A coordinadora de En Marea acordou impulsar unha candidatura única para as vindeiras eleccións ao Consello das Mareas. Será, segundo anunciou a formación nun comunicado, unha lista "de consenso participada por todo o espazo da confluencia" e que se formará coa "escoita activa e sintetizando as distintas achegas políticas e persoais".
Será unha lista "de consenso e participada por todo o espazo da confluencia"
O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, en declaracións aos medios, mostrouse "moi satisfeito" polo acordo, ao seu xuízo "inmellorable", alcanzado pola coordinadora para esta lista unitaria, unha opción que era pola que apostaba o portavoz da formación para elixir os 35 membros dun Consello das Mareas.
A coordinadora dirixiu unha carta aos inscritos da formación lembrando que o vindeiro día 10 se abre o prazo de presentacións de candidaturas ao Consello das Mareas. E lembra que esta será "a primeira dirección electa de En Marea" e que responderá aos "compromisos" que se asumiron na asamblea de Vigo e ao espíritu de construción do espazo "en clave cooperativa e non competitiva".
Villares cre "inmellorable" o acordo e amósase "moi satisfeito" polo acordo
Para a Coordinadora de En Marea, a intención neste proceso electivo que se abre a vindeira semana é "crear as condicións para unha candidatura de consenso participada por todo o espazo da confluencia". A coordinadora pediu aos inscritos, logo da xuntanza, que contribúan a construír esta candidatura "tanto a nivel programático como no que se refire ás persoas que integrarán o Consello das Mareas".
A Coordinadora de En Marea lembrou tamén que segue activa a plataforma para inscribirse e que a inscrición é un requisito impresdincible para participar.