En Marea non terá, como era previsible, grupo parlamentario de seu no Congreso dos Deputados. A Mesa do Congreso reuniuse este mércores para estudar as solicitudes de constitución de grupos e deulles luz verde a seis -PP, PSOE, Unidos Podemos, Ciudadanos, Esquerra e PNV- mentres que tombou o das dúas confluencias de Podemos que reclamaran grupo propio, En Marea e mais A la Valenciana. O argumento do órgano agora presidido por Ana Pastor foi o mesmo que o esgrimido tras o 20-D: o artigo do Regulamento da Cámara que, resalta, "prohibe expresamente formar grupo diferenciado a deputados que non se enfrontasen na contenda electoral".
A negativa do órgano reitor da Cámara Alta xa fora asumida polos cinco representantes de En Marea ao solicitaren a constitución do grupo, trámite que en decembro non chegaran a formalizar. Desta volta si o fixeron co obxectivo declarado de, cando lles fose denegado, recorrer ante o Tribunal Constitucional. Xa avanzaran, asemade, que ao non obteren o grupo solicitado farían uso da vía regulamentaria que permite incorporarse a un dos si autorizados, o de Unidos Podemos, "no marco do diálogo e da alianza fraterna compartida", din. Este mecanismo, cren, permítelles dispoñer dun "instrumento que defenda a cidadanía galega e manteña as características dun grupo parlamentario propio".
Alexandra Fernández ve "certificado" o "modus operandi caciquil" da Mesa
Para a voceira de En Marea, Alexandra Fernández, a decisión da Mesa certifica "o modus operandi caciquil que se estende ás institucións" por ser "absolutamente arbitraria" e responder, ao seu xuízo, a "intereses de partido, no canto de a intereses democráticos" xa que, afirma, a coalición cumpría os "requisitos" ao ter máis de 5 escanos e máis do 15% nas circunscricións galegas. "A Mesa só actúa baseándose en chantaxes, se apoias ao PP para a Mesa é moito máis doado ter grupo propio", lamenta a deputada, quen censura o que considera unha "dobre vara de medir" con relación, por exemplo, á flexibilidade amosada con CDC. "Imos desenvolver todas as medidas legais oportunas", avanza.
O grupo de Convergència, "en suspenso"
Tras ter o apoio do PP, o grupo de CDC é freado polo seu nome xusto despois da aprobación do "proceso constituínte" en Catalunya
Fronte ás resolucións a respecto dos grupos constituídos e da negativa para En Marea e A la Valenciana, a Mesa do Congreso decidiu "deixar en suspenso" a solicitude presentada polos deputados de Convergència Democrática de Catalunya. Despois de que o PP se manifestase nos últimos días favorable a que a formación catalá si contase con grupo malia non contar cos requisitos regulamentarios para acceder a el -non acadaron a porcentaxe mínima de voto esixido en todas as circunscricións nas que se presentaron", a Mesa bota man agora de argumentos nominais para frear a operación.
Poucas horas despois de que, co apoio de Junts pel Sí, o Parlament de Catalunya aprobase as conclusións da comisión do "proceso constituínte", a Mesa do Congreso, di Pastor, frea o proceso porque a proposta implica que o grupo non leve o nome de Convergència, senón que sexa chamado Grupo Parlamentario Catalán (Partit Demòcrata), isto é, a denominación aprobada pola formación na súa recente asemblea. Segundo a xefa da Cámara, a Mesa ve "conveniente solicitar aos propoñentes os criterios nos que basean a súa proposta", xa que o nome é correspóndese co "dun partido xa rexistrado previamente".