A convulsión de Anova cambia de epicentro

Escrutinio de Anova en Compostela CC-BY-NC-SA Anova

O pasado decembro Martiño Noriega dimitía como coordinador nacional de Anova, posto considerado como 'número dous' da formación que encabeza Xosé Manuel Beiras. O paso atrás do tamén alcalde de Teo era seguido por máis dimisións e algunha que outra baixa na organización. Esquematicamente, estas renuncias eran interpretadas como o resultado do choque entre as dúas almas de Anova, a que aposta por afianzar o proxecto de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e as alianzas coa "esquerda federal", a comezar por Esquerda Unida, e a partidaria de tender pontes só cara a outras organizacións galegas. Este conflito, salferido de certos problemas e friccións no traballo diario, daba lugar a unha batalla interna na que semellaban ir por diante os partidarios e partidarias da segunda opción, con dirixentes como Mario López Rico ou Luis Eyré como algúns dos rostros máis visibles. Así foi ata a pasada semana.

O domingo a militancia de Anova estaba chamada a unha cita coas urnas que todas e todos observaban como transcendental. Decidíase a fórmula para concorrer ás eleccións europeas, o que era sinónimo de observar con números cal das dúas devanditas almas era a maioritaria. As opcións a escoller eran aceptar o convite de IU, "unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas" ou non participar nos comicios. Finalmente, a alternativa elixida foi elixida foi a primeira, apoiada por 380 militantes, só 11 máis que quen optaron pola segunda. Saía así adiante a opción defendida polo sector que ve necesario o crecemento de AGE e tamén a aposta que publicamente elixiu o portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras, pero non así boa parte da dirección.

O triunfo da opción "federalista" abría un escenario incerto. Non en van, a tese considerada oficialista consideraba que acudir de novo ás urnas con Esquerda Unida era "incompatible co proxecto estratéxico" de Anova, constituía a "vía máis afastada dos principios e modelo organizativo do partido-movemento" e impedía a "consolidación de Anova como organización". Pola contra, os valedores e valedoras da opción gañadora reafirmábanse en que "reeditar AGE" permite que "o nacionalismo galego sexa un actor máis forte". "Brincar do Padornelo aos Pirineos sen tratar de condicionar os procesos da esquerda federal non parece o máis intelixente e non deu ata agora demasiados réditos ao soberanismo galego", argumentaban. "O máis responsable é tomar partido, establecendo alianzas con outras esquerdas de fóra de Galiza, estatais e europeas", abondaban.

As dimisións prodúcense tras o triunfo no referendo da opción para "reeditar AGE"

Estas dúas posicións, a que gañou e a que perdeu o referendo, chegaron á sesión da Permanente da organización, este luns en Compostela. Alí, despois de acordar "parabenizar a todas as compañeiras e compañeiros por un traballo interno exitoso para a celebración dun impecábel referendo, exemplo de como se deben tomar as decisións importantes nunha organización democrática", formalizáronse as dimisións de dez dos membros deste órgano directivo, formado por 19 persoas. Luis Eyré, Carlos Méixome, Paula Vázquez Verao, Mario López Rico, Concepción Trigo, a deputada Consuelo Martínez, Antonio Araújo, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Mónica Fernández e Laura Ogando presentaban a "dimisión irrevogábel" porque consideraron "a decisión tomada" como un "erro estratéxico e político".

As dez persoas dimisionarias cren que a coalición con EU é "un erro estratéxico e político"

Unha vez decidido o rumbo a tomar e mentres os partidarios da coalición con EU apostaban por que a decisión fose asumida polo conxunto da organización, as persoas dimisionarias explican que non se senten "con ánimo" para realizar "como cómpre" a tarefa encomendada polo resultado da votación. Así as cousas, explican, marchan "por lealdade a Anova" e para que o roteiro sexa "executado polas aquelas persoas que, crendo na vontade do acordo, poidan facelo mellor".

Escrutinio de Anova en Compostela CC-BY-NC-SA Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.