A lusofonía entra en campaña (e Galicia na axenda política de Portugal)

Xuntanza da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa © CPLP

A lusofonía entra en campaña. Varios medios portugueses destacaban este venres que "Socialistas galegos defendem entrada na CPLP", tal e como titulaba o diario Público. Entrou tamén a carreira electoral galega na axenda lusa a raíz do encontro que o militante do PSdeG e integrante das listas do partido ao 25-S, David Balsa, mantivo o pasado xoves co primeiro ministro portugués, António Costa, para trasladarlle a proposta de que Galicia sexa incluída na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP). 

David Balsa, candidato do PSdeG, trasladoulle ao primeiro ministro portugués a intención de integrar a Galicia na CPLP

Aproveitando a presenza do socialista Costa en Coimbra, co gallo dun consello de ministros extraordinario, o PSdeG quixo trasladarlle as súas intencións e apañar o apoio do goberno portugués a esta proposta, que "por primeira vez se explicita no programa electoral do partido". Así o explica Balsa en conversa con Praza, que destaca que a axenda electoral de Leiceaga foi o que impediu que o propio candidato mantivese o encontro e que tanto Costa como os socialistas se emprazaron para posteriores xuntanzas. "Agardemos que en Monte Pío", di.

"No ámbito da lusofonía, por primeira vez o PSdeG indica explicitamente no programa que, se gobernamos e ao abeiro do que di o Estatuto, imos soliciar o ingreso de Galiza na CPLP. Non é algo vago, senón taxativo. Compromete ao partido, ao candidato e a todos nós e é unha aposta clara e nídia por incrementar o papel internacional do país", explica o tamén membro do Igadi e do Consello da Internacional Socialista sobre unha proposta que desde hai tempo foi reivindicada tamén por formacións de esquerda e o nacionalismo -o BNG solicitouno en varias ocasións- e ao que mesmo se unira, de maneira moito menos clara, o PP. O PSOE meteuse agora de cheo. 

"Imos soliciar o ingreso na CPLP. Non é algo vago, senón taxativo. Compromete ao partido, ao candidato e a todos nós", di Balsa

Tanto, que é o único partido que no programa promete "requirir, ao abeiro das disposicións do Estatuto, que Galicia forme parte da Comunidade dos Países da Lingua Portuguesa", unha comunidade que cre que pode "converterse nunha das plataformas principais para o diálogo e cooperación norte- sur da nova estratexia de Acción Exterior de Galicia, Cooperación Galega e os Fondos Galego de Cooperación ao Desenvolvemento para a aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2015-2030, recentemente aprobados pola ONU".

No Estatuto, o seu artigo 35.3 recolle a posibilidade de establecer tratados ou convenios que permitan o establecemento de relacións culturais con Estados cos que manteña "particulares vínculos culturais e lingüísticos", o que permitiría a Galicia solicitar a adhesión. O pasado mes de xuño, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, aseguraba no Parlamento que o país era "candidato firme" a integrarse na CPLP, segundo lle tiña expresada a propia entidade na súa última xuntanza

A CPLP xa trasladou á Xunta que Galicia é "candidata firme" a integrarse na CPLP

Antes, no Debate do Estado da Autonomía, Feijóo anunciaba que poría en marcha "os mecanismos para que Galicia se incorpore á Comunidade de Países de fala lusófona”, unha proposta que, xa literalmente no texto de resolución presentada polo PP para o seu debate e aprobación, limitábase a pedir “afondar nas relacións internacionais cos países de fala lusófona”, sen citar expresamente a CPLP.

A proposta verbal de Feijóo ía máis alá do que obriga a denominada lei Paz Andrade, aprobada por iniciativa cidadá e cuxo texto concorda é máis xeneralista, sen citar nin insinuar esta organización interestatal. Pero a aposta da Xunta de Feijóo nunca foi clara, en parte polas reticencias do Goberno central para a institucionalización da acción exterior das comunidades autónomas, ademais de pola presenza internacional que a inclusión de Galicia na CPLP lle daría como país no mundo. 

A CPLP está formada por Estados soberanos (Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, Guinea Bisau, Guinea Ecuatorial, São Tome e Principe e Timor-Leste). O seu artigo 7.1 permite a entrada como observadores associados de aquelas entidades territoriais que teñan órganos de administración autónomos, unha condición que parece cumprir totalmente Galicia.  de administração autónomos, condição que a Galiza cumpre, portanto a sua solicitude poderia ser admitida. Cando menos nesta categoría de observador. 

Desde logo, e tendo en conta as posicións xa coñecidas de En Marea e BNG e a aposta agora clara do PSdeG, un hipotético cambio de goberno na Xunta achega máis ca nunca a Galicia á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, creada hai xa vinte anos. "É a primeira vez que un partido que tivo dous presidentes autonómicos e que é o primeiro partido da oposición propón directamente a entrada na CPLP", insiste Balsa, que entregou ao primeiro ministro luso o programa do PSdeG, así como diversa documentación relacionada con esa posible adhesión á entidade. 

David Balsa (PSdeG), no encontro con António Costa Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.