A CUP dille 'non' a Artur Mas

Rolda de prensa ofrecida polos representantes da CUP Dominio Público CUP

A CUP confirmou a súa negativa a investir a Artur Mas como presidente da Generalitat. O Consello Político da formación anticapitalista acordou que os seus dez deputados e deputadas se absterán nunha hipotética votación do Parlament, o que deixaría o líder de CDC sen os apoios suficientes. A CUP insta a Junts pel si a presentar outro candidato ou candidata. Doutro xeito, Catalunya celebrará novas eleccións en marzo.

O debate celebrado este domingo en Barcelona, no que participaron 56 representantes territoriais e 11 máis en nome das distintas organizacións que compoñen a CUP, amosou a igualdade existente entre as dúas posicións: a favorable a investir a Mas como unha forma de facer avanzar o proceso soberanista, e a partidaria de esixirlle a Junts pel si que movese ficha para non facer depender este proceso da figura do ex presidente. Os votos dos e das representantes territoriais repartíanse a partes iguais entre as dúas opcións, mentres que os das organizacións decantaron a balanza en favor do non. Despois de varias votacións, nas que se barallaron seis propostas, finalmente quedaron dúas, que implicaban en ambos os casos rexeitar a Mas como presidente. 

En rolda de prensa, catro representantes da CUP destacaron que "neste momento hai unha maioría absoluta independentista no Parlament. Mas dixo que nunca sería obstáculo e queda unha semana". "É o momento de demostralo. A pelota está no seu tellado. O #pressingCUP acabará no outro lado esta semana", engadiron. Así mesmo, advertiron a Mas que unhas novas eleccións "serían a consecuencia do inmobilismo de quen o ten na súa man". "Se eles non queren mover ficha, tamén deberán render contas co electorado", concluíron.

A decisión da CUP xa recibiu críticas dende Junts pel si e a ANC. A presidenta do Parlament, Carme Forcadell, amosou en twitter a súa "decepción", sinalando que "sempre pensei que a CUP faría realidade o mandato democrático do 27S. Non foi asi". Jordi Sánchez, presidente da ANC, pediu "desculpas a todo el mundo que confiou na ANC cando pedimos o voto a calquera opción independentista o 27S e hoxe se senten engañados”. Oriol Junqueras (ERC) afirmou, tamén a través de twitter, que "nunca cansaremos, nunca abandonaremos, nunca nos rendiremos".

Unha imaxe do Consello Político celebrado esta mañá © CUP
Rolda de prensa ofrecida polos representantes da CUP Dominio Público CUP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.