A dirección do BNG accede a non repartir as áreas da Executiva ata a asemblea 'irmandiña'

Executiva do BNG elixida na XIII Asemblea Nacional CC-BY-NC-SA BNG

O BNG pendente do Encontro Irmandiño. Tras a primeira xuntanza da Executiva Nacional elixida na Asemblea Nacional do Bloque, un día despois do cónclave, o segundo encontro semellaba ter un carácter decisivo para o futuro da formación, dado que o reparto de secretarías permitiría visualizar se todos os postos de decisión eran asumidos por membros da Alternativa pola Unidade ou se, polo contrario, tamén accedían a eles representantes de Máis Galiza e mais do Encontro Irmandiño (EI). Pero esta distribución terá que esperar cando menos unha semana máis, por, precisamente, petición do partido que encabeza Xosé Manuel Beiras.

Segundo informou o propio servizo de comunicación do BNG, os 'irmandiños' pediron "expresamente" que a asignación de responsabilidades non se producise ata despois da súa Asemblea Nacional, que se celebrará o vindeiro domingo. Fontes desta formación consultadas por Praza Pública sinalan que esta solicitude xustifícase en que o EI "non estará en condicións de asumir ningunha responsabilidade" orgánica. Non en van convocan a súa asemblea como "unha reflexión seria sobre a situación resultante e sobre o camiño a tomar" ou, o que é o mesmo, como o momento de decidir se continúan ou non integrados no BNG.

Así as cousas, as responsabilidades da Executiva nacionalista quedan "interinamente" a cargo dos membros da actual dirección que xa estaban na anterior. Mentres, os postos vacantes son asumidos provisoriamente polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, á espera de que nun vindeiro encontro, xa despois da asemblea 'irmandiña', se poidan distribuír.

Pontón substitúe a Aymerich, que seguirá no Parlamento

Co reparto de secretarías adiado o único que seguiu o guión máis ou menos previsto de antemán foi a remuda na portavocía parlamentaria, que será exercida por Ana Pontón en substitución de Carlos Aymerich. Aínda que os estatutos aprobados na Asemblea Nacional estipulan a incompatibilidade entre o liderado dunha corrente interna e o exercicio dunha portavocía nunha institución -suposto no que se atopa Aymerich-, diversas fontes nacionalistas coinciden en sinalar que este non é un principio retroactivo. Por este motivo, dende a ApU non se puxeron impedimentos en que o tamén líder de Máis Galiza continuase exercendo o cargo, se ben Aymerich decidiu renunciar.

Neste contexto, o ata agora voceiro, que seguirá no Parlamento exercendo, entre outras, a portavocía da área económica, agradece "que os compañeiros da Executiva me pedisen que continuase", pero coida que a renuncia "é a decisión máis coherente coa Asemblea Nacional e coa aposta que fixen nela". Deste xeito, a dirección nacionalista decidiu que Pontón, ata agora vicevoceira, se poña á fronte do grupo parlamentario, converténdose na primeira muller que exerce esta función na Cámara galega. Na mesma votación -na que, segundo puido saber Praza Pública, o EI se abstivo-, Ana Luisa Bouza, de Máis Galiza, foi elixida vicevoceira, cargo que aceptou animada por membros da súa corrente despois de, segundo fontes nacionalistas, certas reticencias iniciais.

Neste contexto, dende Máis Galiza subliñan que cómpre "desligar" a decisión de Aymerich "de calquera outra cuestión" sobre o futuro da corrente, algo que se tratará na súa Asemblea Nacional, o vindeiro 11 de marzo. "A nosa asemblea non vai ser para decidir se deixamos ou non o BNG", aseguran, senón "para dar unha resposta organizada" sobre cuestións como un "nacionalismo democrático e máis aberto". "O tempo irá dicindo onde realizamos o noso traballo político", conclúen.

 

Ana Pontón, voceira parlamentaria do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.