A campaña das xerais anubra o ceo do PP para as eleccións galegas

A ministra e candidata Ana Pastor, protagonista nunha visita da Xunta esta fin de semana © Xunta

As pasadas eleccións de maio deixaron unha fonda preocupación no seo do PP galego, e non só por acadar o peor resultado en termos absolutos nuns comicios locais dende que o partido existe en Galicia. O devalo en apoio cidadán iniciado en 2012 -Feijóo ampliou a súa maioría absoluta perdendo uns 130.000 votos- e continuado nas europeas de 2014 deixaba os conservadores sen una boa cota de poder institucional -as cidades da provincia da Coruña, tres deputacións e numerosas vilas-. Ademais, nun exercicio de política-ficción, unha extrapolación do resultado municipal ao Parlamento galego afastábaos da maioría absoluta. Estes temores acrecentaron nos últimos días coa enquisa do CIS para as eleccións xerais.

O inquérito difundido no primeiro día da campaña non só prognostica unha caída duns 15 e 60 escanos para os populares no Congreso. Este estudo, que en 2011 atinou ao 100% o reparto de escanos en Galicia, tamén augura que os de Alberto Núñez Feijóo perderían cinco escanos no conxunto do país, quedando con 10. Isto suporía non só non acadar o obxectivo explicitado por Alfonso Rueda: a maioría absoluta dos deputados e deputadas en Galicia -doce-, senón tamén ficar coa menor representación da historia do PP galego en eleccións xerais.

Estimación de escanos do CIS para Galicia

Sempre segundo o CIS, a caída popular sería de dous escanos na Coruña e dun escano nas outras tres circunscricións. Mentres, di a enquisa, pola esquerda emerxería En Marea, que lle disputaría a segunda praza ao PSdeG con entre 5 e 6 escanos, os mesmos que os socialistas. E pola dereita irrompería na parcela do PP a opción de Ciudadanos, que sen apenas estrutura en Galicia e malia admitir en público que carece de propostas en clave galega, optaría a ter dous escanos, un pola Coruña e outro, por Pontevedra.

A entrada dun cuarto partido nas provincias atlánticas e dun terceiro no interior augura unha importante caída do PP

Malia non ofrecer estimacións de voto por provincias, o feito de presentar como posible a entrada dun cuarto partido no reparto de escanos nas provincias atlánticas e, sobre todo, dunha terceira opción nas provincias do interior, amosa que os cálculos que se manexan implican unha notable caída de votos ao PP. Despois de obter nas anteriores xerais o 52% de apoios no conxunto de Galicia e de roldar o 60% en Lugo e Ourense, só unha baixada importante facilitaría o novo reparto. En anteriores eleccións xerais, por exemplo, o BNG non entrou no reparto de escanos en Lugo nin en Ourense malia quedar sobradamente por riba do 3% que a lei esixe para optar á distribución de escanos.

De confirmarse o devalo estaría sobre a mesa o debate do relevo de Feijóo

De confirmarse o 20-D estes números, tanto os do devalo do PP como os do ascenso de En Marea e o relativo mantemento do PSdeG, os seus efectos políticos poden ser múltiples. A comezar, estarían sobre a mesa no congreso que o PPdeG celebrará a vindeira primavera e no que se proclamará a candidatura á Presidencia da Xunta. No caso de que daquela Alberto Núñez Feijóo siga en Galicia, o inicialmente previsto, cobraría forza a hipótese do relevo ante a posibilidade de non recuncar como presidente por mor do ascenso da esquerda ou de, para procurar seguir en San Caetano, ter que enfrontarse a complexas negociacións con Ciudadanos ou mesmo con Democracia Ourensana, partido localista que non concorre ás xerais pero que si prevé facelo nas galegas.

Feijóo, este luns facendo campaña en Almonte (Huelva) CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.