'A Estrada Pode' pide que se investiguen asfaltados realizados polo Concello na campaña electoral

Centro de A Estrada Dominio Público Praza Pública

A presidenta de A Estrada PODE, Natalia Lemos, remitiulles á Fiscalía Anticorrupción, ao Xulgado da Estrada e mais á Xunta Electoral de Zona, tres solicitudes para que estes organismos públicos investiguen a realización -segundo denuncia- de "múltiples obras de asfaltado con aglomerado en quente que nos últimos días da campaña electoral para as eleccións municipais o goberno municipal do Concello da Estrada levou a cabo". Natalia Lemos sinala que "estas actuacións non responden ao interese público senón a beneficiar intereses privados e de particulares, do que se intúe que o Partido Popular, como xa tería feito en varias ocasións, podería estar empregando recursos públicos para rédito electoral".

Segundo afirma A Estrada Pode, estes "movementos caciquís á desesperada" merecen "o máis grande repudio, máxime nestes tempos de crise económica onde os recortes sociais son unha constante"

Segundo afirma A Estrada Pode, "á marxe das consecuencias delictivas que estes feitos puideran ter", estes "movementos caciquís á desesperada" merecen "o máis grande repudio, máxime nestes tempos de crise económica onde os recortes sociais son unha constante", e que se suman "aos moitos casos de corrupción ética e política a que nos teñen acostumados os representates púbicos da vella política".

Como exemplo das diferentes actuacións realizadas, A Estrada PODE envioulles ás tres institucións materiais gráficos e descritivos dos asfaltados do treito final da Travesía da Penarada coincidente co acceso ás instalacións dunha empresa privada, sen que o resto da vía pública "que se atopa en moi mal estado" fose tamén arranxada. Tamén do treito de acceso á sede dunha empresa privada no lugar de Marque (Ribeira), ou do treito de acceso a unha vivenda privada na parroquia de Olives.

Natalia Lemos intúe que o Partido Popular "como xa tería feito en varias ocasións, podería estar empregando recursos públicos para rédito electoral"

A Estrada PODE insta á Fiscalía Especial Contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada, ao Xulgado da Estrada e á Xunta Electoral de Zona "a investigar os feitos, requirir toda documentación sobre os expedientes, moi en particular se existen informes técnicos que avalen as obras e a súa ausencia, se existen partidas orzamentarias aprobadas para tal fin e a relación das empresas que realizaron ditas obras co Partido Popular por se houbera delito por uso indebido e/o malversación de fondos públicos ou delicto electoral".

Centro de A Estrada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.