24-M: Das verbas aos votos

Sobre de votación nas municipais CC-BY-SA Praza Pública

Agora, si. Dende as nove desta mañá están abertos os máis de 2.500 locais electorais que albergan as 3.997 mesas que servirán para renovar as 314 corporacións municipais de Galicia, unha menos que hai catro anos pola creación do novo concello de Oza-Cesuras. Algo máis de 2,2 millóns de persoas teñen dereito este 24-M a exercer en Galicia o dereito a votar as e os edís que ditaminarán quen goberna os municipios os vindeiros catro anos. Neste censo hai 82.362 persoas que poden participar por primeira vez nunhas municipais por faceren os dezaoito anos dende os anteriores comicios locais. Este electorado será quen decida o resultado dunhas eleccións que, a priori, son lidas como moito máis que un preoceso de renovación dos concellos.

Tras o verdadeiro terremoto electoral que supuxeron as eleccións europeas de hai un ano, nas que o primeiro posto do PP ficou opacado polo feito de que populares e PSOE non chegasen ao 50% dos votos no Estado e pola emerxencia de Podemos, os comicios deste domingo -que tamén son autonómicos en trece comunidades- terán múltiplas lecturas: dende un novo test ao bipartidismo ata a primeira gran proba ás políticas de austeridade e recortes.

Tras o terremoto das europeas estas eleccións son lidas como moito máis que un proceso de renovación dos concellos

En Galicia os comicios, ademais, unha proba de fogo ao poder de Alberto Núñez Feijóo como líder do PPdeG. Aínda que o mantemento dos populares como forza máis votada no conxunto do país é un feito practicamente indiscutible hai, cando menos, tres variables ás que atender. A primeira é o número de votos, que ilustrará se a perda de sufraxios que comezou nas autonómicas e se agudizou nas europeas é unha anécdota ou xa é unha tendencia. A segunda, a que concitará máis olladas, é a das cidades: os inquéritos debuxan un aberto panorama no que as posibilidades de maiorías absolutas se presentan escasas. A posible perda de gobernos gañados en 2011, como Santiago e A Coruña, serían interpretados como un fracaso do presidente.

En Galicia os comicios son tamén unha proba ao liderado de Alberto Núñez Feijóo

O terceiro factor a ter en conta deriva das urnas, pero non se vota nelas. A eventual perda de gobernos municipais urbanos podería ser amortecida polos populares se conservasen as tres deputacións que controlan e, moito máis, se lograsen recuperar a de Lugo, gobernada por PSdeG e BNG dende 2007. O escenario contrario daríase se os socialistas conseguen reter a presidencia da institución lucense e o panorama sería aínda máis escuro para os conservadores se son tamén desaloxados doutro dos seus bastións: a Deputación de Pontevedra.

A tradución en votos das mareas ou a resistencia de PSdeG e BNG serán outros dos puntos de interese da noite electoral

A tradución en votos das expectativas xeradas polas mareas, moi especiamente pola Marea Atlántica e Compostela Aberta, se o electorado segue percibindo ou non ao PSdeG como principal alternativa ao PP ou a capacidade de resistencia xeral do BNG serán outros dos puntos de atención dunha noite na que, con toda probabilidade, non ficarán despexadas todas as incógnitas. Ata o vindeiro 13 de xuño, data de constitución das novas corporacións municipais, transcorrerán vinte días nas que, previsiblemente, as formacións políticas terán que sentar en moitas mesas para tentaren configurar maiorías de goberno e porlle as cores definitivas a un mapa municipal no que ata agora predomina o azul do PP, que con 219 alcaldías domina case o 70% dos concellos. Mentres, o PSdeG ten agora 59 alcaldes e alcaldesas e o BNG, 26.

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.