Galicia xa ten a súa "fronte antitaurina" no Parlamento. Vinte e cinco deputados e deputadas dos tres grupos da oposición secundaron formalmente este venres a iniciativa da plataforma Galicia, mellor sen touradas para pular pola retirada das axudas públicas a estes eventos de "tortura" aos animais e, en última instancia, para avanzar no obxectivo de que as corridas de touros non sexan legais no país, como xa acontece en Catalunya. Os membros do Parlamento que botan a andar esta iniciativa asumen os postulados que, en rolda de prensa na Cámara, resumiu o voceiro da plataforma, Rubén Pérez: se as touradas "non tivesen apoios públicos", en Galicia non serían viables.
Neste contexto, os parlamentarios e parlamentarias non só se opoñen ás touradas en xenérico, senón tamén á nova regulamentación legal que as amparará cando entre en vigor a Iniciativa Lexislativa Popular "para a regulación da festa dos touros como Ben de Interese Cultural", admitida a trámite hai poucos días no Congreso dos Deputados entre un entusiasta apoio do PP. Esta ILP, advirte Pérez, non só supón garantir "subsidios" para a tauromaquia, senón tamén, por exemplo, abrir as portas das prazas de touros para persoas menores de 18 anos. "Suprimen Educación para a Cidadanía e crean educación para a tauromaquia", ironiza.
"As touradas non teñen nada a ver coa cultura galega e, aínda que tivesen, serían unha barbaridade"
"O maltrato e a cultura non son cultura", acrecenta Ana Pontón dende o BNG, cuxo grupo secunda en pleno esta iniciativa. As touradas, explica a nacionalista, foron "utilizadas" en Galicia para "introducir" un elemento de "españolización" que "nada ten a ver coa nosa cultura", se ben "aínda que tivese algo que ver, seguiría sendo unha barbaridade". Os animais, di Pontón, tamén "teñen dereitos" e por iso o Bloque se opón a que concellos e deputacións "do PP" sigan a destinar "cartos públicos" a soster estes festexos.
Nun sentido semellante se expresa Antón Sánchez dende AGE, cuxos representantes parlamentarios asumen tamén en pleno a incorporación á fronte. Alternativa, di Sánchez, aposta polo "progreso social" e isto implica "camiñar cara a unha sociedade menos violenta" mentres que o PP "sempre se opuxo ao aumento de dereitos". Agora, coa súa aposta por protexer legalmente as touradas, ilustra, só pretende abondar nunha "política de Cuéntame", xa sexa para "ir ver ao Papa con mantilla", "pedirlle ao santo que nos saque da crise" ou inxectar "cartos públicos para que os neopaletos vaian fumar un puro á praza de touros de Pontevedra".
A fronte está integrada por todos os deputados de AGE e BNG e pola metade do grupo socialista
Pola banda socialista a encargada de darlle apoio á iniciativa foi a deputada Patricia Vilán, quen explica que "os deputados e deputadas que asinamos" se opoñen ás touradas porque están "en contra do maltrato animal" e consideran que as touradas "non son cultura". Os socialistas asinaron ou non en función "das súas tendencias persoais" xa que a plataforma promotora pediu apoios no Parlamento de maneira "individual", se ben, subliña, todo o PSdeG está "contra o maltrato aos animais". Segundo puido saber Praza Pública os nove integrantes do PSdeG que se suman á fronte antitaurina son o secretario xeral, Pachi Vázquez, o voceiro, Abel Losada, e os os deputados Carmen Acuña, Raúl Fernández, Beatriz Sestayo, Vicente Docasar, Carmen Gallego, José Ramón Val e a propia Patricia Vilán.
Pero, en que se traducirá esta fronte? Explica Rubén Pérez que os deputados que a integran promoverán iniciativas de "fiscalización", orientadas esencialmente a coñecer "o número de festexos" que se desenvolven en Galicia, as "sancións" que reciben e os cartos públicos que financian as touradas, xa sexa directamente ou a través, por exemplo, das peñas taurinas. Non en van, subliña, institucións como a Deputación de Pontevedra "chegaron a pagar bufandas" de grupos favorables ás touradas.