Diversas loitas e mobilizacións cidadás marcaron os meses anteriores ás últimas eleccións europeas e esta segunda lexislatura que Núñez Feijóo afronta como presidente da Xunta. A comarca de Bergantiños berrou (e venceu polo momento) contra a mina de Corcoesto, O Irixo fíxoo contra a pretendida Sogama do Sur e Sarria contra as obras que ameazaban o río. Desde Riotorto o consistorio liderou a rebeldía contra o copago farmacéutico, coa que varios concellos prometeron asumir o gasto que esa medida suporía para os seus veciños, e desde A Pastoriza, Monforte ou Pedrafita impulsouse a fronte común contra a reforma local. E cal foi a resposta dos seus veciños nos últimos comicios ante as forzas políticas que apostaron polas medidas que boa parte da súa poboación ou os seus alcaldes rexeitaron? Pois o aumento da abstención, especialmente naqueles concellos onde a reacción cidadá foi maior, ademais dun impulso á esquerda e ao nacionalismo e unha baixada de apoio ao PP.
O PP baixou entre entre 17 e 20 puntos nas localidades ameazadas pola mina de Corcoesto, onde o BNG aumentou o seu apoio e se disparou a abstención
Así ocorreu en Cabana de Bergantiños ou Coristanco, concellos que serían máis afectados pola mina de Corcoesto que a multinacional Edgewater pretendía (e aínda pretende tras a suspensión do proxecto por parte da Xunta) na zona. No primeiro dos concellos, tan só catro de cada dez habitantes censados participaron nos comicios europeos, case sete puntos menos que na convocatoria de cinco anos antes e cunha porcentaxe de abstención (o 60%) bastante superior á media en Galicia (54,5%). Neste municipio, o PP venceu pero baixou máis de quince puntos (do 63,8% ao 47%) e o PSdeG perdeu seis puntos de apoio. Ademais, o BNG aumentou un chisco o apoio de 2009 (7,7%) e situouse ao nivel de AGE (7,8%) e algo mellor que Podemos (4,5%).
En Coristanco, a abstención tamén chegou ao 60%, superou en case oito puntos á de hai cinco anos e tamén diminuíu a participación con respecto á media en Galicia. Os resultados son practicamente idénticos, descendendo o apoio ao PP -en case vinte puntos- e ao PSOE e incluso aumentando a porcentaxe de voto para o BNG, que foi terceira forza co 10,7% fronte ao 8% de 2009. AGE obtivo o 8% dos votos e Podemos, o 3,6%, consolidando a viraxe á esquerda da localidade. Atendendo os datos de ambas as dúas localidades, e sen poder facer unha análise máis detallada, parece evidente que a mobilización cidadá e o rexeitamento á mina desmobilizou moito electorado popular pero mobilizou o do Bloque, que pola contra cae no conxunto do país, e mesmo o de AGE.
A resposta cidadá contra a mina desmobilizou moito electorado popular pero mobilizou o do Bloque e impulsou AGE
Algo semellante ocorreu en Sarria, onde a mobilización cidadá foi clave na variación das polémicas obras de canalización do río e na paralización dos seus efectos máis nocivos para a localidade. A abstención tamén aumenta (en cinco puntos, do 51,6% ao 56,6%) e o PP descende en nove puntos o seu apoio (do 49,8% ao 40,9%), ao igual que os socialistas, que se deixan case trece (do 38,1 ao 25,4%). Pola contra, o Bloque mantén practicamente idéntico o seu resultado ao chegar ao 7,7%, ocupa a terceira forza e supera a AGE e Podemos, que irrompen co 6,3% e o 5,5% dos votos respectivamente. A esquerda, aquí tamén, é maioritaria e podería gobernar se os resultados se extrapolasen a unhas municipais.
Semella claro que a protesta na rúa e a pelexa contra polémicos proxectos que afectan a contorna ou o medio ambiente impulsan a esquerda en xeral e o nacionalismo en particular, que a través do BNG implicouse de cheo en moitas destas loitas sociais.
A esquerda foi maioritaria en Sarria tras as protestas polas obras previstas no río; no Irixo, en loita contra a 'Sogama do sur', o PP baixou trece puntos
No Irixo, durante meses rexeitáronse as intencións dunha Sogama do sur na zona. Aquí a abstención tamén se incrementou (do 51% ao 54,4%) e o PP descendeu en máis de trece puntos (do 72,6% ao 59,1%) malia ser un habitual caladoiro de votos da dereita. Non obstante, foi o PSdeG quen parece que recolleu o apoio, ao aumentar en máis de catro puntos, ata o 17,8%, ao igual que AGE, que chegou a case o 8% de apoio. O BNG, pola contra, descendeu un chisco ao baixar do 4,1% ao 3,8%.
A tendencia, pola contra, non é igual naqueles concellos onde a rebeldía foi liderada polo propio consistorio. O rexedor de Riotorto impulsou o rexeitamento ao copago sanitario que logo seguiron outros municipios, pero a súa formación, o BNG, perdeu apoio apo pasar do 17,6% ao 12,3% destes comicios. Neste caso, o PP tamén perdeu algo de apoio, que foi para o PSdeG nunha localidade onde a abstención case non aumentou -chegou ao 46,6%- e onde AGE e Podemos tiveron un resultado moi baixo.
Algo semellante ocorreu en Pedrafita, A Pastoriza ou Monforte, onde os seus Concellos lideraron a oposición á reforma local en Galicia. As formacións dos respectivos alcaldes perderon apoio. Nos dous primeiros casos o PSdeG -que segue a ser o máis votado na localidade do Cebreiro- e no monfortino o BNG, que descende en apoio (do 10,6% ao 8,7%) pero que ve como socialistas e populares tamén descenden, mentres irrompen con forza AGE e Podemos, que entre os dous alcanzan o 15% do censo.