dun apoio electoral notábel, resulta indiscutíbel a vantaxe que tal situación lle reporta a Feijóo.
En todo caso, e supoñendo que se manteña esa mellora no estado das forzas da oposición que agora se apunta, un dos factores que condicionará moito a evolución dos vindeiros anos estará na capacidade do PPdG para superar a inevitábel “fatiga de materiais” que provoca unha longa estancia no poder. Ademais do contexto pouco favorábel que lle reporta o enfrontamento entre Casado e Ayuso e a preocupación que padecen nos despachos de Génova pola non contención ou redución dos votos de Abascal. Hai pouco tempo, a política española era unha preferencia innegábel para Núñez Feijóo. Hoxe é, mais ben, un motivo para o desacougo. E para buscar refuxio na utopía dun “Partido Galego” feito á imaxe e semellanza da súa figura.