A CIG mobilízase en precampaña e pide o voto para "forzas que se enfronten aos recortes"

Manifestación de delegados da CIG en Compostela © CIG

As mobilizacións non pararán na precampaña electoral. A CIG anunciou este xoves que levará a cabo unha serie de protestas durante estas datas para "denunciar a colaboración da Xunta de Feijóo coas políticas de recortes" que veñen impostas desde "a UE e o Estado". Estas mobilizacións finalizarán no mesmo día que comece a campaña electoral, o vindeiro 4 de outubro, con protestas en todas as comarcas galegas.

As mobilizacións da CIG pretenden "situar a cidadanía para que triunfen forzas que se enfronte aos recortes"

O obxectivo destas futuras protestas é "situar a cidadanía para que triunfen forzas que se enfronten ás políticas de recortes", explicou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, durante unha rolda de prensa na que explicou que a central nacionalista convocará "asembleas en empresas, actos na rúa" e outras accións que rematarán con "manifestacións en todas as comarcas galegas", coincidindo co inicio da campaña electoral.

Seixo quixo deixar claro que o obxectivo da CIG "non é interferir na campaña" e que pretenden que "esta transcorra con normalidade", pero non descartou que se produzan novas protestas xa coa campaña empezada, sobre todo no sector público, aínda que ese non é o seu propósito. Ademais, anunciou que espera que CCOO e UGT se "sumen ás protestas do día 4", malia que os sindicatos estatais xa teñen convocadas manifestacións en defensa do sector industrial ás que tamén poderían acudir a central nacionalista o vindeiro día 8.

Para Suso Seixo, o PP "representa os intereses da oligarquía española e europea" por medio dos seus "recortes antisociais" e criticou que o Goberno da Xunta colabore "nas políticas antigaleguistas e recentralizadoras da dereita máis reaccionaria". "Pretenden recortar dereitos e competencias das autonomías", dixo o secretario xeral da CIG, que pediu que a xente apoie nas eleccións a "forzas políticas no campo do nacionalismo".

"Votar o PP supón condenar o país", asegura Seixo

Segundo Seixo, votar o PP supón "condenar o país", tamén no plano "cultural e lingüístico", logo de denunciar que a situación de Galicia é a dun "panorama social e económico preocupante e sen saída a curto prazo". Ademais, chamou "mentireiro" a Alberto Núñez Feijóo polas súas promesas de creación de emprego na campaña electoral de 2009, á vez que culpou o presidente galego da "situación de deterioración" do desemprego en Galicia debido á súa "pasividade" contra o "tecido produtivo" personificado en "o sector naval, financeiro e lácteo".

Para a CIG, os "160.000 parados da era Feijóo" son consecuencia  das políticas desenvolvidas no últimos catro anos, que tamén provocaron a emigración de "centos de mozos moi cualificados", ademais de "5.600 novos parados no sector industrial" onde, segundo matizou Seixo, "o emprego é de maior calidade e máis estable".

Manifestación de delegados da CIG en Compostela © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.