A proposta de partido liderada por Pablo Iglesias foi a máis votada e os seus documentos organizativos, éticos e políticos serán os que determinen que e como é a formación nada no pasado inverno. Logo de que conclúa o proceso asembleario o vindeiro mes de novembro, Podemos terá un secretario xeral, un núcleo de dirección elixido á súa proposta e un Consello Cidadán con presenza de líderes territoriais, un sistema de revogatorios e consultas para o control interno, así como unha estratexia determinada a curto prazo, coa mirada posta nas eleccións xerais de 2015 e que aposta por non presentar marca propia nas municipais pero si apoiar e incorporarse ao traballo en candidaturas cidadás como as mareas que agroman en Galicia.
A decisión das bases de Podemos implica o reforzo dos diferentes movementos cidadás que se artellan en Galicia
Xa que logo, a decisión das bases de Podemos pode implicar o reforzo dos diferentes movementos cidadás que se están a artellar en Galicia de cara aos comicios locais do vindeiro mes de maio. Malia que moitos dos membros de círculos locais galegos participaban xa en proxectos como a Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ourense en Común, a decisión de integrarse como cidadáns neles e apoialos como formación quedaba a expensas do que se decidise na Asemblea de Podemos. E a resposta foi clara.
Os documentos ético, político e organizativo de Claro que Podemos, o equipo de Pablo Iglesias, Carolina Bescansa, Luis Alegre, Íñigo Errejón e Juan Carlos Monedero, recibiron 90.551 votos, o 80,71%. A maior polarización viviuse en canto ao modelo organizativo, no que Sumando Podemos, o equipo liderado polos eurodeputados Pablo Echenique, Teresa Rodríguez e Lola Sánchez, colleitou o 12,37% dos votos de entre as 112.070 persoas que participaron no proceso, o 54% dun censo que se elevaba a uns 205.000 inscritos.
O documento vencedor en canto á estratexia a seguir de cara ás municipais aposta por "poñer a capacidade política" de Podemos "en xogo, apoiando e implicándose nas iniciativas municipalistas que cumpran" cos sinais de identidade de Podemos. Refírese a movementos "de unidade popular" que non deben ser nunca "unha sopa de siglas ou unha negociación entre partidos" e que non poden reproducir "esas prácticas da vella política". Coinciden, estes principios, cos que a maioría das mareas xurdidas en Galicia promoven e onde moitos dos membros dos círculos locais da formación que lidera Iglesias xa participaban á espera dunha decisión final.
Os principios das teses vencedoras en Podemos coinciden co dos que rexen na maioría de mareas cidadás
Así ocorre, por exemplo, na pioneira das mareas en Galicia, a Marea Atlántica da Coruña, onde todas as formacións da esquerda -a excepción claro está do PSOE- amosaron a súa sintonía co proxecto e incluso dispostos a se diluír como cidadáns na plataforma que prepara xa a súa candidatura aos comicios locais.
Advertíao en Praza Raimundo Viejo Vinhas, profesor galego de Ciencia Política e activista en Guanyem Barcelona. "Podemos non inventa a política nova, en Catalunya temos procesos municipalistas anteriores a Podemos e cos que Podemos claramente podería identificar espazos de confluencia e participación. E o mesmo sucede en Galicia con Marea Atlántica ou Ourense en Común, por exemplo, e aí non ten sentido presentar outra lista e entrar nunha liorta de siglas", dicía.
"Principios irrenunciables"
Desde os diferentes círculos de Galicia, as análises coinciden ao mostrar o seu apoio e "máximo respecto" a toda proposta de "manifestación colectiva cidadá que convida á participación de todos e todas e ao empoderamento cidadán" e que permita a "participación activa na política" da xente do común. "Nunca veremos estas plataformas como rivais", insisten.
As listas abertas e o programa de elaboración colaborativa son "principios irrenunciables" para Podemos nas plataformas cidadás
Logo de coñecidos os resultados, desde Podemos Vigo aseguran que terán que "analizar con detalle os documentos", pero aclaran que a proposta gañadora "aposta polo apoio de candidaturas unitarias cidadás". Insisten en "cuestións irrenunciables para Podemos" como "a elaboración de listaxes baixo primarias abertas á cidadanía ou a eleboración do programa electoral de maneira colaborativa", polo que "a implicación nestas candidaturas debería darse baixo estas premisas".
Ademais, desde o círculo vigués aclaran que a participación nas mareas que xorden en Galicia "é a título individual independentemente da adscrición partidaria dalgunha das persoas participantes, polo que a participación nelas é unha decisión individual de cadaquén".
Os círculos locais de Podemos decidirán agora en asemblea que iniciativa cidadá apoiar e de que xeito
Desde Podemos na Coruña insístese na mesma idea e no seguinte paso a dar. "Cada círculo local terá que ir debatendo nas súas asembleas para decidir cal é fórmula que se elixe cara ás municipais, pero é claro que o que se propón é apostar por iniciativas cidadás e sen a marca Podemos", explican, tras aclarar que a formación insiste en plataformas "totalmente cidadás nas que todo o mundo se sinta partícipe".
Así, desde diferentes círculos cidadás en Galicia advírtese das "diferentes opcións" que xurdiron nalgunhas localidades e de que será a xente nas asembleas nas que decida a máis axeitada e acorde co ideario da formaicón. "A postura clara é darlle o protagonismo á cidadanía e toda iniciativa nosa apostará por iso sempre que a intención sexa o empoderamento da xente", engaden.
A cuestión agora é cales de todas esas mareas xurdidas en varias cidades e vilas galegas se axeitan ao ADN Podemos. Non semella difícil a implicación xa oficial dos membros e simpatizantes da formación na Marea Atlántica, que xorde como exemplo de maior participación cidadá e independencia de calquera partido, ou con Ourense en Común. Non parece tan doado en Ferrol, con máis control partidario, ou en Vigo, onde hai diferentes iniciativas -ata catro- que apelan a esa unidade popular.
A irrupción das mareas e o apoio que suman de movementos sociais e políticos prometen cambiar o panorama municipal galego
Sexa como for, a irrupción das mareas e o apoio que están a sumar de movementos sociais e políticos nas diferentes localidades promete cambiar -e moito- o panorama municipal en moitas cidades. Enquisas que manexa o propio PP ameazan a súa maioría en varias urbes, nas que a suma por separado das forzas que compoñen AGE, xunto a Podemos e o BNG, sería maioritaria. Queda por ver agora se, de confirmarse a presentación desas candidaturas cidadás sen siglas partidarias, as expectativas son aínda maiores.