Este martes estaba convocado un debate electoral en Santiago. Non o organizaba ningún medio de comunicación, nin o Colexio de Xornalistas ou outra institución. Quen emprezaban os candidatos á alcaldía a contrastar as súas propostas eran os traballadores e traballadoras do Concello, que a través dos seus representantes na Xunta de Persoal e no Comité de Empresa, convidaron as formacións políticas a explicarlles como queren abordar a cuestión laboral no consistorio. A data non foi unha elección ao chou: o debate foi un dos actos centrais da xornada de folga coa que o persoal do Concello de Santiago esixía a recuperación de dereitos "recortados" e a aplicación do convenio colectivo, entre outras cuestións. Todas as forzas políticas convidadas responderon afirmativamente agás unha, o PP, cuxo candidato e actual alcalde, Agustín Hernández, considerou o acto un "simulacro de debate" e un "postureo".
Con estas condicións de partida os organizadores conseguiron sentar á mesma mesa os alcaldables de PSdeG, BNG, Compostela Aberta, Compromiso por Galicia e Ciudadanos. Nun ateigado salón os candidatos ofreceron o seu diagnóstico da situación da cidade en xeral e da política de persoal en particular, un dos ámbitos nos que, segundo os traballadores, os gobernos de Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e Agustín Hernández conseguiron "romper a paz social".
Reyes: "Catro anos de desgoberno están a piques de rematar"
A defensa do público foi a nota dominante na maioría das intervencións. Tras "catro anos de desgoberno que, por sorte, están a piques de rematar", di o socialista Francisco Reyes, o que agora toca é revisar o "plan de axuste" aplicado polos alcaldes populares e aplicar os acordos previos, a comezar polo convenio colectivo. "É unha magoa" que Hernández "non vos diga á cara o que nos di a nós nos plenos" sobre o funcionariado, ironizou o candidato do BNG, Rubén Cela, para quen as escoitas do caso Pokémon son unha boa mostra da concepción que o actual goberno ten do persoal municipal: "Querían xente que asinase sen ler", resume.
Cela: "É unha mágoa que non vos diga á cara o que nos di a nós nos plenos"
Para o cabeza de cartel de Compostela Aberta, Martiño Noriega, o divorcio entre persoal público e dirixentes políticos no Concello compostelán ata chegar á folga é o enésimo capítulo dunha "concepción monárquica" do poder que, di, Hernández herdou dos seus antecesores que, coma el, sinala, desenvolveron unha "privatización partidaria" do goberno local. Practicaron a "desconfianza nos traballadores" como unha "consecuencia" máis das "corruptelas" e mesmo "maltrataron" funcionarios concretos, como o secretario e a interventora, relevados por Conde Roa dos seus postos, aos que veñen de retornar por orde do TSXG.
Remunicipalización de servizos
Noriega aposta por trasladar a Santiago o "gran reto" da remunicipalización da auga
Neste contexto, unha das preguntas lanzadas aos candidatos por parte dos asistentes foi a respecto da posibilidade de rescatar servizos agora en mans de empresas privadas para facelos "retornar" á xestión directa municipal. Neste punto tanto os actuais grupos da oposición como Compostela Aberta e CxG apostan por avaliar as actuais concesións e comezar a reversión por aquelas nas que sexa máis doado facelo. Se del dependese, indica o candidato de Compromiso, Xosé Antón López, pasaríalles "algodón e lupa" a todas as concesións e tentaría de comezar a volta ao público polos centros deportivos e socioculturais, a auga e a limpeza.
López tentaría comezar as remunicipalizacións polos centros deportivos e socioculturais e a limpeza
A xestión das multas e da disciplina urbanística, por parte de PSdeG e BNG, ou o "gran reto da recuperación" da xestión da auga, para Compostela Aberta, serían os primeiros pasos dunha remunicipalización á que o candidato de Ciudadanos lle pon máis matices. Así, Javier Sánchez-Agustino pregúntase "que máis dá quen preste o servizo" mentres o faga con "eficiencia por riba de todo". Ante as críticas recibidas, o ex edil popular afinou un chisco a súa posición indicando que "o administrado é o máis importante" e que a súa aposta é por non "demonizar" nin a xestión pública ni a privada.