A Eurocámara castiga a Galicia e ratifica a expulsión da frota do polbo de Mauritania

Pleno na Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

Un novo golpe para Galicia desde a UE. O pleno da Eurocámara aprobou este martes renovar o protocolo de pesca con Mauritania, o que expulsa a frota cefalopodeira galega dese caladoiro. E faino porque este novo acordo garante o acceso ás augas dos barcos de doce estados comunitarios, entre eles España, pero achega condicionantes importantes que afectan nomeadamente os mariñeiros galegos. Non así aos marisqueiros andaluces -e unha minoría galegos-, que saen beneficiados. Non se poderá pescar polbo, que queda reservado aos buques mauritanos, polo que preto de 20 embarcacións do país, maioritariamente do Morrazo, quedan abocadas ao despezamento.

O resultado foi contundente, malia que o eurodeputado responsable do tema e presidente da comisión de Pesca, o popular Gabriel Mato, propuxera rexeitar o protocolo pola exclusión da frota cefalopodeira da zona. Non houbo disciplina de voto. Nin moito menos. O acordo saíu adiante con 467 votos a favor, 154 en contra e 28 abstencións debido ao voto dividido dos europarlamentarios españois. Os grupos maioritarios, o do Partido Popular e o dos socialistas, poderían ter inclinado o voto cara a un lado, pero houbo disidentes, suponse que especialmente pola banda dos representantes andaluces, aínda que a ausencia dunha lista nominal de votacións impide coñecer o resultado en detalle. E non por prexudicial deixou de ser agardado, máis aínda despois da polémica entre Xunta e Junta de Andalucía polo tema.

Deputados españois do PSOE e do PP, maioritariamente andaluces, votaron a favor do acordo

Semella que o PP apoiou na súa maioría, aínda que non totalmente, o rexeitamento ao acordo, mentres que no PSOE votaron a favor os andaluces e en contra os europarlamentarios galegos, mentres que o resto optou pola abstención.

O caso é que Bruxelas paga uns 70 millóns de euros anuais a Mauritania para que alí faenen medio cento de buques. A Comisión Europea pagou unha primeira parte e fáltalle por pagar aínda o seguinte prazo. No entanto, nada deses cartos acabarán beneficiando aos mariñeiros cefalopodeiros galegos, que quedan sen futuro ningún. 24 barcos, dos que xa só quedan 17 -a maioría do Morrazo aínda que algúns con base nas Canarias- que ven no despezamento case a única alternativa.

Dos 24 buques cefalopodeiros galegos -ou con base nas Canarias- tan só quedan 17, abocados ao despezamento ou caladoiros alternativos

Nos últimos tempos, a frota de todo o Estado rexeitou ir a faenar a Mauritania durante a apelación provisional do acordo, ao considerar que as súas condicións eran "inaceptables" e que facían inviable unha actividade rendible. Os mariñeiros e o Goberno central pediron unha renegociación do convenio e a comisaria de Pesca, Maria Damanaki, introduciu algunha mellora que fixo cambiar de opinión á maioría de artes de España, pero non a da Moncloa nin a dos mariñeiros galegos. De nada serviu.

O novo acordo pesqueiro abrangue oito categorías: peláxicos, pescada e demersais, mariscos (gamba, lagostino, cigala e cangrexo) e atún. O acceso ao polbo sería exclusivo para a frota mauritana, o que prexudica aos barcos galegos. No protocolo anterior había 32 buques cefalopodeiros, dos que 24 eran galegos ou con maioría de tripulación galega e base nas Canarias. Agora quedan 17.

 

"Foron moitos os deputados do PSOE e PP que votaron a favor"

Así o lembra Xabier Aboi, secretario nacional de CIG-Mar, que recorda tamén que máis de 180 parlamentarios "non estiveron de acordo con esta barbaridade" de protocolo. Ademais, sospeita que foron "moitos" os deputados do PP e do PSOE que rexeitaron votar a prol da frota galega. "É o que hai, o papel que nos dá Europa aos galegos: despezamento, eliminar o sector e deixarnos como man de obra", criticou. De feito, advirte de que o seu sindicato tratará de obter datos sobre o voto de cada eurodeputado e asegura que houbo grupos que pediron que "non constase" a lista nominal de votacións.

Pola súa banda, o presidente da asociación de cefalopodeiros (Anacef), Francisco Freire, asegura que o novo protocolo condénaos "a seguir amarrados sen expectativas de futuro ningunhas". "Con esta votación sentouse un moi mal precedente para futuros acordos porque estamos ante un pacto caro, mal negociado e infrautilizado durante 14 meses", explicou á Radio Galega. "Xa estamos afeitos a este tipo de votacións, en contra da pesca extractiva e industrial co obxectivo de ir acabando con ela", insistiu, tras advertir que "o futuro certo é o despezamento". "O incerto é ir a caladoiros cunha rendibilidade moi difícil, e o terceiro é que nun prazo curto se conseguise renegociar ou reactivar acordos como o de Marrocos ou Guiné-Bissau", di.

A CIG insiste en que "unha parte" dos barcos que quedan "irán ao despezamento" e para o resto prevé un futuro complexo, malia as alternativas de Guiné-Bissau -que semella vetado pola UE mentres haxa inestabilidade política no país- ou Senegal. O caladoiro de Marrocos, no entanto, non parece tan viable. Ademais, Aboi cre que a conselleira de Mar, Rosa Quintana, "apareceu a última hora, tarde, mal e arrastro". "Implicouse ao final pero polo menos fíxoo; outros vendéronnos".

Manifestación por un acordo de pesca xusto con Mauritania CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.