A esixencia dunhas primarias como as galegas revoluciona o PSOE

Besteiro, ante Pachi Vázquez tras ser ratificado como secretario xeral CC-BY-NC-SA PSdeG

Durante os seus catro anos como secretario xeral do PSdeG a Pachi Vázquez acompañouno a sona de ser quen de gañar todas as batallas internas que se lle puñan por diante, xa fose para aplicar o principio "unha persoa, un cargo", para atallar a fonda crise do grupo parlamentario, apagando lumes no ámbito local, gañándolle pola mínima un Congreso á alianza deseñada para derrubalo, logrando ser candidato á Presidencia da Xunta ou confeccionando as listas para esas mesmas eleccións. A súa última batalla dende a secretaría xeral foi a aposta, mesmo entre a estupefacción dos seus críticos, por que o liderado do partido fose renovado a través dunha votación de toda a militancia. Aínda que con matices esa foi a fórmula pola que foi elixido o seu sucesor, José Ramón Gómez Besteiro, e esa é a reclamación que dende o pasado luns ten revolucionado o PSOE.

A das primarias foi a última e inesperada batalla de Pachi Vázquez dende a secretaría xeral

O pau electoral nas europeas do domingo deu paso, o luns, a que Alfredo Pérez Rubalcaba guindase a toalla e considerase que, agora si, é o momento de que o partido teña unha "nova dirección" que, anunciou, sairía dun congreso extraordinario a celebrar o vindeiro xullo ou, o que é o mesmo, dunha votación por delegación que, como é sabido, é moito máis controlable polo aparello partidario. Este anuncio deu paso a un escenario de conflito aberto, en boa medida semellante ao protagonizado pola dirección federal do PSOE e a Executiva Nacional do PSdeG cando, en marzo de 2013, os socialistas galegos aprobaban que designarían secretario ou secretaria xeral pasando polas urnas.

Besteiro foi elixido pola votación da militancia e ratificado no Congreso Nacional

Naquela ocasión a cúpula encabezada por Rubalcaba aceptou -daquela maneira- a proposta galega e inicialmente acordou con Vázquez que habería votación, pero unicamente para elixir delegados previamente designados por cada candidato á secretaría xeral. O aspirante que tivese máis delegados sería elixido, de calquera xeito, no correspondente Congreso Nacional. Pachi Vázquez amosábase convencido de que o logro acadado dende Galicia ía "marcar a liña de todo o socialismo" e ambas direccións puxéronse a elaborar un regulamento para o proceso. Pero o que comezara con boas palabras rachou a catro días de rematar o prazo. Rubalcaba mudaba de postura e dicía "non" á consulta galega. O PSdeG, pola súa banda e nunha actitude case inédita, abandonaba a concordia con Madrid e advertía de que "non ía ceder".

Madina, Sánchez, López ou Chacón reclaman a participación das bases do partido

Coas espadas en todo o alto e mentres en Galicia os críticos con Vázquez facían patente a súa desconfianza Ferraz comezaba a mover as súas posicións devagar. Finalmente o PSdeG cedeu un chisco e adiou as súas primarias ao outono, dándolle así tempo ao PSOE, que cedeu outro chisco, a sancionar o procedemento a través dun Comité Federal que se celebrou no verán. A votación celebrouna, Besteiro gañouna e despois, a finais de setembro, foi ratificado polo Congreso Nacional. Agora nomes tan destacados como Eduardo Madina, Pedro Sánchez, Patxi López, Carme Chacón e mesmo membros da dirección do poderoso PSOE andaluz apoian que algo semellante ao acontecido en Galicia suceda en todo o Estado.

Besteiro, ante Pachi Vázquez tras ser ratificado como secretario xeral CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.