A Galicia da oferta electoral reducida

O BNG presenta en Avión unha lista encabezada polo propio Xavier Vence e na que figuran varios deputados e deputadas Dominio Público Praza Pública

En tempos de aumento da pluralidade e de florecemento de novas forzas políticas e candidaturas cidadás, hai un número importante de concellos galegos nos que nas eleccións do 24 de maio os seus habitantes terán poucas opcións entre as que escoller. Se nos comicios de 2011 PSdeG-PSOE e BNG foran quen de presentar candidatura en todas as localidades galegas, neste 2015 os socialistas estarán ausentes en 14 concellos e o Bloque en máis de 50, lugares nos que en moitos casos o PP só terá unha alternativa. Ambas as dúas forzas denuncian que "presións" nalgunhas localidades lles impediron participar e o BNG presenta unha lista simbólica en Avión -encabezada por Xavier Vence- para subliñar estas dificultades.

Os concellos que non contarán con candidatura do PSdeG-PSOE son Dozón, Zas, Vilasantar, Moeche, Vilarmaior, Coirós, Montederramo, Agolada, Curtis, Vilariño de Conso, Portas, A Pobra de Trives e Frades. Pola súa banda, o Bloque ficou fóra en Dumbría, Mañón, Alfoz, Ourol, Bóveda, Sober, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Ribeira de Piquín, Antas de Ulla, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Pol, Valga, A Lama, Agolada, Cerdedo, Melón, A Arnoia, Cortegada, Beariz, Boborás, San Amaro, Maside, Punxín, O Irixo, Carballeda de Valdeorras, Petín, Larouco, O Bolo, A Veiga, San Xoán de Río, Manzaneda, Trives, Chandrexa de Queixa, Maceda, Parada de Sil, Riós, Laza, Vilar de Santos, Os Blancos, Baltar, Porqueira, Rariz de Veiga, Sarreaus, Sandiás, Calvos de Randín, Pontedeva, Padrenda, Lobios e Quintela de Leirado.

Ao redor de 35 dos concellos nos que o Bloque quedou fóra das eleccións están na provincia de Ourense, onde o PSdeG-PSOE tamén perdeu tres listas. As responsables de ambos os dous partidos subliñaron este martes as dificultades que atoparon para pechar as súas candidaturas e mesmo as "presións" recibidas por moitas persoas nalgúns lugares, e o "medo" que percibiron nalgúns dos seus posibles candidatos ou candidatas que finalmente renunciaron a participar, segundo apuntou María Quintas, secretaria de Organización dos socialistas na provincia. Tamén Tareixa Paz (BNG) apuntaba que "a crise económica e as situacións de desemprego fixeron que moitas persoas non se atrevesen a dar o paso".

Xavier Vence denunciou a "política do medo imposta polo PP" e o "control feudal" que especialmente en Ourense exercen -dixo- os populares. Criticou, así mesmo, a "tupida rede clientelar que utiliza a Deputación como axente electoral"

Este mércores o BNG presentou unha lista simbólica coa que a formación se presentará finalmente en Avión, un dos concellos ourensáns nos que non fora quen de facelo. Con esta lista, encabezada polo seu portavoz Xavier Vence e na que figuran tamén os deputados Olaia Fernández Davila, Francisco Jorquera, Cosme Pombo ou Montse Prado, o Bloque quere salientar as dificultades para conformar candidaturas en moitas localidades, das que responsabiliza á "asfixia democrática" imposta polo PP.  Xavier Vence denunciou a "política do medo imposta polo PP" e o "control feudal" que especialmente en Ourense exercen -dixo- os populares. Criticou, así mesmo, a "tupida rede clientelar que utiliza a Deputación como axente electoral" e aproveitou para lembrar que este "control clientelar" é unha das razóns polas que o Bloque aposta pola supresión dos entes provinciais.

 

Sen presenza do PSdeG-PSOE

Destacan dous casos nos que nin PSdeG-PSOE nin BNG participarán. Trátase de Agolada e A Pobra de Trives

Entre os Concellos nos que algunha das forzas que viñeron dominando a política galega nos últimos anos non está presente, destacan dous casos nos que nin PSdeG-PSOE nin BNG participarán. Trátase de Agolada e A Pobra de Trives, lugares no que o PP terá enfronte candidaturas veciñais ou independentes (mesmo dúas no caso de Trives). En Agolada o único rival dos populares será a lista de Veciños por Agolada, a pesar de que nas eleccións de 2011 tanto PSdeG-PSOE (3 concelleiros) coma BNG (1) conseguiron representación, nun concello dominado polo PP (7), que goberna con maioría absoluta dende 1987. Na Pobra de Trives serán dúas as listas que competirán cos populares, a Agrupación Trivesa de Independentes, que goberna dende 2011 (cando superou o PP por uns poucos votos), e Son de Trives, candidatura veciñal impulsada por Anova.

Ademais destas dúas, noutras 12 localidades galegas os socialistas non puideron confeccionar unha lista. Sorprende que a maioría se sitúen na provincia da Coruña: Coirós, Zas, Moeche, Curtis, Frades, Vilasantar e Vilarmaior. Nalgúns casos, trátase de concellos nos que goberna o BNG (Zas) ou nos que os nacionalistas foron en 2011 claramente a principal alternativa ao PP (Vilasantar ou Moeche). Noutros concellos, en cambio, os populares dominaron con claridade en 2011, e terán agora unha oposición aínda máis limitada; é a situación de Curtis (onde o PP obtivo 8 de 11 concelleiros), Vilarmaior (8 de 9) ou Coirós (8 de 9). Diferente foi a situación en Montederramo ou Vilariño de Conso, concellos nos que o PP se fixo coa maioría absoluta cunha marxe máis pequena sobre o PSdeG-PSOE: 54% dos votos fronte a 44% en Montederramo e 47% fronte a 32% en Vilariño, e onde agora só terá como rival ao BNG.

E máis singular é o caso de Portas (Pontevedra). En 2011 o PP obtivo unha cómoda maioría absoluta, con 7 concelleiros (e o 60% dos votos), fronte aos 3 do BNG e 1 de PSdeG-PSOE. Santiago Carballo, que hai catro anos encabezou a lista do PSdeG-PSOE, integrouse na candidatura do BNG, que liderará, e na que tamén se incorporan independentes. A decisión foi aceptada pola Executiva do partido en Galicia, que apoia unha manobra que unifica a esquerda na localidade co obxectivo de expulsar os populares dun goberno que lideran dende 1992.

 

As ausencias do BNG

Entre o medio cento de concellos galegos que non contarán con lista do BNG hai algúns casos nos que esta ausencia se debe á marcha da formación de alcaldes e edís cara a outras formacións, coma nos casos de Manzaneda (Anova), Vilar de Santos e Maceda (CxG). Ademais destes, danse outros casos nos que localidades que non terán candidatura do BNG si a terán de Compromiso por Galicia (Ourol, Parada de Sil ou Rairiz de Veiga) ou de listas cidadás cunha destacada participación de Anova (Boborás, Beariz ou Pobra de Trives). Non serán os únicos concellos nos que, ausente o BNG, haberá listas veciñais de cambio que competirán con PP e PSOE. Será o caso, por exemplo, de O Irixo, Folgoso do Courel ou Punxín.

Hai varios concellos nos que o dominio do PP é esmagador e nos que agora os e as votantes só terán como alternativa única ao PSdeG-PSOE, como sucederá en Chandrexa de Queixa, Baltar, Sarreaus, Padrenda, Cerdedo ou Quintela de Leirado

Chama atención, igualmente o caso de concellos como Alfoz, Bóveda, A Lama,  Pol, Sober, Porqueira ou Valga, nos que o BNG tamén contaba con representación (en Valga dende 1995), e nos que nestas eleccións non presentará lista. Singular, cando menos, é o panorama no concello da Lama, no que o BNG non presenta lista e, canda a PP e PSdeG-PSOE, tamén o fai Ciudadanos.

Noutros lugares nos que o Bloque está ausente, ao igual que sucedía á inversa, o PSdeG-PSOE é o gran dominador da política municipal, como Dumbría (onde os socialistas tiveron en 2011 9 dos 11 concelleiros), Pedrafita do Cebreiro (7 de 9), Cervantes (6 de 9), Petín (6 de 9), Cortegada (6 de 9), ou Calvos de Randín (6 de 9). Porén, hai moitos máis nos que o dominio do PP é esmagador, e nos que agora os e as votantes só terán como alternativa única ao PSdeG-PSOE, como sucederá en Chandrexa de Queixa, Baltar, Sarreaus, Padrenda, Cerdedo ou Quintela de Leirado

O BNG presenta en Avión unha lista encabezada polo propio Xavier Vence e na que figuran varios deputados e deputadas Dominio Público Praza Pública
En Agolada (a súa casa do Concello na imaxe) e A Pobra de Trives nin BNG nin PSdeG presentan lista Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.