A Garda Civil denuncia ao Concello de Gondomar por sinais en galego de hai unha década

Un dos sinais en galego denunciado agora pola Garda Civil en Gondomar nunha imaxe de Google de 2013 Dominio Público Google Street View

A Garda Civil de Gondomar volve evidenciar que ten un problema coas linguas oficiais do Estado español. Hai dous anos a Defensora del Pueblo censurou que un veciño da vila non puidese ser atendido en galego polos axentes dese cuartel, que argumentaron que descoñecían a lingua. Desta volta, a Garda Civil destinada na vila vén de denunciar ao propio Concello de Gondomar por tres carteis de tráfico rotulados só en galego. A denuncia prodúcese agora malia que os carteis levan máis dunha década colocados.

A lei di que as indicacións escritas que leven os sinais de tráfico deben estar, polo menos, en castelán, e ademais na lingua cooficial da comunidade autónoma que a teña. Porén, o rechamante do caso é que os tres sinais agora denunciados levan máis dunha década instalados cos textos só en galego nos accesos a un instituto e a un polígono industrial. Son sinais vermellos con franxa branca claramente recoñecibles de dirección prohibida nos que se incorporaron textos en galego que contemplan a excepción de que si poidan circular máis alá deles o profesorado do centro e os usuarios do polígono.

Desde que están instalados, o municipio foi gobernado a maioría do tempo polo PP, pero a sanción chega agora que está á fronte un bipartito de PSdeG e Manifesto Miñor

Durante os anos que levan os sinais instalados, o goberno local de Gondomar estivo a maioría do tempo en mans do PP, pero a sanción chega agora que goberna un bipartito de PSdeG e Manifesto Miñor, que encabezan respectivamente o alcalde socialista Paco Ferreira e Antonio Araujo, que fora rexedor previamente polo BNG. Este último, tenente de alcalde no goberno actual, considera “un disparate” a denuncia, que entende que é un ataque contra o galego desproporcionado por producirse agora malia que os sinais levan anos instalados.

Outro dos sinais en galego denunciado agora pola Garda Civil en Gondomar noutra imaxe de Google de 2013 Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.