A Garda Civil investiga se o PP carrexou anciáns con demencia para votar por correo en Riotorto

Vista da vila de Riotorto © Concello de Riotorto

Novo chanzo na investigación da presunta carretaxe de anciáns "con demencia" para votar en Riotorto. Despois de que o BNG, que actualmente goberna o Concello, denunciase ante a Xunta Electoral de Zona que "os candidatos do PP" na vila estaban "movendo persoas anciás" ata a oficina de Correos da Pastoriza para, alí, tramitarlles o voto postal malia non estaren "capacitados" para decidilo libremente, a Garda Civil vén de iniciar unha investigación sobre o asunto.

Unha vez que as autoridades electorais teñen sobre a súa mesa a denuncia, na que se achegan testemuños sobres casos concretos, iniciáronse "dilixencias informativas" que levaron a Garda Civil da Pontenova a "poñerse en contacto con diversas persoas" en Riotorto para "iniciar unha investigación sobre estes feitos", segundo indica o Bloque local. "Sabemos que é moi díficil, que hai moitos cabos que atar", indica o alcalde da vila, Federico Gutiérrez, quen, non obstante, agarda poder conseguir que os votos logrados baixo presión non cheguen a entrar nas urnas.

"Consideramos necesario que se proceda a investigar a actuación do candidato do PP de Riotorto", Clemente Iglesias a respecto destes traslados de anciáns ás oficinas de Correos, pero "tamén con outros feitos que diversos veciños puxeron no noso coñecemento". Así, asegura, Iglesias "xunto con outro candidato do PP" realizaron "xestións en relación co arranxo do voto a dúas veciñas de Riotorto residentes nun centro xeriátrico dun concello veciño" e "segundo varias versións, foron trasladadas en coche á oficina de Correos desa localidade veciña para exercer o dereito ao voto" malia padeceren un "evidente estado de deterioro psíquico".

O BNG de Riotorto solicita que os votos que cheguen xunto a certificados médicos que indiquen "demencia" non sexan contabilizados o día das eleccións

Segundo os denunciantes estas "xestións do voto por correo" por parte dos populares chegaron tamén a Ribadeo, para procuraren o sufraxio de "veciños de Riotorto residentes nesa vila, ata o punto de ter exercido o voto sen cumprir coas formalidades que a lei electoral fixa". Dadas as circunstancias, o BNG vaise dirixir de novo á Xunta Electoral de Mondoñedo para que non cheguen a ser contabilizados os votos por correo que vaian acompañados de certificados médicos que indiquen que a persoa "se atopa en estado de demencia", xa que "se atopan mermadas das facultades físcias que permiten discernir o sentido do voto" e non "teñen consciencia da opción electoral pola que optan".

Vence lamenta o "amparo" de Feijóo

Mentres a Garda Civil iniciaba a investigación da presunta carretaxe o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, aproveitaba unha visita a Lugo para dirixirse directamente a Alberto Núñez Feijóo a respecto deste caso. Despois de que, durante a fin de semana, o presidente da Xunta e do PPdeG retrucase implicitamente á denuncia alertando da posibilidade de que "municipios como Mondoñedo, gobernado polo Bloque, se convertan en Venezuela", o líder nacionalista considera un "escándalo" que "o señor Feijóo ampare unha práctica absolutamente antidemocrática en Riotorto".

"Non todo vale, Feijóo ten que encaixar a derrota onde a cidadanía lle retira a confianza ao PP"

Os feitos denunciados polo alcalde riotortense, di Vence, supoñen "un auténtico delito electoral" que, afirma, "tamén se dá noutras partes do país, onde o PP se aproveita das minusvalías das persoas maiores", levándoas a "votar por correo" malia "non seren conscientes dos seus actos". "Non todo vale, Feijóo ten que encaixar a derrota alí onde a cidadanía retire retirarlle a confianza ao PP e aceptar os resultados democraticamente", afirma.

Vista da vila de Riotorto © Concello de Riotorto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.