A "blindaxe" do castelán na Xunta que Feijóo anunciou en campaña realmente non muda nada

Complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta CC-BY-NC-SA CIG

O pasado 15 de setembro, a dez días das eleccións do pasado domingo, Alberto Núñez Feijóo realizou un anuncio con solemnidade dende o atril do Consello da Xunta. O seu Goberno viña de aprobar a normativa para regular a atención da Administración á cidadanía e, con ela, "blindaba por decreto" o "dereito" das persoas castelanfalantes nas respostas. Remataban os tempos da "oferta positiva", coa Administración usando o galego a non ser que a cidadanía pedise castelán especificamente. O torpedo á liña argumental de quen pretendía naqueles días pescar no caladoiro electoral do PP, Ciudadanos, durou intacto poucas horas. Como informou Praza.gal, nos días seguintes o Executivo enleouse nunha serie de versións contraditorias sobre o realmente aprobado ata que este venres a publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia resolve o enigma: a mudanza solemnizada polo presidente non era tal e nada vai mudar.

"Segundo consulte o cidadán, se lle atenderá. Se fai unha consulta en galego, será contestado en galego; se o cidadán consulta en castelán, será contestado en castelán, explicou aquel día Feijóo, no que entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística leron como "unha derrogación encuberta da Lei de Normalización Lingüística". A cuestión idiomática foi a cerna da explicación do presidente sobre o conxunto dun decreto que é moito máis amplo. No entanto, na nota oficial sobre o decreto que o Executivo difundiu tras a intervención de Feijóo, duns cinco folios de extensión, a mención á lingua ocupaba unha única frase: "dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada". Isto é, o que viña sucedendo.

Feijóo anunciou con solemnidade a dez días do 25S que "se o cidadán consulta en castelán, será contestado en castelán", unha fin da "oferta positiva" en galego que ratificou un voceiro oficial da Xunta

Ante a obvia contradición, este diario dirixiuse a un voceiro oficial do Goberno. "Víñase contestando en galego, salvo que se solicitase expresamente contestar en castelán. Agora, adaptarase ao idioma que empregue o cidadán", sinalou. Pouco despois, a Secretaría Xeral de Política Lingüística emitía unha "aclaración" sobre a cuestión. "No caso de non existir unha solicitude expresa, a lingua utilizada pola Administración autonómica será normalmente a galega", indicaba. Daquela, a "blindaxe" solemne anunciada por Feijóo non tiña ligazón ningunha coa realidade.

Mentres isto sucedía a campaña electoral avanzaba e este diario solicitou do Goberno galego o texto definitivo do decreto que fora aprobado, dadas as sucesivas contradicións e tendo en conta ademais que no bosquexo que o Goberno galego sometera a exposición pública a pasada primavera non existía mención ningunha ao uso dos idiomas na atención á cidadanía. Ao tempo, na contorna de Política Lingüística medraba o malestar pola introdución da lingua galega en campaña sen que, a priori, existise medida ningunha, alén das xa aprobadas nos últimos anos, que fose limitar o rango do galego na vida pública da Administración.

O decreto indica que unha nova oficina de atención á cidadanía empregará nas súas respostas "a lingua cooficial solicitada, de ser o caso", como xa sucedía ata agora

Tras dúas semanas de enredo, as incógnitas resólvense de vez este venres. Catro días despois das eleccións o texto xa é público no DOG e inclúe só dúas mencións á lingua. Unha, para regular o uso da lingua de signos. Outra, no apartado a) do artigo 20.2, que aborda o xeito en que a nova Oficina de Defensa das Persoas Usuarias dos Servizos Públicos debe responder a quen se dirixan a ela. "Entre outras", as "medidas" que esta oficina "pode" adoptar nas súas funcións o decreto inclúe "garantir unha resposta rápida á cidadanía sen necesidade de esgotar prazos, personalizada, sinxela e sen tecnicismos, integral na cuestión formulada e empregando a lingua cooficial solicitada pola persoa interesada, de ser o caso".

Así as cousas, nada convida a pensar, cando menos atendendo á literalidade da nova norma, que este decreto mude a dinámica do uso do idioma na Administración, alén da discrecionalidade que o persoal da Xunta que se encargue desa oficina poida exercer nun momento dado, como sucede ata agora noutros departamentos. Deste xeito, cabe concluír que o anuncio realizado polo presidente non se correspondía coa realidade. Mentres, nunha campaña que o PP salferiu de bandeiras galegas e rematou cun obvio éxito, o partido que defende medidas contra a normalización lingüística como a anunciada por Feijóo, Ciudadanos, ficou fóra do Parlamento.

Feijóo, tras o primeiro Consello posterior ás eleccións © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.