O Concello da Coruña vén de presentar esta semana a programación cultural prevista para a noite de San Xoán, masiva e arraigada celebración nunha cidade que prevé xuntar 150.000 persoas nas súas rúas o vindeiro luns 23 de xuño e que contará cun dispositivo especial de seguridade de 1.000 persoas.
A Festa de Interese Turístico Internacional —que estende a súa programación de teatro, música, narración oral ou música por varias zonas da cidade desde dez días antes— vive o seu punto álxido na tardiña e na noite do 23, cun espectáculo pirotécnico e actuacións que, como explica o Concello, serven para "complementar o lecer que xa de por si se vive nas praias e nos barrios". Unha celebración esencialmente popular ante a que a Xunta volve financiar unha entidade privada como "organizadora".
Farao, doutra volta, a través dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e a asociación de Meigas de las Hogueras de San Juan pola que esta entidade recibe unha subvención de algo máis de 40.000 euros para "actuacións vinculadas ao apoio, promoción e difusión" da festa. A mesma cantidade que esta agrupación recibiu nos tres anos anteriores, así como en 2016, 2017 e 2018.
A Xunta volve subvencionar con máis de 40.000 euros a asociación Meigas de las Hogueras de San Juan, á que atribúe a "organización das Fogueiras de San Xoán"
Porque durante anos, a asociación Meigas de Hogueras de San Juan foi apoiada a través de subvencións polo Concello da Coruña, unhas axudas que eliminou o goberno local da Marea Atlántica pero que foron substituídas por convenios asinados entre a entidade e a Xunta de Galicia, que mesmo convidou nalgunha ocasión a representantes desta entidade á Feira Internacional de Turismo (Fitur).
O convenio de colaboración asinado para este ano entre a Axencia de Turismo de Galicia e as Meigas ascende a un total de 40.109,92 euros, unha achega para que a asociación realice diferentes actividades. Do total da subvención, algo máis de 4.000 euros son destinados a "publicacións e difusión", tal e como figura na memoria do convenio, labor entre o que se inclúen a elaboración de revistas, carteis e programas.
Tamén hai uns 11.000 euros para os gastos derivados das infraestruturas previstas para as actuacións, así como algo máis de 25.000 para contratacións, entre as que se inclúen bandas de música para a homenaxe á bandeira de España ou para o aquelarre poético, onde se produce a proclamación da Meiga Maior á que segue á de Meiga Maior Infantil. Tamén se reservan uns 10.500 euros para "diferentes accións promocionais".

A Xunta, a través da Axencia de Turismo, colabora así cunha entidade que define como "organización sen ánimo de lucro dedicada á divulgación, promoción e organización das Fogueiras de San Xoán" e destaca que durante seis décadas "sacou adiante case cinco mil actos de todo tipo, culturais, sociais, deportivos e populares; logrando que as Hogueras fosen declaradas sucesivamente festas de interese turístico de Galicia, festa de interese turístico nacional e xa no ano 2015 Festa de Interese Turístico Internacional".
As subvencións que recibiu a entidade durante anos do Concello foron substituídas desde 2016 por convenios coa Axencia de Turismo de Galicia
As subvencións da Xunta a este histórico colectivo organizador de diferentes actividades da festa do San Xoán na Coruña son regulares e habituais desde que en 2016, co goberno da Marea Atlántica, o Concello rematase coa habitual colaboración e acordos económicos coa entidade, situación que se mantén hoxe en día.
Non foron poucas as polémicas desde aquela: xa en 2016, a Xunta concedera 18.000 euros a esta entidade para a realización dunha fogueira que non tiña a autorización municipal. En 2017, nunha publicación no seu blog, a asociación fixo apoloxía do franquismo lembrando a imaxe "esplendorosa" da Coruña "celebrando" a "toma de Bilbao" por parte do exército franquista durante a guerra civil.
Ademais, nas súas publicacións son habituais as duras críticas ao antigo goberno da Marea liderado por Xulio Ferreiro ou ao actual socialista da alcaldesa Inés Rey. Na edición deste ano da súa revista Hogueras, que inclúe un saúdo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o fundador da Comisión Promotora de las Hogueras de San Juan de La Coruña —antecedente da actual entidade— e ex-membro da Falange, José Eugenio Fernández Barallobre, lembra o "mal día de mayo de 2015".
A asociación creara polémica por apoloxía do franquismo nas súas publicacións, que adoitan cargar contra o actual ou anteriores gobernos locais, como na revista deste ano
"Unos intransigentes, sectarios y miserables se apropiaron de nuestro trabajo de años, desterraron a las Meigas de la noche que ellas y solo ellas habían crado y asumieron el protagonismo borrando, como suelen hacer siempre, la verdadera memoria histórica de la fiesta del San Juan coruñés para crear la suya propia", di.
Unha situación, di, que se mantén "a fecha de hoy, pese a que son otros los que gobiernan en el Ayuntamiento aunque, eso sí, iguales a los del 2015".

Dez días de eventos
Mentres, A Coruña prepárase para unha celebración cuxo cartel deste ano foi deseñado pola ilustradora ourensá e veciña da cidade Laura Pato, coñecida como Le Petit Patito. Na noite do 23 ao 24 de xuño, e tras a queima da falla e o espectáculo pirotécnico da medianoite, o grupo La Guardia e Hey Kid serán os encargados das actuacións musicais na explanada do Palacio dos Deportes.
Ademais, desde este venres 13 ata o luns 23 terá lugar a Ruada das Xoubas, unha iniciativa de artes escénicas para todos os públicos formada por nove compañías vinculadas á Coruña e que percorrerá os distintos barrios da cidade con teatro, música, danza, maxia ou narración oral.
Tamén durante todos estes días, diversos espectáculos abertos á cidadanía pasarán por distintas prazas de disintas zonas da cidade.