A Xunta anuncia que a radioterapia funcionará en Lugo cinco anos despois do prometido por Feijóo

O conselleiro de Sanidade, ante o acelerador liñal da radioterapia do HULA © Xunta

O pasado 26 de febreiro cumpríase media década do acto solemne co que Alberto Núñez Feijóo inaugurou o Hospital Lucus Augusti. Naquela celebración, en vésperas das eleccións municipais, o presidente da Xunta asumiu o "compromiso" de que "pacientes con doenzas de corazón ou cancro que antes tiñan que desprazarse ou a Santiago" ían ser "atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", o 2011. Isto implicaba a instalación inmediata dos servizos de hemodinámica, medicina nuclear e radioterapia. Cinco anos, moitos conflitos, diversos prazos e unha conselleira despois, a hemodinámica funciona só en hroario de oficina desde 2014 e o actual titular de Sanidade vén de asegurar que, no caso da radioterapia, estará operativa "en breve".

O conselleiro Jesús Vázquez Almuíña visitou este martes as instalacións do hospital lucense acompañado polo director xeral da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, xa que a maquinaria de oncoloxía radioterápica do HULA está financiada con parte da doazón de 17 millóns realizada ao Sergas pola entidade do propietario de Inditex en novembro do pasado ano. Xunto ao equipamento, xa instalado, o conselleiro augurou que "en breve" -este mes, prognostican- "o HULA poderá atender aos primeiros pacientes a tratamento con radioterapia". Serán, di, unhas 600 persoas ao ano, e para atendelos só restan "os trámites necesarios para poder tratar os pacientes con calidade e seguridade".

Feijóo asegurou que o servizo estaría operativo en 2011

Este anuncio prodúcese case un ano despois do último gran anuncio da Xunta ao respecto. Apenas mes e medio antes doutras eleccións municipais, as de maio de 2015, o Goberno galego anunciaba que o Consello da Xunta viña de "dar luz verde á decisión de reforzar a modernización tecnolóxica" do Sergas "coa renovación de 10 aceleradores liñais nos hospitais públicos". Como informou Praza.gal, o Consello non é o órgano competente para tomar esta decisión, e o que alí se abordou foi só un informe, documento sen valor xurídico ningún, frecuentemente usado polo goberno para anunciar á prensa asuntos que considera convenientes.

A Xunta anunciou por última vez a radioterapia para Lugo antes das municipais de 2015

O anunciado en abril de 2015, como despois admitiu a propia Xunta, era a celebración dunha mesa de contratación -formada por persoal técnico- para cumplimentar os últimos trámites do macrocontrato de máis de 70 millóns de euros que a Xunta tramitaba dende o outono de 2013 para encomendarlle a varias multinacionais a definición das necesidades tecnolóxicas dos centros sanitarios do país, así como a dotación dos equipamentos tecnolóxicos pola vía do "diálogo competitivo". Unha desas empresas, Varian Medical Systems, é a que subministra o acelerador liñal da radioterapia de Lugo, o que financia a Fundación Amancio Ortega.

A CIG cre "lamentable" que a dotación destes equipamentos "teña que depender da beneficencia" da fundación de Amancio Ortega

Alén do atraso evidente, o cruzamento do financiamento público, das empresas privadas e do mecenado de Ortega suscitou este mércores o receo do sindicato CIG-Saúde. A central sindical pregúntase "que se fixo cos 73 millóns da contratación" tramitada dende 2013, "que parte do contrato se cumpriu, que se contratou e con que empresas e que pasou cos equipamentos pendentes de adxudicar". Para a secretaria nacional do sindicato, María Xosé Abuín, resulta "lamentable que para dotar os centros do SERGAS" desta tecnoloxía "haxa que depender de doazóns benéficas" que "aínda por riba, veñen dunha multinacional á que se lle lava a cara con estas accións de carácter humanitario mentres non se lle obriga a tratar con dignidade ao seu persoal".

Feijóo pronuncia o discurso no que prometeu os servizos © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.