A incerteza da investidura de Sánchez incrementa a presión sobre a decisión de Feijóo

Xuntanza do comité de dirección do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Alberto Núñez Feijóo esfolla a margarida do seu futuro político dende hai meses alimentando unha incerteza que disparou, ao tempo, o debate sucesorio no PPdeG e o coro de voces internas que instan o actual presidente da Xunta a optar a un terceiro mandato ao consideralo a mellor opción para tentar reter o poder nas complexas eleccións galegas de 2016. Á tensión propia deste panorama engádese un factor que dá lugar a que o líder dos populares galegos teña posta a atención en Madrid con aínda máis intensidade do que adoito, tanto se opta a saltar á política estatal como se non o fai. Os prazos fixados para o inicio da investidura de Pedro Sánchez como posible novo presidente do Goberno de España provocan que, se o socialista non triunfa á primeira, o líder da dereita en Galicia teña que decidir sen coñecer algo ten relevante como se haberá ou non novas eleccións xerais a finais de xuño.

O presidente do Congreso dos Deputados, Patxi López, confirmou este luns que o 2 de marzo comezará o debate de investidura, no que Sánchez tentará obter a confianza da Cámara para ser investido. A fixación desa primeira data provoca o inicio dos prazo legal de dous meses para o desenvolvemento da investidura: o día 3 realizarase a primeira votación, na que Pedro Sánchez precisaría a maioría absoluta para ser elixido. Se isto, como é probable, non sucede, dous días despois deputadas e deputados votarían por segunda vez e o líder do PSOE só precisaría máis votos afirmativos que negativos.

No caso de que Sánchez non triunfe á primeira Feijóo podería ter que decidir se recunca sen saber se haberá novas eleccións xerais

No caso de que Pedro Sánchez non supere esa segunda votación abriríase un escenario incerto e inédito no actual réxime. O socialista podería seguir negociando á procura de apoios, pero tamén podería darse o caso de que o rei abrise unha nova rolda de consultas tras a que lle encargase a Sánchez tentalo de novo ou despois da cal lle propuxese formar Goberno a outra persoa. Sexa como for, o límite para que o proceso finalice é o día 3 de maio. Se nesa xornada non hai novo Goberno correría o prazo legal de 54 días que desembocaría nunhas novas eleccións xerais, o 26 de xuño.

O calendario da investidura crúzase directamente co calendario congresual do PP galego. O día da segunda votación nas Cortes o PP de Ourense elevará de novo á súa presidencia a José Manuel Baltar, único candidato. Ao día seguinte, o 6 de marzo, dirimirase a batalla dos populares lucenses no congreso que elixirá como nova presidenta a Elena Candia ou a Raquel Arias. Se nesa data Pedro Sánchez xa fose presidente, Feijóo tería varias semanas de marxe para definir a súa decisión definitiva e mesmo podería anunciala xusto despois dos congresos provinciais da Coruña e Pontevedra, os días 12 e 13, nos que agás sorpresa se converterán en presidentes Diego Calvo e Alfonso Rueda, respectivamente.

Se finalmente non hai acordo de investidura e o PPdeG dilata as datas o seu congreso autonómico celebraríase en plena precampaña das novas xerais

A incerteza dispararase nas filas dos conservadores se, unha vez completado o ciclo de congresos provinciais, o panorama da investidura aínda non está resolto. Atendendo ao xa anunciado, Feijóo revelará se recunca ou non en abril, mes no que, segundo o previsto, se celebraría o congreso que o reelixiría ou designaría a persoa que o substitúa. As datas poderían prolongarse un chisco máis e achegalas a ese límite do 3 de maio, pero isto implicaría, se finalmente non hai acordo de investidura, celebrar o congreso autonómico do PP en plena precampaña das xerais do 26 de xuño, en torno ás que tamén medraría o debate de se adiantar ou non os comicios galegos para facer cadrar ambas convocatorias.

Pedro Sánchez, con Patxi López na xuntanza tras a que se anunciou o calendario da investidura © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.