72.500 euros para facer unha Laponia no centro da Coruña?

Praza de Maria Pita Dominio Público Praza Pública

O BNG critica con dureza a instalación deste poboado de Papá Noel no centro da cidade, un gasto supérfluo que se une aos 51.919 euros que A Coruña gastará na cabalgata de reis

Necesita A Coruña un poboado lapón no medio da Praza de María Pita? Nun momento de crise económica e de recortes sistemáticos dos gastos públicos está xustificado que o Goberno municipal achegue case 72.500 euros para a súa construción. O Concello da Coruña semella considerar que si, mentres que o BNG critica con dureza a instalación deste poboado de Papá Noel no centro da cidade, un gasto supérfluo que se une aos 51.919 euros que A Coruña gastará na cabalgata de reis, o dobre que o achegado polo anterior goberno municipal, segundo o BNG, que engade que a isto habería que sumar o custe do alumeado de Nadal, aínda non revelado.

O BNG, que tamén considera que esta "Laponia coruñesa" rompe "coa estética da praza de María Pita", estende a crítica a outras decisións recentes do Goberno de Carlos Negreira. Segundo os nacionalistas o Concello da Coruña gastou no verán 500.000 euros na organización dun partido amigábel da selección española de baloncesto -oficialmente o Concello recoñeceu que o gasto foi de 150.000 euros- e tamén outros 1,5 millóns nas festas e nos tres días de regata que viviu a cidade en agosto.

Pregúntase a este respecto "onde fica austeridade no malgasto de cartos públicos" e emprazan o Goberno municipal "que pise a rúa e pregunte que lle parecen aos máis de 22.900 desempregados e desempregadas que hai na cidade

O BNG pregúntase a este respecto "onde fica austeridade no malgasto de cartos públicos" e emprazan o Goberno municipal "que pise a rúa e pregunte que lle parecen aos máis de 22.900 desempregados e desempregadas que hai na cidade, ás persoas dependentes que teñen que pagar polo servizo de axuda a domicilio, ás persoas pensionistas que teñen que pagar polos medicamentos, ás persoas que tiñan previsto empregar as hortas urbanas e non poderán facelo ou á cidadanía, que sufrirá o aumento de impostos municipais". O Grupo Municipal do BNG considera que "os cartos públicos malgastados" na Laponia coruñesa deberían ser destinados "a frear a crise brutal que sofre o pequeno e mediano comercio coruñés, que non será quen de remontar no nadal".

Praza de Maria Pita Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.