A fiscal pide dous anos de cárcere para o home que tirou un ovo ao líder de Democracia Ourensana

Gonzalo Pérez Jácome, cabeza de lista de Democracia Orensana, nun pleno © Democracia Orensana

O agresor será xulgado o próximo xoves por un delito de atentado e outro leve de lesións

“Golpeouno coa man, na cara e no oído, ao mesmo tempo que lle estampaba un ovo”. Esa é a descrición que fai a fiscal da agresión que hai dous anos sufriu o portavoz de Democracia Orensana, Gonzalo Pérez Jácome, e pola que pide para o seu autor, un veciño de Ourense, dous anos de prisión, o pagamento ao afectado dunha indemnización de 1.060 euros e unha multa de contía similar. O xuízo celebrarase o próximo xoves na Audiencia Provincial de Ourense.

Segundo o relato dos feitos que fai a fiscal do caso, Isabel Melero, o 10 de abril de 2015 o acusado “con antecedentes penais non computables nesta causa”, achegouse a Jácome “que nese momento se atopaba na Praza Maior de Ourense, tras a celebración dun pleno, no cal realizara unhas manifestacións sobre a banda de música municipal que non gustaran ao imputado, polo que este, con ánimo de atentar contra a integridade física do citado concelleiro e contra o principio de autoridade que el mesmo representa, golpeouno coa man, na cara e o oído, ao mesmo tempo que lle estampaba un ovo que levaba”. Segundo a fiscal, Jácome “sufriu dúas pequenas rozaduras de 2-3 centímetros en zona temporal dereita e cara lateral do pescozo que requiriron para a súa curación dunha primeira asistencia facultativa, manténdoo impedido dous días de forma total e oito días de forma parcial e quedándolle como secuela hipoacusia mínima”.

Eses feitos, segundo a fiscal, “son constitutivos dun delito de atentado” e doutro delito leve de lesións polos que pide para o autor os anteditos dous anos de prisión, algo máis de mil euros de indemnización e outro tanto de multa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.