A dirección do PDeCAT apostou este venres por unha lista conxunta para as eleccións do 21D co resto de actores soberanistas para facer fronte ao 155 e pola amnistía dos presos independentistas. Ao seu ver, esta candidatura debería incorporar todos os partidos que comparten ese "marco xeral" e sería a resposta máis axeitada ao intento "de borrar as institucións catalás". A proposta, verbalizada pola coordinadora da formación, Marta Pascal, chegou horas antes de que a Audiencia Nacional (AN) rexeitase a posta en liberdade dos líderes da ANC e Òmnium Cultural, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, como solicitaran as súas defensas alegando que a aplicación do artigo 155 mudaba a situación política en Catalunya e reducía o risco de reiteración delictiva. A Fiscalía, no entanto, insistiu en que deben continuar en prisión provisional.
O PDeCAT aposta por unha lista conxunta para facer fronte ao 155 e pedir a amnistía dos presos independentistas
"É un momento dunha gran lista de país", dixo Pascal, que explicou a súa proposta de candidatura logo dunha xuntanza ampliada do comité nacional do PDeCAT, que contou tamén con deputados e senadores. Sobre a posibilidade de que esta lista sexa claramente independentista, a coordinadora priorizou a suma e poñer de acordo a todo "o catalanismo político", pero aclarando que a aposta do seu partido é a independencia.
"Os fundamentos desta candidatura deben ser liberdade para os presos políticos e fronte común contra o 155", resumiu Pascal, que é consciente de que ERC aposta por unha fronte común pero con listas separadas, tal e como deixou escrito o vicepresident cesado Oriol Junqueras antes de entrar na cadea. "Por nós non quedará; se algún actor considera que esta proposta non é a mellor, trataremos de convencelos e, senón, buscaremos alternativas", dixo.
A antiga CiU quere contar na cantidatura cos consellers encarcerados e cos líderes da ANC e Òmnium, tamén na cadea
Ademais, respecto da opción de incluír na lista a Puigdemont, os consellers cesados e encarcerados e a Sánchez e Cuixart, a coordinadora do PDeCAT cre que é "desexable" para a súa formación, pero que primeiro haberá que preguntar a estes posibles candidatos. Quen si podería estar na candidatura é o ex-conseller de Empresas Santi Vila. "Queremos contar con todas as persoas que teñan algo que achegar", insistiu Pascal.
Precisamente, Vila abandonou pasadas as 14 horas o cárcere de Estremera logo de abonar a fianza de 50.000 euros imposta pola xuíza da AN. "A situación é tan terrible que o conxunto dos demócratas do mundo non a comprenden", dixo, para logo facer un chamamento "ás formacións políticas de España" para que intercedan polos oito membros do Govern aínda na cadea. Ademais, dirixiuse "ás grandes autoridades do Estado" para que tomen cartas no asunto e tomen a iniciativa política tras considerar "desproporcionadas" as medidas estritamente xudiciais que, ademais, dixo, "non solucionarán un problema político".
Santi Vila pide ás "grandes autoridades do Estado" que opten pola vía política para solucionar "un problema político"
Mentres, o ministro e portavoz do Goberno central, Íñigo Méndez de Vigo, asegura que o Executivo "ignora as consecuencias" para as eleccións autonómicas catalás que pode ter o encarceramento de Oriol Junqueras e os oito ex-consellers. Así, insistiu en que "a actitude do Goberno foi sempre respectar e acatar as decisións xudiciais para garantir independencia e autonomía do poder xudicial".
No PSC, pola súa banda, cinco concelleiros en Terrassa dimitiron polo apoio socialista ao 155 logo de que o alcalde do mesmo partido, Jordi Ballart, que deixou a alcaldía e a formación este xoves.
En canto ás futuras mobilizacións, e logo dalgún corte de estrada e vía férrea este venres, a ANC e Òmnium Cultural convocaron un paro de país para o vindeiro 8 de novembro e unha gran manifestación para o día 11.