A sala do penal da Audiencia Nacional vén de estimar o recurso interposto pola defensa de Causa Galiza polo que anula a decisión do xuíz Eloy Velasco de suspender dous anos a actividade da formación independentista. O partido pode xa desenvolver a súa actividade pública con total normalidade, aínda que esta nova situación pode volver atrás o vindeiro 10 de febreiro, data na que está fixada unha comparecencia en Madrid á que están citados o propio maxistrado, a Fiscalía e a defensa.
A Audiencia revoga a decisión do xuíz Velasco por non escoitar a Causa Galiza antes de declarar a súa suspensión
É esa comparecencia a que Velasco saltou no proceso xudicial levado a cabo contra Causa Galiza, de quen declarou a suspensión de actividades sen escoitar antes a súa defensa. O erro procedimental e a vulneración dun dereito establecido na Lei de enxuizamento criminal foron os argumentos empregados polos avogados da formación independentista para o recurso que foi estimado pola sala do penal da Audiencia Nacional, que anula así a decisión do xuíz.
Tal e como recoñecen fontes do proceso, o máis probable e que Eloy Velasco acabe por volver declarar a suspensión de actividades de Causa Galiza durante os dous vindeiros anos logo de volver escoitar o Ministerio Fiscal. "De manterse coherente a Fiscalía co mostrado noutros procesos semellantes, o máis probable é que volvamos á situación anterior", aclaran as mesmas fontes, que insisten en que, salvado o trámite, Causa Galiza volverá ser ilegalizada de facto.
O máis probable é que o xuíz Velasco volva declarar a suspensión de Causa Galiza durante dous anos
Foron nove os membros de Causa Galiza detidos o pasado 30 de outubro na denominada operación Jaro, que o Ministerio do Interior identificou como un golpe á "contorna" de Resistencia Galega, e que foron postos en liberdade tres días despois con imputacións como pertenza a organización terrorista. A actividade desta organización foi suspendida durante dous anos, nunha decisión do xuíz Velasco que agora quedou anulada.
O pasado domingo 24 de xaneiro, centos de persoas saíron á rúa en Compostela "em defesa dos direitos civis e políticos para todas e todos" e contra a "ilegalizaçom de organizaçons políticas". Colectivos preparan xa para os vindeiros días a súa "batalla social" contra a decisión previa do xuíz, e que pode ser confirmada en breve, de suspender as actividades dunha formación independentista.