A Iniciativa Galega pola Memoria pide a dimisión do alcalde de Baralla polas suas declaracións “fascistoides”

Manuel J. González Capón, alcalde de Baralla © PP

As palabras do alcalde popular de Baralla, Manuel J. González Capón, seguen dando que falar. O seu “os que foron condeados a morte será porque o merecían”, en referencia ás persoas executadas polo réxime franquista, provocou a inmediata resposta do PSdeG-PSOE e este martes son a Iniciativa Galega pola Memoria e o BNG os que demandas o cese do rexedor ou explicación públicas de Alberto Núñez Feijoo, presidente do PPdeG. E tamén os socialistas, que esixen que Barreiro e Feijóo “dean a cara” e decidan “se o alcalde de Baralla debe seguir nos seus cargos”.

Ante a polémica xerada en Galicia e en toda España, o propio González Capón tentou xa unha caste de retractación, afirmando que se as súas palabras foron "ofensivas para alguén", as "retira", e xustificando que no "calor do debate" con esas palabras "dixen que as personas que foran xulgadas e condenadas debían pagar por iso". Esquece, en calquera caso, que mesmo cando as execucións foron precedidas de xuízo, estes se realizaron en tribunais dunha ditadura.

Cousas coma esta son as que lembra a Iniciativa Galega pola Memoria na denuncia que realiza este martes, e nas que pide a dimisión de Manuel J. González Capón. A través da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a plataforma pregúntalle "a quen se refire cando di que o merecían". E lembra as seis mil persoas asasinadas pola represión franquista en Galicia, "as mulleres violadas, as que foron torturadas, as persoas que tiveron que tragar aceite de ricino..." e as "máis de 115.000 persoas que aínda constan como desaparecidas –probablemente soterradas nas gabias- en todo o Estado español". Tamén sinalan que as palabras do alcalde de Baralla "poden ser interpretadas por moitas persoas familiares das vítimas do franquismo como apoloxía do terrorismo".

Os socialistas lamentan asimesmo “a inaceptable resposta e os argumentos do alcalde de Baralla”, que “aínda trata de xustificar o inxustificable"

O PSdeG provincial de Lugo critica o “incomprensible silencio” do líderes do PP en Lugo e en Galicia, José Manuel Barreiro e Alberto Núñez Feijóo, despois das “graves, intolerantes e antidemocráticas manifestacións” do alcalde de Baralla. O coordinador comarcal do PSdeG e tamén deputado Álvaro Santos afirma que Feijóo e Barreiro “deben aclarar de inmediato se apoian estas afirmacións e decidir se González Capón debe seguir nos seus cargos”. Os socialistas destacan a “incoherencia do PP”, que nos últimos tempos “saíu en tromba esixindo dimisións en casos que non admiten nin comparación con estes”, polo que lles piden “un pouco de seriedade e unha reacción consecuente e proporcional á gravidade das afirmacións”. Os socialistas lamentan asimesmo “a inaceptable resposta e os argumentos do alcalde de Baralla”, que “aínda trata de xustificar o inxustificable, cando o único que debera facer é saír de inmediato a pedir perdón e asumir a súa responsabilidade pola gravidade das súas palabras”. 

O Bloque reclama de Feijoo "a condena explícita dos crimes producidos pola ditadura franquista"

Pola súa banda, o BNG esixe do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, "unha explicación sobre posicións que, un día aquí e outro alí, veñen sementando a idea de ser lícito o levantamento militar contra un goberno elixido democraticamente". O BNG advirte de que "son moitos os cargos do PP que pretenden negar a historia por tantos anos ocultada e manipulada para, desta maneira, borrar a memoria das vítimas de tan cruenta represión". O Bloque reclama de Feijoo "a condena explícita dos crimes producidos pola ditadura franquista".

A coordinadora de Compromiso por Galicia en Lugo, Rocío López Pacio, cualificou de “aberrantes, antidemocráticas e delitivas” as declaración do alcalde de Baralla, o popular Manuel González Capón, polo que, “debe dimitir de inmediato como alcalde e deputado provincial por xustificar a violencia e represión franquista e pola súa absoluta falta de respecto ao réxime democrático, facendo apoloxía do terrorismo”.

Finalmente, as Xuventudes Socialistas de Galicia tamén esixiron a dimisión de Manuel González pois “unha afirmación coma esta nun Estado democrático é totalmente inadmisíbel”. O secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, lembrou que “non é a primeira vez que o Partido Popular evita condenar o franquismo” e que “un comentario coma este é de especial crueldade cando aínda hai decenas de persoas que non atoparon os corpos dos seus familiares represaliados por Franco”. As Xuventudes Socialistas afirman que “ao Partido Popular só lle falta cantar o Cara al sol nos seus congresos”.

 

"A frase significa o que significa, dentro ou fora de contexto”

O voceiro do BNG no concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra Pardo, compareceu ante os medios de comunicación para pedir que o PP se pronuncie "sobre o apoio á represión franquista do alcalde de Baralla”. O edil do Bloque dixo que “aínda que agora se queiran excusar a frase é a que é e significa o que significa, dentro ou fora de contexto”. Becerra lembrou que o alcalde chegou a comparar o réxime de Franco co dos Estados Unidos xa que, segundo el, a pena de morte se executa despois dun xuízo. Becerra lembrou que no propio pleno lle dixo ao alcalde que “o que estaba a dicir era unha barbaridade”. O Grupo Provincial do BNG presentará unha moción para o seu debate no vindeiro pleno da Deputación na que se solicitará que os tres grupos con representación  na institución condenen de xeito unánime a apoloxía do crime e do asasinato feita polo rexedor municipal de Baralla. 

Manuel J. González Capón, alcalde de Baralla © Concello de Baralla

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.