A evolución do sentimento nacionalista en Galicia, en seis gráficos

Evolución das preferencias sobre a organización territorial do Estado Dominio Público Praza Pública

Que din os galegos e as galegas de si mesmos e de si mesmas? Como se identifican? Como se definen? Séntense galegos e galegas? De forma exclusiva, de forma prioritaria, ou coa mesma intensidade coa que senten españois, coexistindo e entrelazándose unha e outra identidade? Dende hai anos o CIS pregunta de forma periódica sobre estas cuestións, permitindo analizar a evolución no tempo deste sentimento de identificación que, nalgúns casos, adopta unha forma política, como nacionalismo. Tamén sobre esta cuestión pregunta o CIS habitualmente, o mesmo que sobre a preferencia que os e as cidadás teñen sobre a organización territorial que debería adoptar o Estado español. Unha ollada aos datos dos últimos 20 anos permite coñecer un pouco mellor como pensan os galegos e galegas.

Á vista dos números, unha das primeiras conclusións que podemos tirar é que os habitantes de Galicia se senten de forma moi maioritaria tan galegos coma españois, e cada vez máis. Dende o ano 2009, ao redor de sete de cada dez (entre o 69% e o 76%) escolle esta opción, sendo unha minoría aqueles que se senten só galegos (entre o 2% e o 4%) ou máis galegos que españois (entre o 16% e o 22%). Son aínda menos os que se definen como só españois (entre o 2% e o 6%) ou máis españois que galegos (entre o 2% e o 4%). 

Se observamos a evolución histórica desta serie, vemos como as respostas que priman a identificación española sobre a galega eran máis numerosas nos anos 80 e 90, movéndose entre un 10% e un máximo do 15%. Descenderon na primeira década do século XXI ata chegar ao 5%, aínda que se pode advertir un lixeiro repunte na enquisa preelectoral publicada hai unhas semanas (ata o 9%). 

A resposta maioritaria sempre foi, con gran diferenza, a de tan galego/a coma español/a, pero é evidente o crecemento experimentado por este sentimento nas últimas décadas. Nos anos 80 e 90 superaba por pouco o 50%, a partir do ano 2001 sobrepasou o 60% e ao final desta década consolidouse por riba do 70%.

Pola contra, a proporción de persoas que se definen como só galegas ou máis galegas amosa dende 1998 un continuado descenso. Nas décadas dos 80 e 90 mantívose estable por riba do 30%, roldando mesmo en dous estudos (1989 e 1998) o 40%. Nas dúas décadas seguintes a porcentaxe foi descendendo de vagar, ata situarse no actual 20%. 

Podemos analizar as respostas en función do voto ás distintas forzas políticas. Entre os e as votantes do BNG a proporción de quen se identifica como só galego ou máis galego se mantivo estable dende os anos 90 e mesmo creceu. Pola contra, entre os e as votantes de PP e PSOE este grupo é hoxe notablemente menos numeroso que en 1997.

O CIS tamén introduciu nalgunha ocasión preguntas sobre o sentimento de orgullo por ser galego ou español, unha forma de identificación moi laxa, que deixa niveis de adscrición case unánimes. En 2012, o 94,4% manifestábase moi ou bastante orgulloso/a de ser galego ou galega, sen apenas diferenzas entre os e as votantes dun e doutro partido e case sen evolución dende os estudos previos (93,9% en 2005, 96,7% en 2010). De igual xeito, o 85,7% dicía estar moi ou bastante orgulloso/a de ser español ou española (95% os e as votantes do PP, 88% as do PSOE e 59% as do BNG), cun certo descenso no tempo (2010: 93%, 2005: 88%, 1996: 87%).

 

A autodefinición como nacionalista

Por suposto, aínda que poden estar ligadas, unha cousa é o sentimento de identificación (galego, español ou ambas as dúas) e outra a autodefinición como nacionalista, un concepto político. O CIS tamén pregunta por esta cuestión dende 1997 e os datos permiten constatar igualmente unha evolución decrecente. Chama a atención o dato de outubro de 1997, previo ás eleccións autonómicas dese ano, cunha porcentaxe dun 33% de persoas que, de 1 a 10 (10, máximo nacionalismo) definían o seu sentimento por riba de 7. Os outros rexistros desa época, aínda que menores (entre o 18% e o 22%) son tamén superiores aos actuais (14% en 2012).

Dende o ano 2005 o CIS incorpora a pregunta directa considérase vostede nacionalista galego?, que permite afinar a análise e confirma a tendencia adiantada. Do dato de 2005 (entre o 24% e o 26% de nacionalistas) pásase ao dato de 2012 (entre 19% e 23%).

Por partidos, de novo vemos como a proporción de votantes do BNG que se definen como nacionalistas mantívose estable e mesmo creceu. Pola contra, entre os votantes de PP e PSOE, a porcentaxe de nacionalistas reduciuse notablemente dende os anos noventa, cando roldaba o 20% e o 25%, respectivamente.

O sentimento nacionalista, medido nunha escala de 1 a 10 (10 como máximo nacionalismo) sitúase na actualidade en Galicia nunha media de 4,2, máis dun punto por debaixo do nivel que acadaba nos anos 90 (entre o 5 e o 5,9). Entre os votantes do PP descendeu do 4,85 (1997) ao 3,83. Entre os votantes do PSOE pasou do 5,35 ao 4. Nos electores do BNG mantívose relativamente estable, unhas décimas por riba de 6. Preguntados os e as votantes de AGE en 2012, estes e estas situáronse no 5,21.

Pode ser interesante, a este respecto, estudar como os galegos e galegas sitúan as distintas forzas políticas nesta escala. É dicir, que grao de nacionalismo observan neles, como os definen e en que medida se achegan ou se afastan da centralidade dos e das votantes nesta cuestión. Inmediatamente chama a atención a evolución seguida na imaxe que os galegos tiñan e teñen do Partido Popular, que roldaba o 4,5 (sobre 10) entre 1993 e 1997 e que dende entón experimentou un fortísimo descenso, ata caer por debaixo do 3. O PSOE, en cambio, que era considerado nos 90 un partido menos nacionalista (ou menos galeguista) que o PP, creceu nesta escala na década seguinte, xusto cando accedeu ao Goberno na Xunta, para descender de novo en 2012.

En canto ao BNG, foi sempre visto como unha formación moi nacionalista (entre 7,37 e 8,24), mesmo máis nacionalista do que os seus propios votantes se consideran a si mesmos (entre 5,74 e 6,73). O momento de maior aproximación entre a imaxe do BNG e a media do sentimento nacional en Galicia produciuse en 1997 (7,37 e 5,9). Dende entón, as dúas variables seguiron camiños opostos, situándose en 2012 en 8,02 e 4,2. En 2012 AGE era colocado no 7,08 nesta escala.

 

Preferencia pola organización territorial do Estado

O CIS tamén inclúe nos seus estudos unha pregunta sobre a preferencia que os e as cidadás teñen sobre a organización territorial do Estado. En Galicia, a opción do Estado completamente centralizado e de supresión das comunidades autónomas foi sempre minoritaria e mesmo descendera dende os niveis acadados nos anos 90 (18%) ata o 7% ou 9% da década seguinte. Porén, dende o 2007 si se advirte un crecemento desta opinión, que en 2012 chegou a acadar un 23% que, sumado a outro 12% de galegos e galegas que defendía unha redución das competencias das autonomías, implicaba unha forte aposta pola recentralización. Con todo, a enquisa preelectoral publicada hai un mes amosaba que este 35% se reducira novamente, ata o 22%.

Os partidarios dun Estado que lles recoñeza aos distintos territorios o dereito a seren independentes foron sempre moi escasos nesta enquisa, movéndose entre o 2% e o 5%. Pola contra, aqueles e aquelas que apostaban por un Estado no que as actuais comunidades tivesen máis autonomía si que chegaron a representar unha proporción importante, movéndose entre o 16% de 1996 e o 34% de 2007. Dende entón, con todo, a porcentaxe caeu ata superar por pouco o 10%. Na enquisa máis recente si se observa un lixeiro crecemento (13%). A opción maioritaria, ao redor do 60%, é a aposta polo mantemento do actual reparto de poder entre Estado central e Estado autonómico 

Se comparamos as preferencias dos galegos e galegas sobre a organización territorial coas que teñen os habitantes doutras autonomías, observamos que Galicia ocupa un lugar intermedio entre as distintas comunidades, lonxe dos datos de Cataluña e Euskadi, nun nivel comparable con Canarias, Navarra e a Comunidade Valenciana, e moi por diante do resto.

Segundo a entrega máis recente do CIS, os e as catalás apostan pola autodeterminación (36%) ou por unha maior autonomía dentro de España (outro 27%), fronte a un 22% que queren que se manteña a actual situación e un 10% que defenden a recentralización. En Euskadi é o 30% o que reclamar a posibilidade de independencia para un territorio, un 25% o que quere máis autonomía, un 32% o que defende o actual status quo e só un 5% o que aposta pola recentralización. Canarias, Navarra e a Comunidade Valenciana presentan un escenario semellante ao galego, cun 19-21% de partidarios da autodeterminación ou de maior autonomía (a suma en Galicia acada o 17%). Porén, mentres en Navarra só o 5% prefire a recentralización, nas illas esta proporción acada o 23% en Valencia supera o 37% (en Galicia é o 22%)

Nas restantes comunidades, os partidarios dunha maior autonomía acadan, como moito, o 11% de Asturias e Andalucía ou o 10% de Aragón. Ademais, nestes territorios os partidarios da recentralización chegan a ser do 25% en Andalucía, do 32% en Asturias ou do 45% en Aragón, dato semellante ao das dúas Castelas ou Madrid.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.