A fiscal acusa a Manuel Pérez de valerse do seu actual posto de inspector laboral para abusar dunha muller que acudiu á súa oficina tras unha inspección na empresa na que traballaba ao tempo que cobraba o paro
Manuel Pérez, alcalde de Vigo polo PP entre 1995 e 1999, está acusado pola Fiscalía de abuso sexual no exercicio das súas funcións de inspector laboral, posto ao que se reintegrou hai anos tras deixar a política activa. A fiscal, nun escrito de acusación de xuño do ano pasado divulgado este xoves por varios medios e ao que tivo acceso Praza.gal, considérao autor do delito contido no artigo 443.1 do Código Penal que pena ao “funcionario público que solicite sexualmente a unha persoa [...] que teña pretensións pendentes da resolución de aquel”, polo que pide para el un ano e seis meses de cárcere e sete anos de inhabilitación.
O escrito da fiscal recolle o relato da vítima sobre tocamentos de Pérez en abril de 2015 no seu despacho oficial da sede da Seguridade Social na rúa Cánovas del Castillo en Vigo. A fiscal di que a vítima acudiu á oficina a levar documentación por encargo do seu xefe despois de que Pérez realizase unha inspección laboral na empresa na que esta traballaba sen estar dada de alta e ao tempo que cobraba a prestación por desemprego. A fiscal salienta que “a consecuencia da denuncia interposta” por ela, o acusado abstívose de intervir no expediente “pero, de non facelo, o seu informe sería determinante” para sancionala.