A dura volta á escola en tíckets: 200 euros polos libros de Primaria

Un dos tíckets co custo dos libros de texto difundidos nas redes © PSdeG

No balance da década de Feijóo á fronte do Goberno da Xunta, o PSdeG fai un repaso pola política de austeridade e os recortes que afectaron, sobre todo, aos servizos públicos. Entre eles, advirten tamén nunha campaña nas redes sociais, o ensino, ao que a Xunta “destina hoxe 180 millóns de euros menos que hai dez anos”. Entre as consecuencias, din, 1.500 profesores menos, 40 unidades menos en Infantil e Primaria neste curso e milleiros de pequenos sen praza en escolas infantís públicas. Ademais, os socialistas aseguran que “Feijóo rexeita volver aos libros de texto gratis, pero baixa os impostos aos patrimonios de máis de 700.000 euros”

O PSdeG reclama "libros de texto gratis" e difunde tíckets enviados por familias nos que se certifica o elevado gasto do material escolar

Os socialistas denuncian que "Feijóo desmantela a educación pública" e que o gasto medio en libros de texto por neno ou nena elévase aos 200 euros en Primaria e aos 250 euros en Secundaria. Así, lanzou unha campaña na que pediu a familias que amosasen nas redes sociais os tíckets dos seus gastos por material escolar. 

O resultado, co cancelo #LibrosDeTextoGratis, varias facturas que revelan o importante gasto que supón para as familias a volta á escola dos pequenos. 256 euros polos manuais de 1º da ESO e un libro de 3º, máis de 120 euros para 2º de Primaria en Moaña ou 185 euros para os libros de 3º de Primaria. 

As redes amosan o custo da volta ao colexio: 256 euros polos manuais de 1º da ESO ou 150 por só tres libros en Primaria

Desde Cangas, denúnciase tamén un gasto de máis de 150 euros por só tres libros de 2º de Primaria ou máis de 55 para un só libro "para nenos de dous anos". Porque catro anos despois de que a Xunta retomase os préstamos, alumnado do ensino público segue a pagar por este material indispensable

Un dos tíckets sobre o custo dos libros de texto difundido nas redes © PSdeG

En 2015, a Consellería de Educación modificou o modelo que implantara o Goberno de Feijóo, o da "gratuidade solidaria" que tantas críticas levara. Instaurou outro sistema de préstamo que, baixo a denominación de Fondo Solidario, no curso pasado repartiu de forma gratuíta máis de 631.000 libros de texto e alcanzou máis de 108.000 alumnos de 3º a 6º curso de Primaria e dos catro cursos da ESO. Son, segundo a Xunta, aproximadamente sete de cada dez. Pero non chega a todos os cursos nin, como se ve, a todo o alumnado. 

A Xunta destina 12,1 millóns de euros neste curso para vales de material e axudas e compras de libros de texto, que chegan a 7 de cada 10 escolares

Para este curso, á espera dos datos de beneficiarios, o importe total destinado pola Consellería para o financiamento do programa é de case 12,1 millóns de euros, 5,4 para os vales de material escolar, 4,6 para as axudas de libros de texto, e 2,1 para a adquisición por parte dos centros de libros complementarios aos existentes no Fondo Solidario para garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a este. Case a mesma cantidade que no curso anterior e abranguendo os mesmos cursos e semellante cifra de alumnado. 

A mudanza levada a cabo polo PP, que acabou en 2009 coa gratuídade que implantara o goberno bipartito de PSdeG e BNG, "foi unha decisión ideolóxica". Así o di Luís Álvarez, deputado do PSdeG e ex-delegado provincial en Lugo da Consellería de Educación, que cre que "a mellor proba de que aquilo foi un erro e unha precipitación é que a propia Xunta acabou co seu primeiro modelo"

"O PP pasou dun dereito, dun sistema universal, a un sistema de axudas; quitar un dereito é unha decisión ideolóxica", insiste Álvarez, que advirte de que o PP "inventou logo o da gratuidade solidaria, unha reutilización limitada e cunhas determinadas condicións". "Foi un erro suprimilo, tamén por planificación económica", engade. 

Luís Álvarez censura a "decisión ideolóxica" que supuxo eliminar a gratuidade dos libros de texto e lembra que o PP si a aplica na Comunidad de Madrid

PSdeG, ao igual que o resto da oposición, avoga pola volta á gratuidade universal e lembra que o PP "asume ese modelo alí onde goberna con outros partidos como Ciuadanos, como ocorre na Comunidad de Madrid". "É moi difícil de xustificar que o apliquen nuns lugares e non noutros", di. 

"É un modelo moito máis xusto, economicamente sustentable e máis eficiente porque das moito máis servizo por un investimento moi pouco superior ao actual", di Álvarez, que lembra, con ironía, "que todos os servizos públicos teñen un custo, claro que si". 

Luis Álvarez, deputado do PSdeG © PSdeG-PSOE

Respecto ao presunto poder das editoriais, Álvarez non cre que "teñan tanta capacidade como para tombar" modelos de gratuidade. "Defenden lexitimamente o seu negoci, pero de aí a que sexan quen de influír nesas decisións...", asegura. 

Ademais, volve lembrar o "importante esforzo" económico que para moitas familias supón a compra dos libros de texto. "O PP sempre responde que a cidadanía está de acordo co sistema porque por iso lles deron a maioría absoluta; que lles pregunten a ver se os seus votantes non aceptarían a gratuidade", di quen advirte de que "as propias anpas se organizan para facilitar o préstamo de material e evitar eses importantes gastos". "Se a propia sociedade se organiza, non é por capricho", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.