A agardada enquisa do CIS pon en cuestión as bases do bipartidismo

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

Dende a pasada semana agardábase con impaciencia a publicación do barómetro do CIS, o primeiro que -segundo se filtrara- ía situar Podemos como a primeira forza en intención directa de voto. E así foi. A formación liderada por Pablo Iglesias, aínda en proceso de continuación supera cun 17,6% de voto directo a PSOE (14,3%) e PP (11,7%). Porén, a estimación realizada polo CIS mantén aínda o Partido Popular como forza máis votada (27,5%), por diante de PSOE (23,9%) e Podemos (22,5%). Polo demais, presenta a sorpresa de situar a CiU (3,8%) por diante de ERC (2,3%) e ofrece unha perspectiva electoral descendente para as restantes forzas, sobre todo IU, que sufriría a competencia directa de Podemos e obtería un 4,8% dos votos, dous puntos por debaixo das eleccións de 2011. Caen tamén UPyD (4,1%), PNV (1%), Amaiur (0,9%) e o BNG, que co 0,4% quedaría lonxe do 0,75% acadado hai tres anos.

A estimación realizada polo CIS mantén aínda o Partido Popular como forza máis votada (27,5%), por diante de PSOE (23,9%) e Podemos (22,5%)

Con 22,5% Podemos crece máis de sete puntos dende o barómetro de xullo (15,3%), unha evolución semellante á certificada nas últimas semanas por outras sondaxes (Celeste-Tel: 17,1; Sigma-Dos: 24,1%; Invymark: 22,7%; Metroscopia: 27,7%). Recolle, segundo o CIS, unha parte moi importante dos votos de IU (o 44% dos que apoiaron esta formación votaría agora a Podemos), PSOE (23%) e UPyD (27%) en 2011, así coma continxentes de voto nulo (o 36,4% dos que votaron deste xeito apoiaría agora a Pablo Iglesias) e branco (18,5%) neses comicios, e tamén de abstencionistas (15,5%) e daquelas persoas que aínda non tiñan idade para votar (15,8%).

O barómetro confirma moitos dos elementos que configuran o perfil do votante de Podemos: maioritariamente urbano, novo e con formación media e superior, aínda que estendéndose por todas as franxas de idade, hábitats e niveis de estudo

O barómetro do CIS confirma moitos dos elementos que configuran o perfil do votante de Podemos: maioritariamente urbano, novo e con formación media e superior, aínda que estendéndose por todas as franxas de idade agás os maiores de 65 anos (só a partir desta idade PP e PSOE manteñen o seu dominicio), por todos os niveis formativos agás as persoas sen estudos e aquelas que só teñen estudos primarios (só nestes dous grupos Podemos non sería o partido con máis intención directa de voto), e por todos os hábitats agás os concellos de menos de 2.000 habitantes (só nestas localidades PP e PSOE superarían a Podemos en voto declarado).

 

A irrupción de Podemos en Galicia

Neira reclama a necesidade de que "se publique algunha enquisa a nivel galego"

O analista Carlos Neira destaca que os datos publicados hoxe polo CIS son consistentes con todas as enquisas difundidas nas últimas semanas e ve aínda lonxe un escenario no que Podemos se consolide como primeira forza, por diante do PP. En calquera caso, a volatilidade é moi elevada, con grandes movementos de fondo, o que deixa “no aire” calquera posible estimación sobre o resultado dunhas hipotéticas eleccións xerais. “Pero a cousa está no aire xa non pola situación en si, senón porque as eleccións máis inmediatas son municipais”, di, e os seus resultados poden modificar notablemente o actual taboleiro. Neira non cre, ademais, que se vaia producir un adianto das eleccións xerais.

Neira reclama a necesidade de que "se difunda algunha enquisa a nivel galego", que "non se publican porque non lle interesa a ninguén: nin ao PP nin ás forzas da oposición, porque todos se están vendo desbordados pola entrada de Podemos", afirma. O analista cre que a posible “desnacionalización” do debate político en Galicia, denunciada dende algúns sectores, se debe en parte a que “non se sabe moi ben o que está pasando na política galega”.

Explica en todo caso que "o que nos din os datos que temos é que en Galicia o PP perde a maioría absoluta, aínda que non por moito, xa que en Galicia o PP sempre ten un plus". Porén, indica que isto non mudaría demasiado o panorama, non habería un cambio de alternativa "en primeiro lugar porque a actual oposición está desaparecida en combate, e en segundo lugar porque por mor da fragmentación do voto, Podemos non sería quen, de momento, de superar o PSOE". É dicir, Podemos irrompería con forza en Galicia, superando a AGE e BNG, pero aínda non ao PSOE, di.

En opinión de Carlos Neira, a irrupción de Podemos "deixa o nacionalismo galego na mesma posición na que se atopou no ano 82, cando o crecemento do PSOE practicamente o borrou do mapa"

En opinión de Carlos Neira, a irrupción de Podemos "deixa o nacionalismo galego na mesma posición na que se atopou no ano 82, cando o crecemento do PSOE practicamente o borrou do mapa". "A competencia de Podemos afecta en primeiro lugar a AGE, por ocupar ese mesmo espazo de ruptura e de desafección coa oferta tradicional, pero tamén en boa medida ao Bloque" -comenta- "O Bloque pode aguantar algo mellor pola súa implantación local, pero hai tempo que se vén movendo no seu chan electoral".

Neira cre que Podemos se vai ir colocando como a forza de referencia no centro-esquerda, forzando o PSOE a situarse no centro

Neira cre que Podemos se vai ir colocando como a forza de referencia no centro-esquerda, forzando o PSOE a situarse no centro. Lembra a metáfora ofrecida pola socióloga Belén Barreiro, que resumiu a situación dicindo que o PSOE deixou libre a cadeira do centro-esquerda, ocupándoa automaticamente a formación liderada por Pablo Iglesias. Para o analista, ese proceso segue en marcha, cun potencial de crecemento aínda non completado para Podemos, contando o PSOE coa posibilidade de ir recollendo voto centrista procedente do PP, aínda que cunha perspectiva descendente, a pesar da leve recuperación socialista sinalada por este barómetro do CIS.

 

O bipartidismo, en cuestión

O barómetro do CIS supón un forte castigo para o PP, a pesar de manterse como a primeira forza en estimación de voto. Dende o barómetro de xullo cae 2,5 puntos (e 17 puntos dende as eleccións de 2011), e en intención directa de voto sitúase en terceiro lugar, superado por Podemos e PSOE. En calquera caso, o traballo de análise demoscópica do CIS (a cociña) rescata unha boa parte do importante voto oculto dos populares. A dimensión deste voto oculto pode apreciarse en que, cando os entrevistadores do CIS preguntan pola forza política votada en 2011, o resultado para o PP é tan só dun 28%, igualado co PSOE, e moi lonxe (a 16 puntos) do resultado real. Cómpre lembrar que a enquisa foi realizada nas dúas primeiras semanas de outubro, no medio das crises do Ébola e das tarxetas black de Bankia.

Pedro Sánchez obtén unha valoración de 3,85 puntos sobre 10, unha nota baixa, pero que mellora as notas obtidas por Rosa Díez (3,63), Cayo Lara (3,48) e Mariano Rajoy (2,31)

A enquisa ofrece un pequeno alivio para o PSOE, que crece 2,7 puntos dende o barómetro publicado en xullo. Ademais, Pedro Sánchez obtén unha valoración de 3,85 puntos sobre 10, unha nota baixa, pero que mellora as notas obtidas por Rosa Díez (3,63), Cayo Lara (3,48) e Mariano Rajoy (2,31). Ademais, aínda que perde moitos votos pola súa esquerda, o CIS asegura que máis dun 5% dos votantes do PP en 2011 optarían agora polo PSOE, unha cifra semellante á dos votantes populares que escollerían votar por Podemos. Pero as boas novas chegan ata aquí; Sánchez obtén niveis de coñecemento aínda baixos (é valorado polo 64,7% das persoas entrevistadas), por debaixo dos da líder de UPyD e moi pouco por riba dos de Cayo Lara. Ademais, inspira "pouca" ou "ningunha" confianza para o 67,8% dos cidadáns.

Os socialistas, ao igual que os populares, perden un gran número de apoios dende as eleccións de 2011. Se nese momento o PP obtivo o 44,63% dos votos e o PSOE o 28,76% (en conxunto, o 73,39%), agora o PP queda no 27,5% e o PSOE o 23,9% (en conxunto, o 51,4%). As valoracións do labor do PP no Goberno e do PSOE na oposición son moi negativas, e atopamos que mesmo entre aqueles que votaron os populares en 2011 o 30% considera que a xestión do Executivo de Rajoy é "mala" ou "moi mala", e outro 47% pensa que é "regular". E, de igual xeito, entre aquelas persoas que votaron o PSOE no 2011, o 41% valoran como "malo" ou "moi malo" o traballo dos socialistas na oposición e outro 46% cren que é "regular". Entre os votantes do PP en 2011 hai case un vinte por cento que afirma que "con toda seguridade" non votará os populares, e a situación repítse con proporcións semellantes entre os antigos votantes socialistas.

 

Organización territorial e ubicación ideolóxica

A cidadanía segue situándose no centro-esquerda, movéndose de forma clara cara á esquerda dende o barómetro de setembro (4,55)

O barómetro ofrece outros interesantes datos, coma os referidos á autoubicación ideolóxica das persoas entrevistadas e ao lugar no que, así mesmo, sitúan as distintas forzas políticas. A cidadanía segue situándose no centro-esquerda (4,41, sendo 1 a extrema esquerda e 10 a extrema dereita), movéndose de forma clara cara á esquerda dende o barómetro de setembro (4,55), pero manténdose en calquera caso en niveis moi semellantes aos de outubro de 2013 (4,48). 

Os entrevistados e entrevistadas sitúan o PP moi escorado á dereita (8,24), e a Podemos (2,43), BNG (2,58) e IU (2,67) á esquerda, co PSOE ocupando o centro (4,61). Porén, cómpre salientar algúns aspectos interesantes relacionados co recordo de voto e a autoubicación ideolóxica. Os votantes socialistas de 2011 colócanse moi á esquerda do partido, situándose eles mesmos no 3,40 e deixando o PSOE no 4,31. O mesmo sucede no PP; os seus votantes de hai tres anos colócanse no 6,40 e ubican os populares no 7,44, moito máis á dereita.

Os votantes socialistas de 2011 colócanse moi á esquerda do partido, situándose eles mesmos no 3,40 e deixando o PSOE no 4,31

O barómetro tamén pregunta polo modelo de organización territorial preferido pola cidadanía. O 18,7% dos entrevistados aposta por un Estado completamente centralizado, sen autonomías, e un 10,4% por un Estado autonómico máis recentralizado. Estas cifras son moi superiores ás que se rexistraban hai catro anos (daquela só o 14,9% se decidía pola supresión das autonomías). pero os partidarios da recentralización reducíronse notablemente no último ano: no barómetro de outubro de 2013 o 21,8% apostaba pola centralización total e outro 12% polo recorte de competencias. Podemos detectar estas posicións recentralizadoras noutros estudos do CIS, por exemplo o realizado en abril do pasado ano. No extremo oposto, crecen os partidarios do recoñecemento do dereito de autodeterminación: 11,5%, fronte ao 9,7% do pasado ano e ao 7,9% de 2010.

Acto de Podemos en Vigo na campaña electoral do 25M Dominio Público Podemos Vigo
Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.