21D: Catalunya vive a súa noite electoral máis tensa

Imaxe de campaña dos principais candidatos este 21-D CC-BY-SA Praza Pública

As eleccións máis excepcionais e pode que das máis decisivas na historia de Catalunya. Algo máis de 5,55 millóns de cataláns voaron este xoves nuns comicios convocados e organizados polo Goberno central tras a aplicación do artigo 155 da Constitución no pasado mes de outubro, aquel que comezou co polémico referendo do 1-O e as duras cargas policiais e rematou coa declaración de independencia do Parlament tras o intento fallido a última hora do president Puigdemont de convocar autonómicas.

O primeiro avance de participación nas eleccións indicaba unha porcentaxe do 34,7% ás 13 horas, unha cifra similar á de 2015, cando se situou nun 35,1%. As eleccións presentan unha importante diferenza con comicios anteriores porque as deste xoves celébranse en día laborable. Xa ás 18 horas, a participación elevouse ao 68,3%, uns cinco puntos superior á de hai dous anos nas últimas autonómicas. 

O primeiro avance de participación indica unha porcentaxe do 34,7% ás 13 horas, cifra similar á de 2015, cando se situou nun 35,1%

Neste 21-D, Puigdemont atópase en Bruxelas fuxido da intervención da Xustiza española xunto a outros consellers cesados, o número un de ERC e principal aspirante a presidir a Generalitat, Oriol Junqueras, segue na cadea e os líderes das principais organizacións impulsoras do procés, Ómnium Cultural e a ANC, mantéñense tamén no cárcere. 

Agárdase unha altísima participación -de preto do 85%- pero, con todo, poucos son os que pensan que os resultados poderán desencallar un conflito político entre dous bloques: os que apostan pola independencia e os que defenden a permanencia de Catalunya no Estado e a aplicación do artigo 155. No medio, parecen claves os resultados que obterá Catalunya En Comú-Podem, formación que rexeita a vía unilateral e tamén a resposta do Goberno central. Porén, a lectura final será única: comprobar se o bloque soberanista revalida ou non a maioría absoluta.

De feito, as dúas enquisas publicadas despois do peche dos colexios, a de Celeste-tel e GAD3, coinciden en dar o triunfo a Ciudadanos pero tamén a posibilidade de goberno aos independentistas, que estarían en condicións de revalidar a maioría absoluta. Segundo o inquérito de GAD3, a suma de ERC, Junts per Catalunya e CUP suporía un bloque de entre 67 e 71 escanos no Parlament. 

A enquisa de Celeste-tel, pola súa banda, rebaixa as expectativas do bloque independentista e sitúao ás portas da maioría e a expensas do que decida Catalunya En Comú-Podem. O soberanismo (ERC, JXC e CUP) obtería entre 64 e 67 escanos, quedando ás portdas da maioría (68).

Xa que logo, os inquéritos non o deixan claro e apuntan a unha apertada loita entre os dous bloques, pero tamén a unha dura loita por ver quen é o partido máis votado, con ERC e Ciudadanos separados por poucas décimas. Esquerra ten na súa man gañar as súas primeiras eleccións desde a Segunda República e, malia rebaixar as súas expectativas logo do encarceramento de Junqueras, aspiran con claridade ao primeiro posto desde os seus claros postulados independentistas, aínda que apostando desta vez pola vía bilateral. De conseguir o obxectivo, a formación soberanista volvería á presidencia da Generalitat por primeira vez en 81 anos. 

Marta Rovira (ERC) pide "que a democracia volva gañar como o 1-O"

A número 2 da candidatura de Esquerra, Marta Rovira, votou pouco antes das 11 en Vic cun lazo amarelo e as súas primeiras palabras foron para Junqueras. "Hai moitas persoas que non poden exercer o seu dereito democrático, o primeiro el", dixo quen espera "que a democracia volva gañar como o 1-O", así como unha participación "moi elevada". 

Ringleiras para votar no municipio de Sant Joan Despí / © Ajuntament de Sant Joan Despí

Fronte á veteranía e a historia de ERC sitúase un partido novo como Ciudadanos, que aspira da man de Inés Arrimadas a apañar todo o voto posible da dereita unionista, capitalizando o 155 e apelando mesmo á supresión do sistema educativo de inmersión lingüística. Nin Rajoy nin Sánez de Santamaría puideron frear a sangría de votos que pasan do PP ao partido laranxa, que ameaza con converter os populares nunha formación residual e sen case influencia, a non ser que o bloque constitucionalista logre sumar maioría e chegar a acordos. Pero non será fácil. Os vetos cruzados fan case imposible a investidura da súa candidata.

Arrimadas votou e foi recibida con asubíos, apupos e tamén berros de "presidenta". A candidata laranxa destacou que as ringleiras nos colexios indica que as eleccións son "históricas e básicas para recuperar a convivencia en Catalunya". Pola súa banda, o candidato popular, Xavier García Albiol, recibiu na estación de Sants os apoderados dos PP de fóra da comunidade autónoma. "Cantas máis papeletas a favor do cambio, mellor", dixo. 

 Arrimadas cre que as eleccións son "históricas e básicas para recuperar a convivencia en Catalunya"

Desde Bruxelas, e a través de vídeoconferencias, o president cesado Puigdemont xógase o seu futuro persoal e a hexemonía do seu partido. O PDeCAT apostou todo o seu capital político na "lista del president", que foi gañando forza nas enquisas durante a campaña, pero que podería ceder por primeira vez o liderado independentista a ERC. A estratexia procesal do ex-xefe do Executivo catalán pasa por ser reelixido polo Parlament, unha aspiración que se converteu en liña vermella para Junts per Catalunya pero que non aceptan os republicanos, que apostan por Junqueras como president de ser a forza máis votada entre o nacionalismo ou, no seu caso, Marta Rovira, a número dous. 

Puigdemont comentou, en rolda de prensa desde Bélxica, queu "Catalunya sempre demostrou que non é o PP, por máis que se queiran apoderar das institucións". Para o cabeza de lista de JxCAT, o 21D non é unha "xornada normal" porque "hai candidatos en prisión e no exilio". 

Á espera están o PSC e os comuns, que esperan que os vetos duns e outros lles permitan ser claves nos hipotéticos pactos postelectorais. Miguel Iceta, candidato socialista, aspira a gobernar malia ser cuarto, o posto que lle atribúen todas as enquisas, e confórmase con mellorar o seu resultado. O seu obxectivo é que os independentistas non teñan maioría absoluta porque ve unha fórmula para gobernar grazas aos vetos dos demais. A formación daríase por satisfeita con mellorar en votos e escanos.

Logo de exercer o seu dereito a voto, Iceta chamou á mobilización e a que a xente vote pensando "en mañá". Ademais, celebrou a participación sexa alta e agradeceu o esforzo de empresarios e traballadores por permitir que se vote nun día laborable sen incidencias, así como aos apoderados e corposo e forzas de seguridade pola súa presenza. 

"Catalunya sempre demostrou que non é o PP, por máis que se queiran apoderar das institucións", di Puigdemont

En Catalunya En Comú, pola súa banda, confían na remonada que dea a Domènech a chave do Palau da Generalitat. O candidato sostén que o 21D obterá "un bo resultado" que o fará imprescindible na futura gobernabilidade. O non a apoiar os independentistas e os que votaron o 155 reducen as opcións, pero aposta todo ou nada e non agocha a súa intención de intentar conformar un goberno de esquerda xunto a ERC e PSC. 

Logo de votar, Domènech dixo esperar  "unha participación masiva para superar os bloques en positivo" e apelou a "construír un futuro de proxectos comúns".

Tamén xoga a todo ou nada a CUP. A outra pata independentista espera seguir marcando o ritmo do procés aínda que perda deputados. É a única formación que aposta claramente pola unilateralidade e por despregar a república catatlá proclamada o 27 de outubro e que foi rachada polo 155. Se o independentismo non logra a maioría absoluta, os anticapitalistas corren o risco de se converter nunha voz contundente pero relegada ao galiñeiro do Parlament. Se o soberanismo se impón, volverán ser claves. 

En Comú Podem espera ser clave nos posibles pactos; a CUP confía na vitoria do soberanismo para volver marcar o ritmo do 'procés'

 

2.680 colexios electorais en 947 municipios

En total, 5.554.394 cataláns están convocados a votar, un 0,79% máis que nas eleccións ao Parlament en 2015. Do conxunto do censo, 5.328.013 persoas residen en Catalunya e 226.381 fano no estranxeiro e teñen dereito a voto. Creceu o número de votantes desde o estranxeiro ata chegar ás 39.521 persoas, un 81,5% máis que en 2015, mentres que baixa o número de cidadáns que optaron por votar por correo: 78.876 persoas, un 26,5% menos.

Creceu o número de votantes desde o estranxeiro e baixa o número de cidadáns que optaron por votar por correo

Haberá 8.247 mesas electorais: 5.885 en Barcelona, 825 en Girona, 534 en Lleida e 1.003 en Tarragona. Formaranas 24.741 presidentes e vocais, e minutos antes das 9 horas. tamén deberán comparecer ante os colexios electorais os 49.482 membros suplentes das mesas. 3.889 representantes da administración, máis os apoderados de cada partido, velarán pola votación. Uns 17.000 axentes dos distintos corpos polliciais velarán pola seguridade nos 2.680 colexios electorais dos 947 municipios cataláns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.