A Deputación de Lugo asegura que membros do PP "gozaron das viaxes" que investiga De Lara

Santos, durante a resposta no pleno CC-BY-SA Praza Pública

A Operación Pulpo continúa a súa vertente xudicial, pero tamén a política. Mentres a xuíza Pilar de Lara continúa as dilixencias que a pasada semana provocaban a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral do PSdeG o Goberno da Deputación de Lugo volve advertir de que parte das xestións das que a maxistrada sospeita corresponden á etapa do PP, que gobernou a institución ata 2007. O obxecto da controversia seguen a ser as viaxes sufragadas polo ente provincial ao seu persoal, das que De Lara recea e que segundo as facturas se realizaron entre 2003 e 2006. Esas viaxes, asegura agora o goberno da institución lucense, foron "gozadas" tamén por membros do PP.

A acusación lanzouna o voceiro da coalición gobernante, o socialista Álvaro Santos, durante a pregunta en pleno formulada polo PP a respecto da devandita operación xudicial. Segundo Santos, quen destaca que o goberno "non tivo acceso nin ao auto de De Lara", a voceira popular e nova líder do partido na provincia, Elena Candia, debera "explicar por que membros do PP, como Raquel Arias", actual delegada da Xunta na provincia, "facían as viaxes que a Deputación subvencionou ata 2006, durante o goberno do PP na institución luguesa".

O PSdeG sitúa a actual delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, entre as beneficiarias das viaxes

Esas viaxes, subliña Santos, tiñan como destino "Arxentina, India, Ámsterdam ou Eurodisney" e foron "suprimidas polo goberno progresista, á súa chegada en 2007. "Coñecemos que membros do PP, como a señora Arias entre outros moitos, gozaban das viaxes que o goberno do PP subvencionou ata 2006 a funcionarios e fillos de funcionarios", abonda Santos. "Con que fondos se pagaban as viaxes aos deputados do PP?", pregunta.

O deputado socialista advirte tamén de que esas "explicacións" terían que estenderse, asemade, á "presunta contabilidade irregular que foi tirada do ordenador da Deputación" polos axentes ás ordes da xuíza. Eses datos, di, "son gastos dos anos 2003, 2004, 2005 e 2006", polo que "son os membros do PP os que teñen que dar algunha explicación ao respecto". Na mesma intervención Santos negou, ademais, que o goberno de PSOE e BNG realizase "listas negras" de funcionariado, como os populares afirman ao fío do sumario. "Ao parecer, a lista comprende nomes de traballadores que iniciaron o seu contrato tanto na época do PP como na etapa do goberno progresista", resalta.

O PP ve a resposta do goberno da Deputación "insuficiente, nesgada e tendenciosa"

As respostas de Santos son, en calquera caso, "insuficientes" para o PP. Segundo o deputado José Antonio García o socialista retrucou de xeito "insuficiente, nesgado e tendencioso". "Serán os socialistas e ningún outro partido os que terán que dar explicacións en sede xudicial", enfatiza, ao tempo que "recorda" que "o sumario vincula, como publican os medios de comunicación, a presunta contabilidade irregular e as listas negras co goberno de Besteiro".

A xuízo dos conservadores o voceiro socialista debera "pedir desculpas pola imaxe que o seu grupo está a dar da institución", así como polo "atrevemento" de "atacar un órgano xurisdiccional". Dado que as explicación son "insuficientes", afirma, o PP "estuda novas accións que permitan á cidadanía saber o que realmente pasou".

Santos, durante a resposta no pleno CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.