A chegada da campaña das primarias a Galicia reabre as costuras no PSdeG

Pedro Sánchez, ante militantes do PSOE en Ponte Caldelas Dominio Público @sanchezcastejon

O arranque da campaña das primarias polo liderado do PSOE en Galicia fai agromar as costuras do PSdeG, dividido e enfrontado, cunha xestora provisional e prorrogada á espera dunha decisión de Ferraz e agora recolocando a súa militancia e cargos nos apoios a Pedro Sánchez, Patxi López ou Susana Díaz, a última en anunciar a súa candidatura para levar o temón dos socialistas en todo o Estado. 

Sánchez estréase en Galicia cun acto en Ponte Caldelas antes do mitin en Ourense, onde conta co maior e máis organizado apoio

Foi Sánchez quen abriu este mércores os actos no país coa presenza en Ponte Caldelas previa a un acto aberto no campus universitario de Ourense, cidade e provincia onde conta co maior e máis organizado apoio, impulsado por unha plataforma de apoio liderada pola deputada Rocío de Frutos, unha das poucas que votou non a Rajoy malia as ordes do partido, e varios alcaldes e portavoces municipais. 

Outro rexedor, o de Ponte Caldelas, exerceu de cicerone de Sánchez na vila, a onde acudiu a un encontro con militantes logo de dar un paseo e visitar á Casa do Concello. Co apoio tamén do portavoz municipal e secretario xeral da agrupación de Pontevedra, Agustín Fernández, ou de Gonzalo Caballero, da agrupación de Vigo, a súa visita ás dependencias municipais serviulle ao PP para criticar a súa visita, pero tamén a Carmela Silva, presidenta socalista da Deputación provincial que xa deixou claro o seu apoio a Susana Díaz e que mantén desde hai meses graves discrepancias coa xestora do PSdeG. 

Silva acusa o alcalde de Ponte Caldelas, antigo aliado, de "ter poucos principios democráticos" por convidar a Sánchez ao Concello

Primeiro nas redes sociais advertíalle ao rexedor de Ponte Caldelas que "cando se dirixe unha institución hai que saber que non é a sede do teu partido" e afirmaba que "confundilo é ter poucos principios democráticos".  Publicamente, insistía en que cada un era libre de apoiar a quen quixera nas primarias, pero que ela "nunca faría" o que levou a cabo Díaz porque deben separarse as institucións das actividades meramente orgánicas e políticas. No fondo, tamén, o apoio dun alcalde antigamente aliado de Silva e que fixo campaña por Méndez Romeu que amosa o seu apoio claro a Pedro Sánchez. 

Case a un tempo, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, aclarou que non acompañaría a Sánchez na súa visita a Galicia. "Non vou estar con el porque non vén a Vigo. Non teño coñecemento, non se dirixiu a min, non me chamou", explicou o rexedor, quen aclarou que se Sánchez o tivese chamado atenderíao "encantado, como é natural" e conversaría con el "como con calquera militante e calquera cidadán". Con todo, volveu amosar o seu apoio a Susana Díaz e deixou claro que para el, "neste momento", a "mellor persoa" para dirixir o partido é a presidenta da Junta de Andalucía. 

Mentres, en Ponte Caldelas, a visita de Sánchez levantou expectación, con bastante xente nas rúas. No seu breve momento ante a prensa, o candidato á secretaría xeral do PSOE considera "lexítimo" que Susana Díaz se presente ás primarias e cre que con este debate "gaña" o partido. "Nós afrontamos este proceso con ilusión, esperanza e a mellor das disposicións para podder debater nesta festa da democracia", insistiu quen recollerá en Galicia boa parte dos apoios que recibiu Fernández Leiceaga nas primarias galegas de hai tan só uns meses, pero algún máis como o do rexedor da vila que visitou este mércores. 

A maioría dos apoios cos que contou Méndez Romeu en Galicia apoiarán agora a Díaz, pero os de Leiceaga poden dividirse entre Sánchez e López

Daquela, o actual voceiro parlamentario do PSdeG superou o 55% dos votos para ser o candidato á Xunta, mentres que Méndez Romeu quedou no 44%. Son a maioría dos apoios a este último os que parecen asegurados para Susana Díaz. No entanto, os que optaron por Leiceaga poderían dividirse agora entre os que manteñan o apoio que lle daban a Sánchez e os que viren cara á candidatura de Patxi López, que conta con importantes apoios na provincia de Lugo. Este mércores, sen ir máis lonxe, a agrupación local socialista en Lugo anunciaba un encontro con militantes do ex-lehendakari na cidade da Muralla, este sábado na sede do partido. 

Fontes do partido consideran que as bases están "maioritariamente" con Sánchez e cren que Patxi López ten un importante celeiro de votos en cadros medios e intermedios que renegan do choque de trens que suporía a vitoria do ex-secretario xeral ou da dirixente andaluza. Con todo, cren que "a decisión polo voto útil" marcará unha contenda que, avisan, "non fixo máis que comezar". 

E mentres a carreira das primarias estatais chega a Galicia, Ferraz manobra para cambiar a xestora en Galicia. A súa presidenta, Pilar Cancela, sabe que podería ter os días contados á fronte do PSdeG e desde a dirección tamén provisional de Madrid xa se pensa en dous nomes para substituíla, segundo adianta Radio Galicia: a ex-senadora Paula Fernández e o ex-conselleiro Ricardo Varela. Malia que desde Madrid todo parece indicar que se opta por unha mudanza rápida, fontes da dirección en Galicia entenden que sería unha "tolemia" levala a cabo agora e que a decisión, sabendo que a prórroga finalizaba agora, era doada: "Ou ampliala ou cambiala antes, pero isto xa non". 

Pedro Sánchez, ante militantes do PSOE en Ponte Caldelas Dominio Público @sanchezcastejon
Anuncio do acto de Patxi López en Lugo Dominio Público @PSOEdeLugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.