A implantación de Podemos en Galicia

Asemblea de Podemos en Ferrol, o pasado mes de xuño Dominio Público Podemos Ferrol

Con case nula estrutura, Podemos irrompeu nas pasadas eleccións europeas en Galicia con preto de 85.000 votos e situándose como a cuarta forza por detrás de AGE e un chisco por riba do BNG. Malia carecer de caras visíbeis no país e mesmo de sedes, a formación que lidera Pablo Iglesias foi tamén aquí a gran sorpresa electoral. Pasados cinco meses, varias enquisas sitúan o partido como clara alternativa de goberno no Estado e a súa escasa visibilidade autonómica non impide que a súa implantación vaia medrando.

"Galicia é un dos territorios de maior implantación de Podemos", asegurou esta fin de semana en RNE a compostelá Carolina Bescansa, unha das fundadoras da formación, residente en Madrid desde hai anos e profesora na Facultade de Ciencias Políticas da Complutense. "Están a agromar moitos círculos e a xente está traballando desde o principio", engadiu unha das caras visíbeis do partido.

Galicia achega máis de 13.500 afiliados a Podemos, sendo unha das autonomías con maior implantación

Atendendo ao número de inscritos, a importancia de Galicia na base militante de Podemos semella cada vez maior. Segundo os últimos datos difundidos pola formación -e que son sempre provisionais ante a continua inscrición de cidadáns vía web-, o país achega 13.566 inscritos a un total de máis de 216.000 no conxunto do Estado. Son, xa que logo, arredor do 0,59% do censo electoral, 59 por cada 10.000 persoas adultas, unha proporción semellante á media estatal e que sitúa Galicia entre as comunidades autónomas con maior implantación.

Destacan, por riba de todas, Asturias -con 7.243 inscritos, uns 78 por cada 10.000 censados- e Madrid, con máis de 40.000 afiliados e un 0,77% do censo eletoral. A continuación, sitúanse -dependendo das variacións diarios que se producen na listaxe- a Comunitat Valenciana, Galicia, Euskadi, Aragón e Cantabria, cuns resultados semellantes en proporción tanto á súa poboación como ao número de adultos con dereito a voto.

O número de inscritos en Podemos incrementouse en case un 140% nos dous últimos meses en Galicia

Foron os últimos meses, coa necesidade de inscribirse para poder participar no proceso asembleario que remata neste mes e que define o instrumento político de Podemos, cando o número de inscritos de disparou, tanto no conxunto do Estado como en Galicia. No país, o aumento nos dous últimos meses foi de preto do 140%, ao pasar dos algo máis de 5.500 inscritos cos que o partido contaba a principios de setembro aos preto de 13.600 da actualidade. Case 8.000 afiliados máis nuns 60 días.

E se hai unha provincia que destaca nese aumento é A Coruña, que conta con 7.265 inscritos, o que a sitúa como a terceira con maior ratio de afiliados no conxunto do Estado, só por debaixo de Madrid e Asturias, moi preto de Bizkaia (outro dos territorios con máis simpatizantes) e con máis da metade do total de militantes da formación en Galicia. Desde Pontevedra, segundo os datos de Podemos, inscribíronse 4.256 persoas, fronte ás 1.092 desde Lugo e as 953 desde Ourense. No lado oposto sitúanse, á marxe de Ceuta e Melilla, Illes Balears e Cataluña, onde a implantación é bastante feble.

A Coruña, con máis de 7.200 inscritos, é a terceira provincia con maior ratio de afiliados no Estado

En Galicia, os afiliados de Podemos concéntranse sobre todo nos espazos urbanos -especialmente nas cidades de Vigo e na Coruña, aínda que os inscritos espállanse por todo o territorio.

Con estas cifras, Podemos situaríase en Galicia como a segunda forza en número de afiliados, tan só superada polo PP, con máis de 100.000, e por riba dos arredor de 11.000 do PSdeG, dos máis de 7.000 do BNG, dos 1.400 de EU e dos preto de 1.000 de Anova. Non obstante, hai que ter en conta que, a diferenza do que ocorre co resto de formacións, a inscrición no partido que lidera Pablo Iglesias é gratuíta e non supón o pago de cota ningunha. Para recadar fondos, estableceuse un sistema de achegas periódicas mediante doazóns mensuais, trimestrais ou anuais de entre 5 e 50 euros.

Podemos superaría o PSdeG en número de afiliados, aínda que o rexistro no partido non implica o pago de cota ningunha

Pola contra, só as persoas que se rexistran en Podemos teñen dereito a participar nas votacións desta asemblea constituínte aínda activa, tanto á hora de definir o modelo do partido como os membros dos órganos de dirección. Ademais, os inscritos deben acetpar unhas condicións xerais que imlica a aceptación "dos estatutos do partido e dos acordos éticos, organizativos e políticos que aprobe a asemblea cidadá e demais órganos do partido, así como dos métodos de participación e das fórmulas de decisión que lexitimamente se establezan". Aquel que se rexistra pasa a ser, segundo aclara a web, "membro de Podemos" cos "dereitos e obrigas recoñecidas pola lexislación española a todos os inscritos en partidos políticos".

Asemblea de Podemos nunha cidade galega © Podemos A Coruña
Acto de Podemos en Vigo na campaña electoral do 25M Dominio Público Podemos Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.