A cidadanía falou: estas son as 21 propostas que se incluirán nos orzamentos da Coruña en 2017

Os orzamentos participativos completaron un proceso que se iniciou en maio © Concello da Coruña

Este xoves déronse a coñecer as 21 propostas escollidas pola cidadanía coruñesa no proceso de Orzamentos Participativos, iniciado antes do verán. As iniciativas, que suman un investimento dun millón de euros, serán incluídas no proxecto de presupostos que o grupo de Goberno presentará para o ano 2017.

As actuacións, que xa se poden consultar na web de A Porta Aberta, van dende intervencións no espazo público (recuperación e mellora do conxunto escultórico de Méndez Núñez, máquinas de exercicios biosaudables, creación de hortas urbanas, aumento da sinalización do carril bici, instalación de máis papeleiras ou a mellora do mobiliario urbano), incremento e mellora de zonas verdes ou apostas tecnolóxicas para a mellora da vida cotiá (aplicación móbil de incidencias, uso e recarga da tarxeta Millenium no móbil ou unha app cos establecementos comerciais que acepten animais). Inclúense propostas dun piloto de migración a Software Libre, a creación de máis parques caninos, a posta en marcha dunha plataforma de compra online e bicireparto nos Mercados ou a instalación de máis estacións de BiciCoruña.

​A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, salientou que se trata de propostas “sensatas e construtivas” e subliñou que “estamos especialmente satisfeitas con como discorreu todo este proceso de democracia directa, que nunca se tivera dado antes na cidade". "A cidadanía participa cando se abren mecanismos para que o faga, tanto a organizada como a non organizada”, comentou Delso, que explicou que 2.693 persoas se rexistraron na plataforma online habilitada para este proceso, participando de forma activa 1.964 persoas. O 40% das persoas que participaron tiñan entre 30 e 40 anos, o 26% tiñan entre 40 e 50 e un 16% entre 20 e 30.

 

As 21 propostas escollidas

  • App de Incidencias. 10.000€ 
  • Tarxeta Milenium no móbil. 30.000€ 
  • Transporte urbano. 30.000€
  • Creación de zonas naturalizadas en espazos verdes. 21.500€ 
  • Adecentar a parte inferior do paso elevado de Ronda de Nelle sobre Finisterre. 35.000€ 
  • Recuperación integral do conxunto dos Xardíns de Mendez Nuñez. 100.000€ 
  • Bolardos diante do colexio Manuel Murguía. 3.330€
  • Instalación de máquinas de exercicios biosaudables en Praza Pablo Iglesias 7.800€ 
  • Posibilidade de chegar a Pocomaco en algo que non sexa un coche particular. 48.000€ 
  • Piloto de migración a Software Libre. 12.000€ 
  • Creación parques caninos coa recadación das multas de recollida de excrementos. 75.000€ 
  • Hortas urbanas. 24.000€
  • Creación dunha plataforma de compra online e bicireparto nos Mercados. 62.000€ 
  • Instalar fontes con bebedeiro inferior para cans. 33.600€ 
  • Plantación de 111 árbores autóctonas entre Monte das Moas - Parque de Eirís. 80.000€ 
  • Estación de BiciCoruña en cada barrio e punto principal da Coruña. 216.000€ 
  • Carril bici. 53.000€
  • Máis papeleiras nos parques infantís. 50.000€ 
  • Mellorar o mobiliario e o pavimento da cúpula de Eirís. 15.000€ 
  • Mellorar o uso recreativo do Parque de Bens. 55.000€ 
  • App "Cidade Amigable cos Animais". 15.000€

 

Os orzamentos participativos completaron un proceso que se iniciou en maio © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.