“Os concellos gobernados polo BNG son exemplo de transformación en beneficio da maioría social, referentes de políticas de benestar e calidade de vida, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social”. Con ese argumentario, 300 cargos locais reunidos este sábado en Santiago lanzaron a estratexia da formación cara as eleccións municipais do ano próximo que se centrará no “concepto de concellos BNG” como sinónimo de “marca de calidade”.
Santiago acolle un encontro de concelleiros e concelleiras nacionalistas para planificar a súa campaña de cara ás eleccións municipais do ano próximo
“Os municipios que goberna o BNG son un desafío a esa idea de que Galiza non pode valerse por si mesma”, asegurou no encontro a portavoz nacional da formación, Ana Pontón. “Demostramos con feitos que temos un modelo propio que funciona desde a confianza nas capacidades deste país, que non necesita copiar o que ven de Madrid, un modelo que podemos ver en cada un dos concellos nos que temos responsabilidades de goberno, desde aqueles máis consolidados aos máis recentes, desde Allariz e Pontevedra, a Carballo, Rianxo, Tomiño, Bueu, San Sadurniño, A Mezquita, Castrelo de Miño,...por citar algúns exemplos”, engadiu Pontón. “É un feito obxectivo que en cada un dos concellos nos que o BNG goberna as cousas funcionan razoablemente ben e deixamos pegada importante”, recalcou. “Temos que promover un cambio de ciclo político desde a base, e dígovos que o avance do BNG nas eleccións municipais será o primeiro paso de cara a desaloxar ao PP da Xunta”, asegurou a nacionalista.
“É un feito obxectivo que en cada un dos concellos nos que o BNG goberna as cousas funcionan razoablemente ben e deixamos pegada importante”, di Ana Pontón
Pontón subliñou que os gobernos municipais nacionalistas “foron capaces de aportar solucións aos problemas de mobilidade nas urbes, de crear vilas e cidades máis habitables sen renunciar a posta en valor do patrimonio, de potenciar o comercio local como fonte de emprego e dinamización social, de conseguir que a veciñanza se beneficie do feito de ter o maior número de eólicos por habitante do Estado abaratando a factura da luz (Muras)”. Son, segundo o BNG, “gobernos municipais capaces de facer da lingua e da cultura un elemento de cohesión, concellos libres de caciquismos e corrupcións, abertos e transparentes”.
A xornada de traballo contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Cesar Mosquera; da alcaldesa de Tomiño, Sandra González; e do secretario de Comunicación, Xavier Campos.
