A Marea Atlántica comeza a preparar a súa candidatura ás municipais

Presentación pública da Marea Atlántica © Marea Atlántica

A Marea Atlántica comeza a preparar a súa candidatura ás municipais na Coruña. A partir do vindeiro venres 9 de xaneiro, comeza no IES Elviña a Marea Viva, un foro de cinco semanas previo á convocatoria das súas primarias e á conformación da candidatura coa que se presentará aos comicios "para gañar e poñer as institucións ao servizo da maioría social".

A Marea Viva dotará a Marea do sistema de primarias, da metodoloxía para a elaboración do programa, do código ético e da súa forma xurídica

Durante a Marea Viva, esta plataforma cidadá de confluencia dotarase "de maneira democrática" e logo dun "profundo debate de catro ferramentas básicas", entre outras, para presentarse ás eleccións: o sistema de primarias co que confeccionará a súa lista, a metodoloxía para a elaboración participativa do seu programa electoral, o código ético que asumirán os seus cargos electos e a forma xurídica coa que concorrerá finalmente aos comicios de maio de 2015.

A Marea Viva, aberta á cidadanía previa inscrición na web da Marea Atlántica, consta de tres partes. A primeira, a chamada Marea Baixa, a que ten lugar a vindeira fin de semana, de venres a domingo, e está dedicada á reflexión e ao debate. Na segunda, Entre Mareas, a máis longa, presentaranse propostas para cada unha das áreas de debate. Finalmente, na Marea Alta, na fin de semana do 6 ao 8 de febreiro, votaranse as propostas definitivas.

Tras catro semanas de reflexión, debate e proposicións, na Marea Alta votaranse as propostas definitivas do 6 ao 8 de febreiro

"A partir de aí, a Marea Atlántica xa estará en disposición de convocar as súas primarias e armar o programa electoral co que se propón transformar A Coruña", explican nun comunicado.

A Marea Baixa componse de coloquios, obradoiros e plenarios que, ao longo da fin de semana vindeira, pretenden afondar nas cuestións sobre as que se van tomar decisións a curto prazo. "Participarán expertas e expertos, convidados e convidadas doutras iniciativas municipalistas de todo o estado, cidadáns e cidadás activas no día a día da Marea Atlántica e representantes de todas as forzas políticas que, a tal hora, están a apoiar o proceso dende abaixo, a través do traballo, a título estritamente individual, dos seus militantes e das súas militantes".

O programa completo destas xornadas, que comezan o venres ás 17.30 no salón de actos do IES Elviña cun acto de presentación e un coloquio, farase público nos próximos días.

Presentación ante os medios da Marea Atlántica na Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.