A cruzada da Pokémon para que o PP non tocase a ORA

Fernández, anunciando a súa intención de suprimir a ORA, en maio de 2011 © PP Ourense

Ourense, 17 de maio de 2011. Naquel Día das Letras faltaban apenas cinco días para as eleccións municipais e estaba previstro que o daquela vicepresidente primeiro do Goberno de España, Alfredo Pérez Rubalcaba, acudise a ofrecer un mitin en Ourense para apoiar o PSdeG. O PP ourensán, que en días previos se preguntara se o socialista acudía á cidade "a falar do caso Faisán, do 11-M ou a explicar a súa ineficacia ante a crise", deu en convocar a prensa por sorpresa ante un parquímetro do centro da cidade. Alí o seu aspirante á Alcaldía, Rosendo Fernández, anunciou que, se gobernaba a cidade, o PP aprobaría "a supresión do pago da ORA para que os ourensáns poidan aparcar gratuitamente en todas as rúas". Segundo a investigación da operación Pokémon a empresa Véndex, adxudicataria do servizo, tentou por diversos medios que isto non acontecese, iniciando unha cruzada semellante á que mantiña noutras cidades do país e poñendo, din os investigadores, cartos sobre a mesa.

A xuíza que instrúe o caso, Pilar de Lara, preguntoulle a respecto deste episodio ao ex líder dos populares ourensáns, quen daquela aínda presidía a Deputación provincial, José Luis Baltar. Na súa declaración ante a maxistrada en calidade de imputado, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, o pai do actual presidente do partido e da deputación negou coñecer os responsables de Véndex, José María Tutor e Adrián Cordero e negou, por extensión, que estes contactasen, se reunisen con el e o subornasen para desactivar a proposta de Rosendo Fernández, cuxa eventual execución lle provocaría á empresa un cuantioso prexuízo económico.

Baltar negou a xuntanza con presuntos membros da trama que reflicten as intervencións telefónicas e rexeita que lle desen 6.000 euros

Aínda que as conversas telefónicas intervidas por Vixilancia Aduaneira reflicten que Tutor e Cordero falaban con preocupación da proposta -"está mal da cabeza", dicían do candidato- e da concertación dunha xuntanza con Baltar para instalo a retirala o patriarca da dereita ourensá nega os encontros e mesmo a proposta. "Eu non teño nin idea de nada de que eu falase con esa xente", dille a De Lara, ao ser cuestionado polo encontro que, segundo a gravación telefónica, se concertara para o 20 de maio na sede da Deputación. "Estráñame moito que falen de xuntanzas cando eu, durante a campaña, non vou pola deputación" grazas a "un pacto" dos grupos políticos da institución, di, en virtude do cal "durante a campaña suspendemos as reunións para dedicarnos á campaña".

Neste contexto, Baltar admite que nas súas conversas os responsables de Véndex poderían estar a "referirse ao programa do PP de Ourense", pero "o PP non tiña ningún programa a respecto da ORA" na cidade. Polo tanto, mantén, se "o candidato", Rosendo Fernández, "fixo algunha manifestación" sobre o tema "sería a título persoal". O ex presidente nega, no entanto, que en conversa con Tutor ou Cordero cualificase de "merda" esa proposta ou lles explicase que se trataba dunha "cousa de campaña" sen máis percorrido. "Non creo que saia da miña boca", porque "eu non vou descualificar en plena campaña ao meu candidato", sinalou, ademais de negar que, como din os investigadores, Véndex completase a súa persuasión cara a el cunha entrega de 6.000 euros nesa mesma xornada.

Cese das críticas á ORA de Lugo

A de Ourense non foi, segundo a investigación do caso, a única concesión de ORA pola que a empresa se dirixiu ao PP para que non entorpecese os seus plans. Tamén sucedeu, cando menos, di Vixilancia Aduaneira, no Concello de Lugo, onde os conservadores sentan na oposición dende 1999. No caso lucense, di a investigación, o achegamento produciuse no verán de 2012, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulase a concesión da ORA municipal a Doal, empresa do grupo Véndex. Neste contexto o PP local instaba con intensidade o goberno do socialista Xosé López Orozco a executar a sentenza. Facíano con duras críticas que cesaron, di Vixilancia Aduaneira, tras un encontro de Tutor co presidente provincial e portavoz no Senado, José Manuel Barreiro.

Segundo a investigación, o PP de Lugo cesou as críticas á concesión da ORA tras unha xuntanza de Véndex con Barreiro

Como xa informou este diario, un informe da investigación explica que "unha semana despois" de que o PP de Lugo "dubidase da validez das multas da ORA" Tutor mantivo un "encontro" con Barreiro "no parking do aerporto da Coruña". A xuntanza, organizada segundo o informe por un funcionario do Concello lucense, produciuse aproveitando a chegada de Barreiro dende Madrid e, dende esa data, o PP "non volve manifestar publicamente a súa dúbida da validez da concesión da ORA en Lugo". Segundo Vixilancia Aduaneira, ademais da xuntanza do aeroporto produciuse outra na sede do PP lucense o 6 de xullo dese mesmo 2012, controlada directamente polos axentes. Barreiro admite que os encontros se produciron pero non que recibise cartos da trama, supostas entregas polas que o Tribunal Supremo valora investigalo.

Fernández, anunciando a súa intención de suprimir a ORA, en maio de 2011 © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.