A censura do PP amplifica o pleno alternativo do BNG no Parlamento

O grupo parlamentario do Bloque intervén no acto CC-BY-NC-SA BNG

O Parlamento de Galicia iniciou este martes o seu pleno ordinario e, durante a primeira mañá da sesión, os escanos do BNG estiveron baleiros. Para protestar pola imposición dun recorte ao seu cupo de iniciativas parlamentarias o Bloque organizou un "pleno alternativo" nun parque ao carón do Pazo do Hórreo, no que convidou a intervir a representantes dunha trintena de colectivos sociais. "Neste pleno o protagonismo correspóndevos a vós", explicoulles o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera, quen considera que "recortar os dereitos dos grupos parlamentarios" é "atentar contra os dereitos do pobo galego". O acto organizado polo BNG adquiriu unha notable repercusión de seu, pero tivo unha axuda inesperada para ser amplificado: a censura do PP.

Mentres, baixo o lema O parlamento é do pobo galego, o BNG alertaba do "uso arbitrario das normas parlamentarias" por parte dos populares e lle daba a palabra a colectivos como persoas estafadas polas preferentes, membros da plataforma que defende a instalación dos servizos pendentes no hospital de Lugo, estudantes, mariñeiros ou emigrantes, o PP tentaba contrarrestar o acto dende o interior da Cámara. Así, algúns dos deputados do grupo que sustenta ao Goberno utilizaban os seus ordenadores e dispositivos móbiles para, durante o desenvolvemento da propia sesión, lanzar críticas contra o "pleno alternativo", xerando así o que ben podería ser enmarcado no que se deu en chama "efecto Streisand".

Mentres o BNG celebraba o acto ao carón do Parlamento, dende o propio pleno deputados do PP acusábanos nas redes sociais de "atacar a democracia"

Nesta liña, algúns dos parlamentarios populares que menos adoitan intervir nas sesións plenarias, como o seu líder xuvenil Javier Dorado, acusaban o Bloque de "incumprir as súas obrigas" e, ante as respostas doutros usuarios de Twitter, denunciaban a creación dun "Paralmento de malperdedor". Na mesma liña, o tamén deputado popular Gonzalo Trenor achacáballe directamente ao BNG un "ataque á democracia" e, pola súa banda, outro parlamentario, Ramón Santos, sinalaba que o Bloque collera "vacacións" e tentaba impulsar a etiqueta #BNGbótaseAoMonte, que non tivo seguimento.

O "pleno alternativo" foi organizado como denuncia do "uso arbitrario das normas parlamentarias" que, a xuízo do Bloque, están a facer os populares

Tras estas mensaxes dos deputados do PP, tamén alusivas ao soldos dos deputados nacionalistas, o propio Grupo Popular difundiu un comunicado ao respecto. "Foron os propios deputados do BNG os que decidiron poñerse a mordaza", dicían, ao tempo que lle atribuían un "desprezo" á "Cámara de representación de todos os galegos". "Para eles só hai democracia se se lles dá a razón e cambiaron un Parlamento elixido polo pobo galego por un simulacro no que só están presentes eles". "Se seguen sen respectar a vontade do pobo galego, efectivamente lograrán quedarse sós", porque "cada vez menos galegos comparten o seu particular concepto da democracia", atacaban.

Neste escenario, xa entrada a noite simpatizantes dos populares seguían a amplificar nas redes sociais a repercusión dun acto celebrado, sinalou o Bloque, coa finalidade de evidenciar o que considera unha "estratexia evidetne do PP para anular o Parlamento, porque lle molesta calquera foro onde se poidan escoitar voces críticas e propostas alternativas". "Temos un PP que utiliza a súa maioría absoluta como rodete para impedir que Feijóo compareza e non responda ás preguntas formuladas pola oposición". "Non van conseguir que calemos", manteñen.

Seguir lendo en Propósito de emenda, o espazo de crónica política no Obradoiro de Praza

Participantes no 'pleno alternativo' CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.