A dirección do PSOE mantén o veto ás primarias do PSdeG ata o outono

Xuntanza de Vázquez e Rubalcaba © Inma Mesa / PSOE

Primarias si, pero non antes do verán. A dirección federal do PSOE move devagar as súas posicións dende a negativa total a que os seus liderados sexan renovados a través de votación directa ata a aceptación desta premisa, pero non polo momento. O pulso lanzado dende o PSdeG, co seu plan para designar secretario ou secretaria xeral mediante primarias o vindeiro xuño, semella que impulsou a cúpula que encabeza Alfredo Pérez Rubalcaba a flexibilizar as súas posturas, pero non o suficiente como para que a axenda do socialismo galego non varíe. Primarias, si, pero despois do outono.

O secretario de organización do PSOE, Óscar López, confirmaba na mañá deste xoves, durante un almorzo informativo en Madrid, que a dirección do partido está aberta a un cambio estatutario para que as primarias non só se limiten á elección de candidatos electorais. "Se todos os cidadáns poderán elixir o candidato á secretaría federal, o lóxico é que os militantes o fagan directamente", explicitou López, en referencia á previsión de celebrar primarias abertas. Pero esta mudanza, advirte, esixe unha reforma estatutaria e esta non culminará ata a conferencia política que a formación celebrará no outono.

Á dirección galega correspóndelle decidir se mantén o pulso con Rubalcaba ou se tenta convencer ao Comité Nacional de adiar a renovación ao outono

Neste contexto, e co Comité Nacional do PSdeG convocado para, este mesmo venres, botar a andar as primarias galegas, o número tres de Rubalcaba advirte de que "ningunha dirección, nin a federal nin as rexionais, poden cambiar as normas do partido, pero si poden iniciar un debate e é o que temos aberto agora". Deste xeito, López vén admitir que, en boa medida, o reto lanzado dende Galicia forzou o cambio de rumbo, pero que o veto se manterá ata que haxa novos estatutos.

Así as cousas, o interrogante agora sitúase sobre o líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, a quen lle corresponde agora decidir se mantén o pulso con Rubalcaba ou, ao contrario, tenta convencer o Comité Nacional Galego -que apoiou as primarias co máis do 95% dos votos- de que cómpre agardar ao outono para a renovación interna. Isto implicaría, polo tanto, atrasar as primarias e tamén o Congreso Nacional, xa fixado para o 6 de xullo. Este adiamento era, precisamente, o que temían algúns dos sectores máis críticos coa actual dirección do PSdeG.

Óscar López, este xoves en Madrid © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.