A Marea Atlántica insta a impulsar o galego "máis alá das paixóns tristes"

O roteiro, ao seu paso pola Rúa Real CC-BY-SA Marea Atlántica

Na véspera do Día das Letras a Marea Atlántica foi de roteiro pola "alma da cidade" da Coruña. Dende o Obelisco, pola Rúa Real, polo Rego de Auga e ata estatua de María Pita, na praza que lle dá nome, a membros da plataforma municipalista e persoas do mundo da cultura observaron a cidade, detivéronse en recunchos que falan de cinema, de letras ou de pintura e remataron a bailar ante a Casa do Concello. Alí, onde aspiran a entrar a partir do 24-M, o candidato da Marea á alcaldía coruñesa, Xulio Ferreiro, bosquexou o roteiro da candidatura nun ámbito especialmente esquecido pola práctica totalidade dos gobernos locais: a promoción da lingua galega que, ao seu xuízo, cómpre impulsar alén das "paixóns tristes".

"A lingua e a cultura galegas" son "un ben común", que é o que persegue a candidatura, di Ferreiro. Por iso cómpre "coidala entre todas e todos". "A lingau e a cultura galegas perténcenlle á xente e non imos deixar que ninguén as desprece ou as privatice", advirte". A xuízo do cabeza de lista tamén a lingua e a cultura do país "necesitan unha marea" que "sume, que seduza, que poña no centro o que nos une e nos proxecte cara ao futuro" máis alá desas "paixóns tristes". Esa, di, ten que ser unha "marea radical na defensa do común", "alegre e creativa no combate contra o sectarismo e a ignorancia".

Ferreiro: "Non imos conseguir resultados novos con métodos vellos e obsoletos de sempre, precisamos ferramentas novas que aseguren o respeto dos dereitos das e dos galegofalantes"

No caso de chegar ao goberno da Coruña a partir do 24-M, sinala, a Marea defenderá que é "hora de recuperar o orgullo e o respecto polo noso, superando a cultura do reproche". "É hora -afirma- de abandonar dunha vez o Medulo e baixar á vida imperfecta e vizosa da xente común". Neste sentido, coida que chegou tamén a hora de "substituír os trebellos que xa non serven e imaxinar un novo discurso para a lingua e a cultura galegas do século XXI". "Non imos -augura- conseguir resultados novos cos métodos vellos e obsoletos de sempre", por iso "precisamos ferramentas novas que aseguren o respeto dos dereitos das e dos galegofalantes, porque sen voz, sen lingua, tampouco hai vida digna". "Precisamos ferramentas -ilustra- que poñan de novo a andar a factoría de ideas desta cultura e lle devolvan a condición que nunca debeu perder, a de ser software da imaxinación, o código aberto do futuro".

Para comezar este camiño o candidato da Marea chama a exercer unha reivindicación das "voces baixas" que pulan a diario pola lingua en ámbitos diversos. "As voces baixas que traducen ao galego os subtítulos das nosas series favoritas", as que "deixan a voz, tamén en galego, en Riazor" durante os partidos do Dépor. Tamén, asemade, "as voces baixas que viven e traballan a lingua e a cultura galegas fóra das zonas de confort" ou as que "falan de política nunha taberna de barrio". Todas esas "voces baixas converten a lingua no que é: un músculo do pracer", conclúe.

Ferreiro intervén ante o Pazo de María Pita CC-BY-SA Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.