A Audiencia confirma que o ex-alcalde do Porriño Nelson Santos fixo pagos e contratos ilegais por 1,6 millóns pero non ve delito

Nelson Santos, cando era alcalde do Porriño © Concello do Porriño

O tribunal ratifica que “as contratacións efectuáronse á marxe da Lei de Contratos” pero considera que non houbo prevaricación e que o ilícito debeu resolverse na vía administrativa e non penal

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de ratificar a absolución do ex-alcalde popular do Porriño Nelson Santos e do seu tenente de alcalde, José Manuel Jacobo, do delito de prevaricación continuada. Os dous foron absoltos en xuño do pasado ano por un xulgado do Penal de Pontevedra, a Fiscalía recorreu e agora a Audiencia confirma a absolución nunha sentenza na que confirma que o alcalde autorizou pagos e contratos ilegais por uns 1,6 millóns de euros pero non aprecia delito senón só unha ilegalidade administrativa. 

A Fiscalía ocusaba a Santos e o seu concelleiro de realizar contratacións sen ningún tipo de procedemento e levantar reparos do departamento de intervención para ordenar os pagamentos. “As contratacións efectuáronse á marxe da Lei de Contratos Públicos”, ratifica a Audiencia, pero considera que “a mera ilegalidade da decisión non é suficiente para a integración do delito” xa que “as normas administrativas prevén supostos de nulidade controlables pola xurisdición Contencioso-Administrativa, sen que sexa precisa en todo caso a aplicación do Dereito Penal”. 

Nelson Santos © PP de Pontevedra

O tribunal xustifica que Santos autorizase eses contratos sen cumprir co procedemento legal pola imposibilidade naquela época de licitalos con concursos públicos, indicando que “queda a dúbida sobre a real posibilidade de licitar os contratos” e considerando que “se ben non todos puideran cualificarse de necesarios, si que permiten considerar que responden a servizos básicos para o Concello”. 

Contra a sentenza agora emitida non cabe recurso ordinario. Este caso, á súa vez, era a peza principal da que derivara outra investigación, coñecida como operación Multiusos, que xa fora arquivada pola xustiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.