A Eurocámara viaxa a Galicia polas denuncias de "alta contaminación" nas rías

Vista da ría de Vigo Dominio Público Praza Pública

A Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, a Confraría de Ferrol, Barallobre e A Coruña,  o Comité Cidadán de Emerxencia de Ferrol... Son só alguns dos once colectivos sociais e políticos que presentaron queixas ante a comisión de peticións do Parlamento Europeo polos "altos niveis de contaminación" que sofren "diversas zonas costeiras" de Galicia, nomeadamente as rías de Vigo, Ferrol e O Burgo. Ante a posibilidade de que a situación destes entornos naturais poida "vulnerar as leis europeas de protección ambiental", a Eurocámara comprobará sobre o terreo os efectos da contaminación cunha delegación de deputados e deputadas de diversos grupos políticos.

O martes e o mércores desta vindeira semana unha delegación parlamentaria na que se atopan os galegos Ana Miranda (BNG), Antolín Sánchez Presedo (PSdeG) e Francisco Millán Mon (PP) viaxarán a Galicia para "reunírense cos denunciantes, coas comunidades locais máis afectadas" e tamén "coas autoridades" galegas, segundo informa o Parlamento Europeo. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e os conselleiros de Medio Ambiente e Mar, Agustín Hernández e Rosa Quintana, serán os encargados de explicar as razóns polas que, tras anos de investimentos, a polución segue a afectarlle a auga e ao aire de "varios esteiros incluídos na lista de enclaves da biodiversidade protexidos pola Directiva Europea Natura 2000".

Ana Miranda e Antolín Sánchez Presedo forman parte da delegación que visitará Galicia

Explica a Eurocámara que "a maioría das denuncias" xa foron "previamente discutidas en Bruxelas" cos colectivos que as formularon. Destes estudos previos as autoridades comunitarias conclúen que "as causas da contaminación da auga semellan estar relacionadas na súa maiorái co tratamento deficiente das augas residuais urbanas en varios puntos", así como "a existencia de diversas instalacións industrais na zona". Todas estas circunstancias serán "comprobadas sobre o terreo" en Vigo, Ferrol e A Coruña por parte dos eurodeputados.

Tendo en conta ademais que "tres das once" denuncias "xa desembocaron en procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea" nos casos de Vigo e do Burgo, a delegación parlamentaria recompilará datos para, posteriormente, redactar un informe que será debatido na propia Eurocámara, que emitirá "recomendacións" para subsanar as deficiencias existentes e evitar así a contaminación e o risco de sancións para Galicia. Ao longo da súa visita a Galicia os eurodeputados avanzarán algunhas das súas conclusións en comparecencias anet os medios en Vigo, Santiago e A Coruña.

Vista da ría de Vigo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.