A Plataforma por un Senado de Progreso chama a concentrar o voto de esquerda para a Cámara Alta

Na rolda de prensa da Plataforma Cidadá por un Senado de Progreso participaron Xosé Manuel Sánchez, Pancho Candela, Marilar Aleixandre e Xaime Toxo © Plataforma Cidadá por un Senado de Progreso

Este luns presentouse en rolda de prensa a Plataforma Cidadá por un Senado de Progreso, unha iniciativa xurdida da sociedade civil para dar apoio á candidatura Senado de Progreso

O 29 de novembro, ademais do Congreso, tamén se renova o Senado. Unha Cámara Alta que moitas veces fica nun plano secundario pero que pode ter unha importancia clave en certos asuntos, sobre todo se algún dos dous bloques (o de dereitas ou o progresista) acada unha maioría de tres quintos que lle permitiría impoñer ducias de maxistrados no Supremo. 

As eleccións ao Senado contan con numerosas particularidades; por exemplo, escóllense catro senadores en cada provincia, independentesmente da súa poboación, o que adoita beneficiar á dereita, con máis apoio nas provincias menos poboadas. Ademais, aínda que se escolle á persoa (e non a unha candidatura completa), unha gran maioría de electores opta por un voto en bloque aos tres primeiros candidatos dunha determinada formación, o que acaba favorecendo resultados maioritarios (o partido máis votado nunha circunscrición adoita levar 3 dos 4 senadores en xogo).

É por isto que nestes comicios tanto na esquerda coma na dereita se levaron a cabo acordos para a conformación de candidaturas. Así naceu a coalición Senado de Progreso entre PSOE e as formacións que compoñen a Fronte Ampla en todo o Estado. E, igualmente, así chegaron PP e VOX a acordos para a retirada de candidatos en varias circunscricións, entre elas Pontevedra.

Pancho Candela abriu a rolda de prensa advertindo de que "a ultradereita está asomándose ao poder" e defendeu que a cidadanía galega debe "responder" ante o que considera "unha ameaza para as liberdades democráticas"

Este luns presentouse en rolda de prensa a Plataforma Cidadá por un Senado de Progreso, unha iniciativa xurdida da sociedade civil para dar apoio á candidatura Senado de Progreso. A iniciativa defende que o Senado "pode desempeñar un papel decisivo na protección dos dereitos sociais e das liberdades democráticas, así como na defensa dos intereses de Galicia". 

Na comparecencia interviron o economista Pancho Candela, a escritora Marilar Aleixandre, o sindicalista Xosé Manuel Sánchez e o escritor e expresidente do Ateneo de Pontevedra Xaime Toxo.

Marilar Aleixandre apelou á imaxe do "exército dos vagalumes" de Manuel Rivas para explicar o sentido da candidatura. "O que estamos propoñendo á cidadanía é votar pola luz e pola alegría", afirmou

Francisco Candela abriu a rolda de prensa advertindo de que "a ultradereita está asomándose ao poder" e defendeu que a cidadanía galega debe "responder" ante o que considera "unha ameaza para as liberdades democráticas". Marilar Aleixandre apelou á imaxe do "exército dos vagalumes" de Manuel Rivas para explicar o sentido da candidatura. "O que estamos propoñendo á cidadanía é votar pola luz e pola alegría", afirmou a escritora, que lembrou que en 2023 a esquerda superou amplamente á dereita nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, o que lle podería ter outorgado dous senadores máis en cada provincia.

Xaime Toxo situou a convocatoria electoral no contexto do avance das forzas de extrema dereita en España, na Unión Europea e nos Estados Unidos e defendeu a mobilización cidadá para freala. "Dispersar o voto é ningunear o voto", resumiu o escritor. Na mesma liña, o sindicalista Xosé Manuel Sánchez subliñou a transcendencia da convocatoria: "Estas non son unhas eleccións calquera". Ao seu xuízo, por primeira vez podería chegar ao Goberno o que cualificou de "ultradereita neofascista".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.