A aposta de Caballero gana o congreso do PSdeG de Pontevedra

Santos Héctor, líder do PSdeG en Pontevedra © Concello de Vigo

"Gañou Vigo". A sentenza pronunciada en máis dunha ocasión polo alcalde vigués, Abel Caballero, podería ser o resumo de, cando menos, parte do acontecido este sábado no congreso provincial do PSdeG de Pontevedra. Tras días de contactos, pactos e multiplicidade de candidatos finalmente a batalla final estivo entre alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, e o que finalmente saíu vencedor, o concelleiro de Emprego de Vigo, Santos Héctor, que contaba co aval da dirección do partido na súa cidade pero tamén de Pontevedra.

Os 87 votos obtidos por Héctor fronte aos 42 de Rey son o resultado da alianza entre o sector vigués e a Executiva saínte, isto é, o grupo de Modesto Pose, ata este sábado secretario provincial, á que tamén se sumou o pasado venres o deputado Luis Gómez Piña. Pola súa banda o ex alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, evitou participar na pugna final, ao retirar a súa candidatura ao inicio da cita congresual. Antes da elección foi tamén votado o informe de xestión presentado por Pose, con 33 votos a favor, 56 abstencións e nove sufraxios en contra. No seu discurso o parlamentario non evitou as referencias veladas á dirección nacional do PSdeG: "A estas alturas ningueń dubida de que alguén traballou con bastante éxito para que estivésemos divididos", afirmou.

Con esta elección os socialistas galegos pechan o proceso dos congresos provinciais, que en semanas previas elixiron a Francisco Caamaño, José Ramón Gómez Besteiro e Raúl Fernández como secretarios da Coruña, Lugo e Ourense, respectivamente. Este remate do proceso nas provincias abre a porta aos congresos locais e, xusto a continuación, ás eleccións primarias, que só se celebrarían formalmente se Pachi Vázquez ten rivais para ser candidato á Xunta nas vindeiras autonómicas.

Santos Héctor, líder do PSdeG en Pontevedra © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.