A "Galicia nova" prometida por Feijóo, tres anos despois

Un intre da investidura de 2009, co Goberno bipartito aínda nas súas bancadas © Parlamento de Galicia

O 14 de abril de 2009 Alberto Núñez Feijóo accedía á tribuna do Parlamento de Galicia coa aureola de quen encabeza unha vitoria inesperada. Nas bancadas azuis do hemiciclo do Parlamento os membros do Goberno bipartito, aínda noqueados polo resultado electoral do 1 de marzo, asistían con xesto serio á primeira posta en escena do futuro presidente. Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana dialogaban con intensidade, "máis que en toda a lexislatura anterior", comentaban algúns dos máis veteranos observadores do lexislativo galego, mentres Feijóo comezaba a lectura das corenta e seis páxinas do seu discurso de investidura. Este martes o candidato popular será de novo o protagonista dunha sesión semellante, rodeada dunha expectación sensiblemente menor da de 2009 e con moitos das promesas de hai tres anos aínda por cumprir.

Aquel 14 de abril Feijóo presentaba as súas credenciais para construír unha "Galicia nova, sen rancores nin dogmas" baseándose nun "programa de acción que supere os estériles antagonismos e disensións ideolóxicas". Para isto, aseguraba, ía rematar coa "contraposición excluínte do público co privado", ía construír un gobenro "que crea verdadeiramente na capacidade transformadora do sector público" e, ademais, ía "traballar pola cohesión social", tanto entre xeracións como entre mulleres e homes. Para todo isto o primeiro chanzo sería recuperar "o senso auténtico do dereito e as leis".

"Termos como sectarismo, caciquismo, enchufismo ou partidismo só terán significado para referirnos ao pasado", prometeu

"O Goberno que eu hei de presidir respectará as leis" e "traballará "para que "termos como sectarismo, caciquismo, enchufismo ou partidismo só teñan significado entre nós para referirnos ao pasado", asegurou daquela Feijóo. Malia estas promesas non foron poucas as ocasións ao longo da lexisaltura nas que o Goberno galego foi acusado de pór por diante os intereses do PP -por exemplo, á hora de cargar recorrentemente contra o Goberno central mentres o presidiu Zapatero ou no reparto de fondos autonómicos entre concellos- ou de bordear as leis, xa fose coa derrogación do plan eólico do bipartito ou coa posta en marcha do denominado decreto do plurilingüismo, cuxos contidos veñen de ser parcialmente declarados "ilegais" polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

"Un presidente que non lles minta"

Dende unha omnipresente referencia á "austeridade" Feijóo amosábase "convencido" de que "os galegos queren un presidente que non lles minta, por moi piadosa que puidese resultar esa mentira". Así e todo, nos últimos anos o líder conservador si tivo que acomodar o seu discurso á realidade en función das circunstancias. Aconteceu, por exemplo, cando se viu obrigado a recuar e non gastar un millón e euros nunha campaña para promocionar o devandito decreto plurilingüe apenas vinte e catro horas despois de negar no Parlamento a existencia de tal campaña. Do mesmo xeito, a oposición tamén lle reprochou que non contou "a verdade" en procesos como a negociación do financiamento autonómico, a fusión das caixas de aforro ou as negociacións coa petroleira Pemex.

Neste contexto, a relectura daquel discurso permite tamén observar diversas promesas aíndan por cumprir. Así, por exemplo, fronte ao cumprimento dalgúns proxectos enunciados naquel discurso -caso do plan estratéxico da economía, das Directrices de Ordenación do Territorio ou do Plan de Ordenación do Litoral-, no caixón dos incumrpimentos están plans como a "renovación" do Igape para convertelo en órgano de "coordinación de todas as axudas vencelladas ao desenvolvemento empresarial de Galicia", ou o reforzamento da "protección dos consumidores galegos de servizos financeiros, un campo no que os consumidores se atopan particularmente indefensos". Apenas dous anos despois estourou en toda a súa crueza o escándalo das preferentes.

Feijóo comprometeuse a reforzar a "protección dos consumidores galegos de servizos financeiros", aos que vía "particularmente indefensos"

Ao capítulo das promesas incluídas naquel discurso que non chegaron a ver a luz está tamén o "plan autonómico de emprego" ou a "rebaixa do tramo atonómico" do IRPF. Segundo anunciara daquela, íase concretar "no primeiro escalón da tarifa autonómica, isto é, a que afecta ás familias cuxa base liquidable é inferior a 17.707 euros" e que favorecería a 600.000 persoas, aseguraba. Igualmente, aseguraba que o seu goberno xestionaría "a transferencia da titularidade das autoestradas" AP-9 e AP-53, que crearía o Consorcio de Transportes de Galicia ou que lograría o "saneamento de todas as rías galegas, acelerando a tramitación e construción das depuradoras pendentes".

Do mesmo xeito, tampouco viron a luz reformas como a do regulamento do Parlamento, da Lei de Policía ou a do propio Estatuto de Autonomía, todas elas incluídas no mesmo discurso de investidura. Si se fixo efectiva outra das reformas prometidas, a dos medios de comunicación públicos, se ben a lei -pactada por PP e PSdeG- para reformar a CRTVG aínda non comezou a ser a aplicada.

 

Feijóo, nun intre do debate de investidura de 2009 © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.