A Audiencia Nacional cita a declarar a Puigdemont por rebelión

Carles Puigdemont intervén en Bruxelas CC-BY-SA eldiario.es

En tres idiomas, Carles Puigdemont compareceu ante os medios desde Bruxelas, xunto a varios consellers do destituído Govern de Catalunya. Quería colocar o conflito na axenda internacional e así o fixo, aclarando que non estaba en Bélxica "para pedir asilo político", senón para denunciar alí a "politización da xustiza española" e a "represión" pola que, dixo, optou o Executivo de Rajoy coa aplicación do artigo 155 da Constitución e coa actuación da Fiscalía e a súa petición de duras penas de prisión para a Mesa do Parlament e os membros do Govern.

A Audiencia Nacional admitiu a trámite a querela por rebelión, sedición e malversación de fondos contra Puigdemont e o resto do Govern

A declaración chegou tan só unhas horas antes de que a xuíza da Audiencia Nacional, Carmen Lamela, admitise a trámite a querela por rebelión, sedición e malversación de fondos contra Puigdemont, Oriol Junqueras e o resto de membros do Govern. O ex-president está citado, xunto con 13 ex-consellers, para comparecer entre o xoves e o venres. A maxistrada acordou tamén fixarlles unha fianza de máis de 6,2 millóns de euros que deberán depositar no prazo de tres días, co apercibimento de que se embargarán os seus bens até acadar esa cifra se non depositan a cantidade. 

Puigdemont aseguraba só hun pouco antes desde Bruxelas que o seu goberno segue en exercicio e pedía aos seus cargos "que fagan o posible para evitar a demolición do sistema catalán". Ademais, asegurou que non volverá a España "ata ter garantías", ademais de advertir: "Podemos cumprir coas nosas obrigas desde aquí tamén". Segundo dixo, a decisión de que a metade dos membros cesados do Govern marchasen á capital comunitaria tomouse o venres por unanimidade do Executivo. Fano para actuar "en liberdade e seguridade". "A outra parte do goberno, co vicepresidente á fronte, continúa en Catalunya, realizando actividades políticas como membros lexítimos. Non abandonamos as nosas funcións de goberno", dixo. 

Puigdemont denuncia a "politización" da xustiza española e a "represión" levada a cabo polo Estado contra o independentismo

"É un tema europeo", dixo Puigdemont para explicar a súa marcha a Bruxelas, ademais de insistir en que o seu partido acudirá ás eleccións do 21 de decembro porque "son un reto democrático" que toman, din, con "todas" as súas "forzas". O presidente destituído da Generalitat insistiu en que seguirá actuando, xunto aos consellers, como "lexítimo" xefe do Govern e aclarou que chegaron a Bélxica para "facer evidente o problema que hai no corazón de Europa e denunciar a politización da xustiza española e a súa vontade de perseguir as ideas, non os delitos, e facer evidente diante do mundo o grave déficit democrático que hai hoxe no Estado". E seguirá exercendo as súas funcións, dixo, desde alí, desde a capital belga, onde seguirán "traballando". 

Ademais, insistiu no seu "compromiso coa autodeterminación, o diálogo e unha decisión acordada", pero insistiu en que "nunca" abandonarán o Govern ante o que consideran "extrema agresividade" que formula o Goberno de España. Así, enumerou os casos que, ao seu ver, supoñen represión e persecución contra o independentismo, como o encarceramento de Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, as peticións de penas para membros da Generalitat e do Parlament ou as imputacións de centos de alcaldes.

Con todo, asegurou que o Govern "podería ter optado por forzas os funcionarios fieis a iniciar unha disputa pola hexemonía" tras a aplicación do artigo 155, pero aclara que se optou por "garantir que non haberá enfronamentos nin violencia". "Non se pode construír a República desde a violencia; se o Estado quere que o seu proxecto se basee na violencia, é a súa decisión, pero non nos pode arrastrar ao seu escenario", dixo.

 "Alá onde haxa urnas, sempre nos atoparemos", advirte Puigdemont, que pregunta ao Goberno central se aceptará os resultados

O president non aclarou canto tempo permanecerá en Bruxelas, pero si que o Govern seguirá traballando desde aló, en colaboración tamén cos consellers que se manteñen en Catalunya. Ademais, manifestou que "non" se oporá a poñerse a disposición da xustiza pero si insistiu na motivación "política" que á súa vez ten a querela contra el e os membros do Executivo catalán porque "o delito de rebelión está equiparado ao de terrorismo". 

Respecto das eleccións convocadas por Mariano Rajoy para o 21 de decembro, Puigdemont asegura que as toman "como un reto" e "con todas as forzas", aínda que non aclarou se se presentaría. En todo caso, asegurou que "alá onde haxa urnas, sempre nos atoparemos". Ademais, preguntou con claridade ao Executivo central se aceptará o resultado dos comicios, outorgándolle de novo un carácter plebiscitario. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.